Saltar navegación

3.2 COMPETENCIAS CLAVE: Educación Primaria

CCL: competencia en comunicación lingüística

CCL1. Expresa feitos, conceptos, pensamentos, opinións ou sentimentos de forma oral, escrita, signada ou multimodal, con claridade e adecuación a diferentes contextos cotiáns da súa contorna persoal, social e educativa, e participa en interaccións comunicativas con actitude cooperativa e respectuosa, tanto para intercambiar información e crear coñecemento como para construír vínculos persoais.

CCL2. Comprende, interpreta e valora textos orais, escritos, signados ou multimodais sinxelos dos ámbitos persoal, social e educativo, con acompañamento puntual, para participar activamente en contextos cotiáns e para construír coñecemento.

CCL3. Localiza, selecciona e contrasta, co debido acompañamento, información sinxela procedente de dúas ou máis fontes, avaliando a súa fiabilidade e utilidade en función dos obxectivos de lectura, e intégraa e transfórmaa en coñecemento para comunicala adoptando un punto de vista creativo, crítico e persoal á vez que respectuoso coa propiedade intelectual.

CCL4. Le obras diversas adecuadas ao seu progreso madurativo, seleccionando aquelas que mellor se axustan aos seus gustos e intereses; recoñece o patrimonio literario como fonte de gozar e de aprendizaxe individual e colectivo; e mobiliza a súa experiencia persoal e lectora para construír e compartir a súa interpretación das obras e para crear textos de intención literaria a partir de modelos sinxelos.

CCL5. Pon as súas prácticas comunicativas ao servizo da convivencia democrática, a xestión dialogada dos conflitos e a igualdade de dereitos de todas as persoas, e detecta os usos discriminatorios, así como os abusos de poder, para favorecer a utilización non só eficaz senón tamén ética dos diferentes sistemas de comunicación.

CP: competencia plurilingüe

CP1. Usa, polo menos, unha lingua, ademais da lingua ou linguas familiares, para responder a necesidades comunicativas sinxelas e predicibles, de maneira adecuada tanto ao seu desenvolvemento e intereses como a situacións e contextos cotiáns dos ámbitos persoal, social e educativo.

CP2. A partir das súas experiencias, recoñece a diversidade de perfís lingüísticos e experimenta estratexias que, de maneira guiada, lle permiten realizar transferencias sinxelas entre distintas linguas para comunicarse en contextos cotiáns e ampliar o seu repertorio lingüístico individual.

CP3. Coñece e respecta a diversidade lingüística e cultural presente na súa contorna, e recoñece e comprende o seu valor como factor de diálogo, para mellorar a convivencia.

STEM: competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría

STEM1. Utiliza, de maneira guiada, algúns métodos indutivos e dedutivos propios do razoamento matemático en situacións coñecidas, e selecciona e emprega algunhas estratexias para resolver problemas reflexionando sobre as solucións obtidas.

STEM2. Utiliza o pensamento científico para entender e explicar algúns dos fenómenos que ocorren ao seu arredor, confiando no coñecemento como motor de desenvolvemento, utilizando ferramentas e instrumentos adecuados, facéndose preguntas e realizando experimentos sinxelos de forma guiada.

STEM3. Realiza, de forma guiada, proxectos, e deseña, fabrica e avalía diferentes prototipos ou modelos, adaptándose ante a incerteza, para xerar en equipo un produto creativo cun obxectivo concreto; e procura a participación de todo o grupo e resolve pacificamente os conflitos que poidan xurdir.

STEM4. Interpreta e transmite os elementos máis relevantes dalgúns métodos e resultados científicos, matemáticos e tecnolóxicos de forma clara e veraz, utilizando a terminoloxía científica apropiada, en diferentes formatos (debuxos, diagramas, gráficos, símbolos…) e aproveitando de forma crítica, ética e responsable a cultura dixital para compartir e construír novos coñecementos.

STEM5. Participa en accións fundamentadas cientificamente para promover a saúde e preservar o ambiente e os seres vivos, aplicando principios de ética e seguridade e practicando o consumo responsable.

CD: competencia dixital

CD1. Realiza procuras guiadas na internet e fai uso de estratexias sinxelas para o tratamento dixital da información (palabras clave, selección de información relevante, organización de datos...) cunha actitude crítica sobre os contidos obtidos.

CD2. Crea, integra e reelabora contidos dixitais en distintos formatos (texto, táboa, imaxe, audio, vídeo, programa informático...) mediante o uso de diferentes ferramentas dixitais para expresar ideas, sentimentos e coñecementos, respectando a propiedade intelectual e os dereitos de autor dos contidos que reutiliza.

CD3. Participa en actividades ou proxectos escolares mediante o uso de ferramentas ou plataformas virtuais para construír novo coñecemento, comunicarse, traballar cooperativamente e compartir datos e contidos en contornas dixitais restrinxidas e supervisados de maneira segura, cunha actitude aberta e responsable ante o seu uso.

CD4. Coñece os riscos e adopta, coa orientación do docente, medidas preventivas ao usar as tecnoloxías dixitais para protexer os dispositivos, os datos persoais, a saúde e o ambiente, e iníciase na adopción de hábitos de uso crítico, seguro, saudable e sustentable das devanditas tecnoloxías.

CD5. Iníciase no desenvolvemento de solucións dixitais sinxelas e sustentables (reutilización de materiais tecnolóxicos, programación informática por bloques, robótica educativa…) para resolver problemas concretos ou retos propostos de maneira creativa, e solicita axuda en caso necesario.

CPSAA: competencia persoal, social e de aprender a aprender

CPSAA1. É consciente das propias emocións, ideas e comportamentos persoais e emprega estratexias para xestionalas en situacións de tensión ou conflito, adaptándose aos cambios e harmonizándoos para alcanzar os seus propios obxectivos.

CPSAA2. Coñece os riscos máis relevantes e os principais activos para a saúde, adopta estilos de vida saudables para o seu benestar físico e mental, e detecta e busca apoio ante situacións violentas ou discriminatorias.

CPSAA3. Recoñece e respecta as emocións e experiencias das demais persoas, participa activamente no traballo en grupo, asume as responsabilidades individuais asignadas e emprega estratexias cooperativas dirixidas á consecución de obxectivos compartidos.

CPSAA4. Recoñece o valor do esforzo e a dedicación persoal para a mellora da súa aprendizaxe e adopta posturas críticas en procesos de reflexión guiados.

CPSAA5. Planea obxectivos a curto prazo, utiliza estratexias de aprendizaxe autorregulada e participa en procesos de auto e coavaliación, recoñecendo as súas limitacións e sabendo buscar axuda no proceso de construción do coñecemento.

CC: competencia cidadá

CC1. Entende os procesos históricos e sociais máis relevantes relativos á súa propia identidade e cultura, reflexiona sobre as normas de convivencia e aplícaas de maneira construtiva, dialogante e inclusiva en calquera contexto.

CC2. Participa en actividades comunitarias, na toma de decisións e na resolución dos conflitos de forma dialogada e respectuosa cos procedementos democráticos, os principios e valores da Unión Europea e a Constitución española, os dereitos humanos e da infancia, o valor da diversidade e o logro da igualdade de xénero, a cohesión social e os obxectivos de de-senvolvemento sustentable.

CC3. Reflexiona e dialoga sobre valores e problemas éticos de actualidade, comprendendo a necesidade de respectar diferentes culturas e crenzas, de coidar a contorna, de rexeitar prexuízos e estereotipos, e de opoñerse a calquera forma de discriminación ou violencia.

CC4. Comprende as relacións sistémicas entre as accións humanas e a contorna e iníciase na adopción de estilos de vida sustentables, para contribuír á conservación da biodiversidade desde unha perspectiva tanto local como global.

CE: competencia emprendedora

CE1. Recoñece necesidades e retos que afrontar e elabora ideas orixinais, utilizando destrezas creativas e tomando conciencia das consecuencias e efectos que as ideas puidesen xerar na contorna, para propoñer solucións valiosas que respondan ás necesidades detectadas.

CE2. Identifica fortalezas e debilidades propias utilizando estratexias de autocoñecemento e iníciase no coñecemento de elementos económicos e financeiros básicos, aplicándoos a situacións e problemas da vida cotiá, para detectar aqueles recursos que poidan levar as ideas orixinais e valiosas á acción.

CE3. Crea ideas e solucións orixinais, planifica tarefas, coopera con outros en equipo, valorando o proceso realizado e o resultado obtido, para levar a cabo unha iniciativa emprendedora, considerando a experiencia como unha oportunidade para aprender.

CCEC: competencia en conciencia e expresión culturais

CCEC1. Recoñece e aprecia os aspectos fundamentais do patrimonio cultural e artístico, comprendendo as diferenzas entre distintas culturas e a necesidade de respectalas.

CCEC2. Recoñece e interésase polas especificidades e intencionalidades das manifestacións artísticas e culturais máis destacadas do patrimonio, identificando os medios e soportes, así como as linguaxes e os elementos técnicos que as caracterizan.

CCEC3. Expresa ideas, opinións, sentimentos e emocións de forma creativa e cunha actitude aberta e inclusiva, empregando distintas linguaxes artísticas e culturais, integrando o seu propio corpo, interactuando coa contorna e desenvolvendo as súas capacidades afectivas.

CCEC4. Experimenta de forma creativa con diferentes medios e soportes, e diversas técnicas plásticas, visuais, audiovisuais, sonoras ou corporais, para elaborar propostas artísticas e culturais.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)