Onde o aire non era brisa

                                                                         

   Resultado de imagen de Onde o aire non era brisa                       

 

 Alcores de Donalvar, ou Onde o aire non era brisa, título co que se publica en galego, resultou ser a primeira e única novela dirixida a público adulto que María Victoria Moreno escribiu na súa vida, e da que non tivemos coñecemento ata que  Xavier Senín, quen fora bo amigo seu, rescatouna e decidiu publicala en galego catro anos despois da súa morte. 

Moreno, a homenaxeada este 2018 nas Letras Galegas, naceu en 1939 nunha vila de Cáceres e de pequena foi levada a estudar como interna a Barcelona. Nesta etapa da súa infancia é cando pasa os veráns coa súa nai no contorno rural de Segovia, tendo consciencia xa de nena das situacións de pobreza e analfabetismo que a súa nai tiña que afrontar como mestra do colexio da  vila. Son estas experiencias as que levan a María Victoria a escribir unha novela que abordase estes temas en 1969. Daquela a galega adoptiva chegara a Galiza para exercer de mestra de Lingua e Literatura Castelás grazas á carreira de Filoloxía Hispánica que cursara en Madrid. Nestes tempos, antigo alumnado seu conta que María Victoria comezaba a descubrir a lingua galega e a namorarse dela, mais se non a dominaba excelentemente, non se  sentía capaz de empregala. Por isto é que esta novela escribiuna orixinalmente en castelán, presentouna ao certame do Café Gijón, onde ao non acadar premio ningún quedou no caixón para o resto da vida da escritora (a pesar de que quedara entre as catro finalistas), ata que o seu home, Pedro Ferriol,  atopou o manuscrito na súa casa no 2003. Entón convence á súa muller para pasala ao ordenador, e animada por el, María Victoria envia a novela a un concurso de Murcia quedando entre as finalistas de novo, amais un dos membros do xurado felicítaa e insta a publicala. Finalmente, acadou o primeiro premio nun concurso de Salamanca en 2005, ela mesma dixo que con ese premio fechábase un ciclo vital da súa vida. Faleceu tres meses despois.

 

Esta novela curta conta as vivencias da mestra Elena na súa chegada a unha vila da Castela rural, que non deixan de ser unha crítica aos factores que fan (ou facían) que na España franquista, o sistema educativo fora o que era. María Victoria Moreno (coma profesora que era) sempre tivo moi presente a importancia da educación para unha sociedade sa, e reflectiuno moitas veces na súa obra. Os prexuízos e ignorancia das xentes do rural provocan en distintos momentos da novela situacións de malas miradas cara á nova mestra, pois ela chega á vila co obxectivo de mellorar a escola principalmente, e con esta premisa abórdanse outros conflitos relacionados co rural, pero que Moreno sempre entendeu con perspectiva educativa. É dicir, baseando os problemas da sociedade no nivel educativo, e non lle falta razón.

 

Amais, hai que dicir que o texto de Onde o aire non era brisa  abarca un espazo de tempo bastante longo e sen demasiada continuidade. Deste xeito, a obra céntrase en describir múltiples escenas relativamente breves que poñen en valor a valentía da mestra Elena na vila e aproveitan para retratar as realidades do rural. Exemplos disto son un enfrontamento cunha católica pola cantidade do leite que se lle subministrará á escola, a verborrea que difama á nova mestra ás costas por ser filla de republicanos, o pranto á nai do marido de Elena (médico do lugar), a descrición dun lume intencionado por conflitos laborais, ou a relación entre os nenos pobres e ricos da mesma escola.

 

Ao meu parecer, o excesivo lirismo que impregna esta obra de Mª Victoria Moreno deixa entrever o seu gusto e capacidade para a escritura. Outra característica desta novela é a combinación entre a lentitude da narración e os saltos no tempo.

Con todo o exposto, todo o mundo está convidado a ler esta novela da escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.

 

 

                                                                                                                                                             Samuel  Fernández    4º ESO