A Virxe do Camiño

     A Virxe de Camiño é a santa da miña parroquia, está situada no barrio da Virxe do Camiño nunha pequena capela que coincide coa vía de paso do Camiño portugués, e como o seu nome indica, a xente pídelle pola axuda no camiño.
     A historia que leva consigo a santa é unha lenda de centos de anos atrás que se foi transmitindo de xeracións en xeracións, no meu caso,  foi miña avoa quen ma contou dende moi pequeniña, pedíalle unha e outra vez que ma contase.  Cando remataba a historia, a avoa sabía que lle esperaban as preguntas pertinentes sobre os curiosos acontecementos daquela historia tan enigmática, feito polo que a teño tan ben memorizada. A cuestión é que a historia me quedou marcada e a día de hoxe, sempre que paso pola zona, non podo evitar que se me arrepíe o corpo ao pensar que anos atrás naquela zona que agora piso eu algo tan incrible tivo lugar alí.
     A historia comeza na ribeira do río Louro, zona onde os máis cativos ían levar o gando a pastar mentres os pais dedicaban o tempo a outros labores máis complexos. Foi nunha tarde de verán cando dous destes cativos que levaban a pastar os bois estaban xogando a tirar a pedradas unha rocha de gran tamaño que se atopaba ao borde dun barranco, tras moitos intentos conseguírono, acab ou caendo barranco abaixo ata o río. Os rapaces sen máis seguiron con outro enredo ata  rematar o día e chegar a hora de volver para a casa.
     O día seguinte os rapaces non sabían a sorpresa que lles esperaba no lugar, pois a rocha que tiraran barranco abaixo volvía estar no mesmo lugar e na mesma postura que o día anterior, non lle deron maior importancia pois crían que calquera que pasase por alí podería póla de volta no seu sitio, aínda que o tamaño da rocha facía que se precisase máis dunha persoa para volvela ao lugar de inicio. E sen máis, volveron coa mesma picardía a intentar tirala polo barranco. O resultado foi o mesmo, o día seguinte a rocha volvía estar na súa postura inicial. E isto prolongouse ao longo de varios días. Os rapaces tiraban a pedra e o día seguinte, a pedra, coma se nada, volvía estar no mesmo sitio. Tal foi aquilo que o rumor se estendeu polo pobo. Primeiro os maiores non lle deron maior importancia que a de unha trastada de nenos, pero co paso dos días, o tema foi collendo importancia de tal forma que foron os maiores quen foron indagar o que alí estaba a acontecer. Tras comprobar que non se trataba dunha mentira inventada polos nenos, decidiron levar aquela rocha xunto ao cura da cidade de Tui. Entre varios homes cargárona nun carro de bois e emprenderon camiño á cidade que se atopaba a uns 6 km. de alí. Apenas percorridos os dous quilómetros, ao chegar á altura onde se atopa na actualidade a capela, os bois frearon e non houbo maneira de que desen un paso máis. A pedra non se puido mover xa de alí polo que foi o cura o que se desprazou ata o lugar dos feitos. Cando os veciños lle contaran todo o que pasaba coa pedra, o cura asinoulle unha divindade e mandou construír unha capela en honor dela, e aquela rocha converteuse en virxe, a Virxe do Camiño.
     A capela foi construída en pouco tempo. Unha das decisións do cura foi poñer o altar mirando para o Aloia, pois alí se atopaba a Virxe das Angustias e así estarían mirando unha para a outra, pero esta decisión parece que non foi do agrado da Santa, pois todos os días ao chegar á capela a Virxe estaba volteada. Este feito levou a que o cura, o encargado da obra,  cambiase a situación do altar para o lado oposto do que estaba. De feito a día de hoxe aínda se ve a parte da capela que no inicio fora a entrada. Co paso do tempo chegouse á conclusión de que a Virxe tiña unha irmá en Portugal, por iso se volteaba a vela, e así quedou ata o día de hoxe.
     Xa se sabe que do que pasou ao que din que foi hai un bo treito, pero hai algo na historia que conta a lenda que a converte nun suceso extraordinario.


Verónica Soutelo - 2º BAC. B ADULTOS