Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2013/2014

Acrosport de 4º ESO

O ACROSPORT chegou ao Mendiño da man do Departamento de Educación Física. O profesor Rogelio Narciso traballou co seu alumnado de 4º de ESO este novo e moderno deporte. Atractivas e curiosas “pirámides” humanas das que damos fe nas fotografías que agora vos ofrecemos.

Esta actividade práctica tivo unha explicación teórica previa realizada polo adestrador do club de ximnasia acrobática “Flic-Fac”,  Jorge Méndez, a quen agradecemos a súa colaboración.

Para ver as fotos, premede a aqui

Visita á Fundación Camilo José Cela

Mañá clara, sol estupendo, viaxe tranquila. Iria Flavia. Padrón. A Fundación Camilo José Cela.

O alumnado de 3º de ESO, organizado e dirixido polas profesoras de Lingua castelá Paula Espinosa e Catalina Míguez, realizou unha visita á fundación.

Viron o seu legado literario e artístico: os seus manuscritos, un rico epistolario, unha biblioteca formada por edicións da súa obra en diferentes lugares do mundo, outros libros persoais, unha pinacoteca, con obra de pintores como Picasso ou Miró e outras coleccións.  Tamén puideron disfrutar da exposición sobre a obra Platero y yo de Juan Ramón Jiménez, como acto conmemorativo do centenario da publicación desta obra.

Logo de ver o museo e as exposicións, os nosos rapaces e rapazas participaron dun xogo didáctico con preguntas a respecto do que a guía lles fora explicando na visita e do que eles puideron ver.

Finalmente, o tempo de lecer nun xardín, a carón da locomotora que nos fixo lembrar a primeira liña férrea deste noso país.



A radio comunitaria

O alumnado de 1º de ESO-B asistiu o 7 de abril a unha charla impartida por persoas que colaboran con “Radio Tehuacán” (El Salvador) a respecto da importancia da radio nestas comunidades.

A actividade foi promovida pola concellalía de Servizos Sociais en colaboración coa ONG Agareso. É esta xa a segunda vez que a xente de AGARESO colabora co noso alumnado e é de xustiza dicir que, novamente, os resultados foron enormemente satisfactorios. Os nosos parabéns para a xente de Radio Tehuacán e o noso ánimo para que sigan co seu importante proxecto e o noso agradecemento á ONG Agareso e á Concellalía de Servizos Sociais do noso concello por facer posible esta actividade.

 


Día do libro infantil e xuvenil

Agradecendo a oportunidade que nos brindou o Servizo de Normalización Lingüística do noso concello, puidemos celebrar este día na compaña do escritor Pedro Feijó, quen falou co noso alumnado de 2º de Bacharelato sobre da novela que leron este curso Os fillos do mar e que lles gustou enormemente, tanto que algúns xa anunciaron a intención de ler a súa segunda novela. Non só comentaron aspectos do libro senón tamén do acto de escribir, pois entre os nosos rapaces e rapazas hai algúns que teñen bos dotes para este mester.

O noso agradecemento ao autor, Pedro Feijó e a Eva, a responsable do Servizo de Normalización Lingüística do noso concello.

 


Visita ao Museo Meirande e á Illa de San Simón

O alumnado de 1º de ESO tivo a oportunidade, o xoves día 27 de marzo, de realizar unha viaxe marítima pola nosa fermosa enseada. Visitamos o museo “Meirande” e as illas de San Simón e Santo Antonio.

Aínda que pasamos un pouco de frío, a saída foi estupenda: aprendemos diferentes aspectos da nosa historia, do noso pasado, do noso presente; compartimos opinións, risos, coversas… e gozamos dunha magnífica paisaxe que, ademais, resulta ser nosa.

O noso agradecemento ao Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela e, moi especialmente, ás monitoras e ao monitor que nos serviron de guía na nosa viaxe e que, por certo, resultaron ser exalumnos nosos.

Para ver algunhas fotos, premede aquí.


Fomos ao cine

Este luns, día 24 de marzo, o alumnado de 4º de ESO asistiu á proxección da película Doentes, unha actividade organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do concello de Redondela..

Esta curtametraxe, unha das grandes vencedoras dos Premio Mestre Mateo 2011 (entregados en 2012) nos que gañou varios dos galardóns principais, incluíndo mellor longametraxe de ficción e mellor interpretación masculina, resultou do agrado de todos os nosos rapaces e rapazas.

Charla en inglés

O 21 de marzo o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu a unha charla en inglés titulada “California Dream” a cargo de Kevin Birmingham.

Nela, Kevin Birmimgham falou sobre os contrastes que podemos atopar na vida, costumes e paisaxes de California, dende grandes ciudades coma San Francisco ou Los Angeles a fermosos entornos naturais como o lago Tahoo; dende praias a paisaxes de montañas nevadas.

A charla finalizou coa canción” California dreams”.


Xornada de animación á lectura

Despois da chuviosa paréntese do entroido, volvemos con folgos renovados. O alumnado de 1º e 4º ESO participou nunha xornada de animación á lectura, o xoves 6 de marzo, na que os alumnos e alumnas foron os auténticos protagonistas, interpretando historias que previamente improvisaran. De certo...a lectura dá ás!!!!!!!!!!!.

 
   

 


Día de Rosalía

Con solemnidade, festa e gastronomía –como se fai en días sinalados- celebramos no Mendiño o “ Día de Rosalía” (día do seu nacemento, o 24 de febreiro).

Decoramos a cafetaría cuns fermosos paneis elaborados por alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO, capitaneados polo noso profesor de Educación Plástica, Iñaki Vicente. Alén disto, colocamos un panel para que quen quixese puidese verquer nel os seus sentimentos e emocións a través da escrita de  versos.

 Durante o recreo houbo un recital público de poemas da autora homenaxeada, coa música de fondo de “Negra sombra” interpretada en directo e de xeito maxistral polo noso alumno Adrián Moreira… E, como en toda boa festa que se precie, houbo bolechas e caramelos para rematar. Parabéns para Rosalía no seu aniversario!!!


 


O Entroido

Tardaba en chegar, pero ao cabo, chegou. Festa rachada a partir das 11:30 h.

O centro estaba magnificamente ambientado con motivos carnavalescos feitos polos alumnos e alumnas. Houbo concurso de doces (non quedou nin migalla), de disfraces, xogos deportivos (ping-pong, balompé, baloncesto, frisby), música… Bo ambiente e divertimento a fartar. Velaquí a relación dos premiados premiadas:

CONCURSO DE DOCES

  • PRIMEIRO PREMIO: Noa Domínguez (3º ESO B)
  • SEGUNDO PREMIO: Lucas Quiñones (2º ESO B)
  • TERCEIRO PREMIO: Carla Bras (4º ESO B)

CONCURSO DE DISFRACES

a) COMPARSAS:

  • PRIMEIRO PREMIO: Tutti fruti (2º Bacharelato B)
  • SEGUNDO PREMIO: Os xardineiros (2º Bacharelato A)

b) INDIVIDUAIS

  • PRIMEIRO PREMIO: Fran Míguez (3º ESO B)
  • SEGUNDO PREMIO: Sandra Gargamala (2º ESO A)

Premede aquí para as fotos.

 

E tamén podedes gozar con este pequeno vídeo:

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut