Actividades 2017/2018

Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares", capítulo II

Capítulo II. Os pros e os contras
    Na época en que se produciron estes acontecementos, eu regresaba dunha expedición científica nos Estados Unidos. Na miña calidade de profesor suplente do Museo de Historia Natural de París, o goberno francés incluírame nesa expedición. Despois de pasar seis meses en Nebraska, cheguei a Nova York cara a finais de marzo cargado de preciosas coleccións. A miña saída para Francia estaba fixada para os primeiros días de maio. Mentres agardaba, ocupábame en clasificar as miñas riquezas mineralóxicas, botánicas e zoolóxicas, cando sucedeu o incidente do Scotia.

HORA DE LER - Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares" (capítulos I, II, III)

Capítulo I. Un farallón fuxidío
   
    O ano 1866 estivo marcado por un estraño acontecemento, un fenómeno inexplicado e inexplicable que ninguén, sen dúbida ningunha, esqueceu.
    Dende había algún tempo varios navíos atoparan no mar unha “cousa enorme”, un obxecto longo, ás veces fosforescente, infinitamente máis grande e máis rápido que unha balea. Se era un cetáceo, superaba en volume todos os que a ciencia clasificara ata entón. Podíase afirmar que ese ser fenomenal, de existir realmente, sobrepasaba moito todas as dimensións admitidas polos ictiólogos ata o momento.

O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas


O martes 17 de outubro, varios cursos de 2º da ESO e todo o alumnado de 4º, tivemos a sorte de ser dos primeiros en visitar a exposición do Pergamiño Vindel, o manuscrito orixinal que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas.

Festival poético Kerouac


O martes 17 tivemos a oportunidade de desfrutar da poesía da man dos protagonistas do recital Kerouac. Baixo a animada moderación de Marcos de la Fuente puidemos desfrutar da declamación dos versos sentidos de David Casal, a poesía explosiva e explícita de Brais Nogueira, así como do lirismo e a elegancia rítmica dos versos de Cynthia Menéndez. Esta última, de visita no IES Castelao por segunda vez con este proxecto, adicou a súa actuación ó centro, no que pasou os seus anos de estudo da secundaria e Bacharelato. Asimesmo, foi a aclamada gañadora do “Poetry slam” que organizan os miembros do recital.

En definitiva, sensibilidade a flor de pel e una maneira máis desenfadada de acceso á poesía para os alumnos da ESO e do Bacharelato. Ninguén  ficou indiferente.

19 de outubro: Día Mundial Contra o Cancro de Mama

Cada ano, o 19 de outubro celébrase o Día Contra o Cancro de Mama como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra o cancro de mama.

Clica aquí para acceder á web da AECC.

"Un mar de linguas"

       

          No concurso que se promoveu desde a Biblioteca con motivo do Día Internacional da Tradución, o alumnado foi requirido para averiguar a lingua á que correspondían as reproducións de edicións da obra de Jules VERNE que este ano recordamos especialmente, Vinte mil leguas baixo dos mares.

          Foron moitos os que se animaron a probar sorte (máis de setenta!!) e algúns achegáronse moito: seis participantes acertaron 17 dos 18 casos.

          Mais só un fixo pleno de acertos, enchendo correctamente a resposta á lingua na que estaban as 18 versións que se ofrecían.

          El é, polo tanto, o gañador. A ver que lingua escolle para ler esta obra!

 

Coñece a túa biblioteca

                 O alumnado novo xa visitou "oficialmente" a biblioteca. Desenvolveuse o pasado martes día 3 de outubro a xornada de presentación para cada un dos grupos de 1º da ESO.

            En primeiro lugar, foron informados dos servizos que presta a biblioteca do centro, das súas normas de funcionamento e mais da organización e colocación dos fondos. Ao final da sesión, eles mesmos tiveron que atopar un libro dos que se lles proporcionaban os datos precisos, cos que previamente foran familiarizados.

            Pola súa parte, o alumnado de bacharelato de novo ingreso no centro, recibiu xa na semana anterior, a derradeira de setembro, a Guía da biblioteca 2017 / 2018

Distribuir contido