Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2014/2015

Teatro Radiofónico

O luns 25 de maio, pola tarde, un grupiño de rapaces e rapazas de 4º de ESO fixo o camiño cara a “Radio-Redondela” baixo un sol de xustiza. Aínda que a calor apretaba, os ánimos ilusionados non decaían.

Marcos Carballido, Luis A. Cruz, Laura Freitas, Aldara García, Silvia García, Inés Martínez, Uxía Martínez, Lucía Mouriño, Pablo Otero, Claudia Roza e Rocío Toucedo estaban nerviosos porque ían ler, en Radio Redondela”, dous textos de autores que este curso traballaron na aula. Dunha banda, a peza teatral A tía Lambida de Eduardo Blanco Amor e  doutra, unha versión teatralizada que realizaron sobre o relato “O amigo Delmiro” que forma parte do libro de relatos Erros e Tánatos, escrito por Gonzalo Navaza.

Foron estupendamente atendidos en “Radio Redondela”. Daquela, e en xustiza, o noso agradecemento. E parabéns para estes magníficos alumnos e alumnas, sempre dispostos a aprender, a colaborar  e, asemade, a pasalo ben.

Premede na foto para ver mais.

 

 Para escoitar as dúas premede en:

Charla “Inter-acción persoa-ordenador"

O luns, 25 de maio estivo no noso centro o profesor de Informática da Facultade de Enxeñería Técnica de Vigo, D. Manuel Pérez Cota, especialista en linguaxes e sistemas informáticos.

 O profesor faloulle ao alumnado de 1º de Bacharelato da inter-acción entre as persoas e os ordenadores, explicoulles algunhas nocións do desenvolvemento do software en empresas industriais e no sistema educativo. E fíxoos reflexionar de xeito moi ameno sobre diferentes cuestións nas que non  se  adoita reparar.

O noso agradecemento ao profesor Manuel Pérez e os nosos parabéns polo ben que soubo transmitir os seus coñecementos aos nosos rapaces e rapazas.

 

 

.

 

Encontro co escritor Xosé Luís Méndez Ferrín

O xoves, 14 de maio, o alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato tivo a honra de poder asistir a unha conferencia deste insigne persoeiro galego, a quen coñecemos non só por ter sido Presidente da Real Academia Galega, por ter colaborado con diferentes artigos na prensa… senón tamén e fundamentalmente por ser un GRAN escritor  con cuxos libros adoitamos traballar na aula.

Puidemos disfrutar deste encontro grazas á asociación de Estudantes de Redondela (ARDE).

 

 

 

 

 

.

 

Autodescricións expositivas de 1º ESO-C

Entrando no centro e indo cara á cafetería, podedes ver dous paneis nos que os nosos rapaces e rapazas de 1º de ESO-C, a través dun fermoso e divertido traballo realizado na materia de Lingua Castelá, impartida pola súa profesora Catalina, nos contan cómo son, o qué lles gusta, o que non lles gusta, o que lles gustaría ser, facer… Coñecementos teóricos e prácticos sobre a descrición exemplificados neles mesmos.

Aprender non sempre é aburrido!!!

 

 

 

E O MAIO TAMÉN CHEGOU AO MENDIÑO

Aí vén o maio de flores cuberto

Aínda que este ano non puidemos facer o maio, si falamos del. Malia a choiva que está a chegar, ventámolo, sentímolo na nosa pel. O arrecendo do fiúncho, a luminosidade e ledicia dos pampullos, o colorido das laranxas... A natureza estoura, os cantares agroman nas gorxas, a ilusión dos nenos e nenas baila nas rúas... Chegou o maio. Chegou o noso maio. É tempo de fartura, de compartir risos, de cantar coplas...

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

.

 

 

A ACTRIZ MARIAM BAÑOBRE NO MENDIÑO

Estupenda esta actividade que se levou a cabo o xoves, 29 de abril. A actriz Mariam Bañobre (integrante do grupo teatral “Ibuprofenoteatro”) estivo con todo o  alumnado de 3º e 4º de ESO compartindo saberes e experiencias teatrais radiofónicas durante unha hora. E dúas horas máis impartiu, a un pequeno grupo de 3º de ESO e outro de 4º, clases prácticas nas que lles aprendeu técnicas teatrais como xogar coa voz, cos movementos corporais... Estes foron os elixidos, pois van participar nun concurso de Teatro Radiofónico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do concello de Redondela (Xa vos informaremos)

Foi verdadeiramente estupendo! Amais dunha estupenda actriz, pareceunos unha perfecta comunicadora e unha persoa “super” agradable, moi humana, cordial e agarimosa.

A nosa grande satisfacción e o noso enorme agradecemento a esta actriz, ao Servizo de Normalización Lingüística do concello de Redondela e ao noso Equipo de Normalización Lingüística (que o fixeron posible). E a ver se é posible repetir o curso vindeiro!!!

 

 

 

 

 

PERCORRIDO POR REDONDELA

O martes, 28 de abril de 2015, os alumnos e alumnas de 3º de PDC realizaron un percorrido pola vila para analizar a morfoloxía urbana da mesma. Acompañados da profesora de Ámbito Sociolingüístico, foron constatando os enormes cambios que sufriu a vila ao longo da historia: o recheo da marisma, o cambio do trazado dos ríos, as modificacións urbanas (rúas, edificios...) que se levaron a cabo, etc.

 Asemade, valoraron as actuacións arquitectónicas que se realizaron, tanto para ben como para mal, e que reflicten os problemas da vila e as solucións buscadas aos mesmos.

 Voltaron cunha imaxe distinta da nosa vila. Incluso descubriron aspectos da mesma (historia, edificios, etc.) que non coñecían. Agora teñen unha nova perspectiva do que se pode facer para non perder máis do patrimonio que aínda conservamos.

 Deberíanse facer máis saídas deste tipo para coñecer e valorar o que é noso.

 

 

 

 

20-25 DE ABRIL: VIAXE A LONDRES

O Departamento de Inglés levou a alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato a Londres.  Entraron en contacto directo coa lingua, comprobando (algúns moi sorprendidos) como eran quen de se desenvolveren sen maiores problemas nese idioma.

 No apartado cultural, algúns alumnos, coa axuda previa do profesorado, explicaron aos seus compañeiros aspectos interesantes dos museos, a galería Nacional e a arquitectura de Foster. Tamén visitaron catedrais, monumentos… e mesmo tendas e lugares de lecer onde tiñan que expresarse en inglés.

As súas profesoras Rosa Ruggiero e Conchi Vázquez volveron enormemente satisfeitas coa actitude e o interese destes nosos rapaces e rapazas, que  foi exemplar. Xa que logo, e unha vez máis, sentímonos orgullosos do noso alumnado ao que queremos, desde esta páxina, FELICITAR.

Preme en "AS NOSAS FOTOS" para ver as fotos.

 

 

 

 

 

 

Asistencia do alumnado a "REDONDELA EN CURTO"

A asociaRedondela en curtoción ANDAINA e os organizadores do Festival “REDONDELA EN CURTO” ofrecéronnos a posibilidade de asistirmos a un pase das curtametraxes finalistas no II Premio Andaina. O acto foi o día 24 de abril, pola mañá. O noso alumnado de 2º de ESO e algún de 1º de Bacharelato puido asistir á proxección das sete curtametraxes finalistas, proxección que conseguiu abraiar e emocionar aos nosos rapaces e rapazas.

Queremos verdadeiramente felicitalos polo seu estupendo traballo, tanto o da propia Asociación Andaina, como o da organización “Redondela en curto”. Somos conscientes do enorme esforzo realizado a prol da concienciación social e a prol da cultura en xeral. Ficamos abraiados perante dese estupendo e incrible traballo co que se nos demostra que, malia as insuficientes axudas económicas, a ilusión e o empeño duns poucos soñadores conseguen uns resultados tan impresionantes como os que este Festival nos agasalla e nos enorgullece aos redondeláns e redondelás.

Xa que logo, os nosos parabéns para os organizadores en xeral, que non decaian os azos, que non se esvaeza a ilusión. E moi en particular para Cuchi Carrera, alma ilusionada e loitadora deste proxecto fermoso proxecto.

 

 

 

 

 

Charla e audiovisual de J. Antonio Orge: “REDONDELA ONTE E HOXE”

O luns, 20 de abril, pola tarde, tivemos a oportunidade de termos no noso centro a J. Antonio Orge Quinteiro, presidente do Seminario de Estudios Redondeláns (SEREN) e investigador da nosa historia local. Autor dun dos primeiros libros sobre a nosa fermosa illa de San Simón: As illas de San Simón. Unha aproximación á súa historia, ou a obra titulada Redondela a través do tempo , amais de diferentes artigos de diversos temas sobre a súa benquerida Redondela, publicados en diferentes revistas e suplementos culturais de xornais.

Poderiamos dicir –sen lugar a equivocarnos- que é unha das persoas que máis sabe sobre a historia e a xente redondelá. Boa mostra disto foron as imaxes e as explicacións que nos foi achegando coas que se podían ver e entender os cambios urbanísticos e paisaxísticos acontecidos en Redondela ao longo do tempo.

Queremos agradecerlle enormemente que compartise connosco o seu tempo e algo do moito que el sabe sobre a nosa Redondela, que el tanto quere e pola que tanto traballa.

 

 

 

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut