Blog de Biblioteca

Día das Letras Galegas

Como ben sabedes, o pasado mércores 17 conmemorouse o Día das Letras Galegas. Este ano o autor homenaxeado é Carlos Casares (Xinzo de Limia, 1941- Nigrán 2002). Desde a biblioteca do noso centro, fixemos unha selección dalgúns dos seus libros (A galiña azul,  Toribio contra o profesor Smith ou Lolo anda en bicicleta) e incorporamos material novo como As miñas primeiras Letras Galegas, da colección dos Bolechas. Agardamos que gocedes coa súa lectura! 

Ler en familia

Hoxe, 15 de maio, conmemoramos o Día Internacional da Familia e desde a biblioteca do centro queremos impulsar a lectura no fogar. Porque a lectura tamén é afecto, coñecemento e tolerancia; que mellor que compartila coas persoas que máis queremos. 

Maio

Chegou maio! O mes das letras e as flores! Desde o EDLG, e coa colaboración do alumnado, realizáronse uns fermosisímos maios que decoraron varios recunchos do noso centro. E así de espectacular permaneceu a entrada da biblioteca!

Ademais, a ocasión permitiu afondar no estudo da flora autóctona (xestas, fieitos, fiúnchos...). Xa sabedes que na nosa biblioteca tamén podedes consultar libros sobre esta temática.

Máis poesía, máis diversión

Xa temos na nosa biblioteca a colección de Everest "Do A ao Z con...". Trátase dunha recompilación de poesía de grandes poetas galeg@s (Castelao, Rosalía, Neira Vilas, Pondal...) a través de voces contemporáneas e con fermosísimas ilustracións. Non perdades detalle!

Día Internacional da Poesía

Hoxe, 21 de marzo, celébrase o Día Internacional da Poesía.  No centésimo aniversario da poeta Gloria Fuertes, que dedicou gran parte da súa obra ao público infantil, queremos aproveitar a ocasión para convidarvos a ler poesía. Na nosa biblioteca atoparedes libros da súa autoría e doutr@s poetas. Moitos versos para tod@s!

 

Día Internacional da Muller

O pasado 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Desde a biblioteca, seleccionamos un conxunto de libros, que ao noso entender, contribúen a rachar con estereotipos sexistas, formando e educando na igualdade todos os días do ano. Deixámosvos cunha ilustración, Matrioskas, de Leandro Lamas, que preside o noso taboleiro.

Día de Rosalía de Castro

O pasado 24 de febreiro celebrouse o Día de Rosalía de Castro. Desde a biblioteca reivindicamos a súa figura coa exposición de breves textos da autora galega. Asemade, aproveitamos a ocasión para recomendarvos a lectura dalgúns libros coma este da editorial Tambre, Miña casiña, meu lar (que tedes dispoñible na biblioteca).

 

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O pasado 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Desde a biblioteca do centro seleccionamos unha serie de contos ilustrados, da editorial ALBA, na que se destaca, entre outras, a vida e obra de protagonistas coma Marie Curie. Doutora en Ciencias e profesora na Universidade de París, foi a primeira persoa en recibir dous premios Nobel. Se queredes pescudar máis, animámosvos a tirar deste fío.

 

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

O pasado 30 de xaneiro celebrouse no centro o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Esta data coincide coa morte de Mahatma Gandhi, referente mundial en prol dos dereitos humanos. Desde a biblioteca quixemos facer fincapé neste día a través dunha selección especial de libros sobre esta temática e coa exposición duns paraugas impregnados de noticias violentas, que nos convida á reflexión. Por conseguinte, a nosa mensaxe é clara e meridiana: as nosas armas sempre serán os libros. A lectura fainos libres, amig@s!

Formación usuarios

Os nosos proxectos

  

            

  

Consello da Infancia


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

ceip.vicente.otero@edu.xunta.gal - 881 880 446 - Carral - A Coruña