Os versos de Xela Arias encheron o IES de Poio. O 14 de maio celebramos por adiantado o Día das Letras Galegas con música e poesía. Tivemos que organizarnos en diferentes actividades e por grupos para adaptarnos ás circunstancias actuais.
O alumnado de Música (4º ESO) e Linguaxe e Práctica Musical (1º BACH), coordinado pola súa profesora Gabriela, presentou na biblioteca os videopoemas elaborados a partir das creacións de Xela Arias, a autora homenaxeada neste 2021. Participaron na actividades os alumnos e alumnas deses cursos.
Os grupos de 1º, 2º e 3º ESO, por outra banda, participaron nun recital poético e musical no que escoitaron diferentes pezas a ritmo dos acordeóns e pandeiretas dos seus compañeiros e compañeiras, coordinados polo profesor Albano.
Presentamos ademais o resultado do poema colectivo no que cada clase creou un verso para formar a creación que o alumnado de ciclo titulou “Ledicia na esmorga”. A través deste recital, o alumnado tamén puido achegarse ás creacións poéticas a través do recitado de fragmentos de Darío a diario, Tigres coma cabalos e Denuncia do equilibrio. Nesta actividade participou tamén, como representación institucional, a concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez.
Moitas grazas polo seu traballo ao alumnado que interpretou as pezas, que recitou os poemas e que presentou!
"Xela Arias, transgresión e compromiso" é o título da proposta didáctica elaborada por profesorado do Departamento de Lingua Galega do centro, que está conformada por dez carteis que fan un percorrido pola figura da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 e que se atopan expostos no instituto. Ademais, inclúe unha guía didáctica con actividades multidisciplinares para afondar na vida e obra da poeta.
Clica na imaxe dos carteis e da unidade didáctica para ver máis.
Os dous últimos días do trimestre, tivemos o pracer de contar con High Paw e A Rabela. Achegáronse ao centro para desenvolver o obradoiro “Improvisando pola vida. Ferramentas de resposta” con alumnado de 4º ESO e 1º BACH.
O alumnado aprendeu como se produce a música electrónica e como empregar a improvisación como unha ferramenta de resposta ante agresións e situacións incómodas.