Skip to Content

                                       

Esta semana escoitamos no noso timbre...

   

Localización

Localización

00/00/
Array

                               

 O Concello de Lalín, cunha superficie de 326 quilómetros cadrados, é un dos municipios de maior extensión de toda Galicia e goza dunha situación privilexiada no corazón da Comarca de Deza, que aglutina a seis concellos (Lalín, Silleda, Rodeiro, Vila de Cruces, Dozón e Agolada) nun área de 987,7 quilómetros cadrados.

mapa de Lalín                                       mapa lalín

A poboación do Concello de Lalín é de 20.453 habitantes e está dividida entre o núcleo urbano, onde hai máis de 10.000 veciños, e as 52 parroquias do rural: Albarellos, Alemparte, Alperiz, Anseán, Anzo, Barcia, Bendoiro, Bermés, Botos, Busto, Cadrón, Camposancos, Cangas, Castro, Catasós, Cello, Cercio, Cristimil, Doade, Donramiro, Donsión, Erbo, Filgueira, Fontecabalos, Galegos, Goiás, Gresande, Lalín, Lalín de Arriba, Lebozán, Lodeiro, Losón, Maceira, Madriñán, Méixome, Moneixas, Muimenta, Noceda, Palio, Palmou, Parada, Prado, Rodís, Santiso, Sello, Soutolongo, Val do Carrio, Vilanova, Vilatuxe, Xaxán, Xesta e Zobra.

Considerando o conxunto da Comarca de Deza, que abrangue ás xurisdiccións de Deza,Camba, Dozón, Carbia, Trasdeza e Valquireza, as cifras de poboación achéganse ós 50.000 habitantes. Esta comarca, situada no extremo setentrional da provincia de Pontevedra, linda ó oeste coa Comarca de Tabeirós-Terra de Montes, ó norte coas de Arzúa e Terra de Melide (A Coruña), ó leste coas de Chantada e A Ulloa (Lugo) e ó sur coa do Carballiño (Ourense).

No ámbito da natureza, o Concello de Lalín goza de envexables paisaxes, que son froito dun clima atlántico húmido, caracterizado pola súa alta pluviosidade e por unha temperatura media anual que xira en torno ós 12 graos centígrados. Esta demarcación, regada polas correntes dos ríos Deza, Arnego e Asneiro, ten os seus puntos máis elevados na Serra do Candán e nos montes do Coco e do Testeiro.

Na actualidade, este municipio conta cunha economía moi diversificada, posto que a tradicional actividade agrícola e gandeira foi abrindo portas progresivamente nas últimas décadas a un sector industrial en expansión, principalmente puxante nas ramas do téxtil, do aluminio e da construcción.

Esta diversificación tamén ten unha traducción xeográfica, posto que no núcleo urbano e nas parroquias colindantes atópanse tódolos servicios e a maior parte das industrias -situadas maioritariamente nos dous polígonos existentes-, mentres que na zona eminentemente rural a economía segue a estar baseada nas explotacións agropecuarias, que aproveitaron a riqueza da comarca para modernizarse e facerse máis competitivas.

* fonte: www.lalin.org

 

Distribuir contido


by Dr. Radut