Skip to Content

Equi-eTwinning

 

O alumnado de 3º da ESO de Cultura clásica está a traballar este curso nun proxecto eTwinning en colaboración con centros de Valença e Pamplona.

Este proxecto busca traballar a cuestión da igualdade de xénero a partir do estudo e reflexión sobre prototipos, roles e modelos na Antigüidade clásica, coa preparación de cuestionarios e o estudo dos seus resultados.

Os obxectivos principais do proxecto Equi-eTwinning consisten en realizar un enfoque interdisciplinar para a igualdade de xénero, promover habilidades sociais nos estudantes tales como a colaboración, o respecto, a tolerancia e a solidariedade así como traballar na adquisición e mellora de competencias clave.

Dada a proximidade dos centros galego e portugués, foi posible organizar dúas visitas entre os socios para coñecerse e levar a cabo xuntos actividades colaborativas relacionadas co tema do proxecto.

O luns 13 de xaneiro de 2020 realizouse unha visita de alumnado e profesorado do IES Poio ao Agrupamento de Escolas dás Muralha do Miño de Valença. No instituto realizamos diferentes actividades, entre outras, un traballo colaborativo en grupos internacionais sobre Mulleres científicas ou unha visita á Fortaleza da cidade.

O martes 28 de xaneiro de 2020 tivo lugar a visita do alumnado e profesorado do Agrupamento de Escolas dás Muralha do Miño de Valença ao IES de Poio. No curso desta visita o alumnado portugués e galego do proxecto realizou unha visita ao Mosteiro de Poio e foi recibido polo alcalde no concello de Poio. No instituto levamos a cabo unha videoconferencia co centro escolar de Pamplona, fixemos unha sesión de difusión do proxecto Erasmus OPTIME e o alumnado asistíu a unha charla do CIM na que lle informaron sobre diferentes actividades que realiza o Centro de Información á Muller de Poio. Pola tarde visitamos Combarro.

Agradecemos a colaboración do Concello de Poio na organización das actividades.

Poden verse estas e outras actividades do proxecto nas páxinas do Twinspace:

https://twinspace.etwinning.net/93271/home

 

 



page | by Dr. Radut