Saltar navegación

3.1 COMPETENCIAS CLAVE: Educación Infantil

CCL: competencia en comunicación lingüística

O Proxecto Documental Integrado: O BOSQUE DOS CONTOS, pretende potenciar intercambios comunicativos respectuosos con outros nenos e nenas e coas persoas adultas, aos que se dota de intencionalidade e contidos progresivamente elaborados a partir de coñecementos, destrezas e actitudes que se vaian adquirindo. Con iso favorecerase a aparición de expresións de crecente complexidade e corrección sobre necesidades, vivencias, emocións e sentimentos propios e dos demais. Ademais, a oralidade ten un papel destacado nesta etapa non só por ser o principal instrumento para a comunicación, a expresión e a regulación da conduta, senón tamén porque é o vehículo principal que permite a nenos e nenas gozar dun primeiro achegamento á cultura literaria a través das rimas, ladaíñas, adiviñas e contos, que enriquecerán a súa bagaxe sociocultural e lingüística desde o respecto da diversidade.

CP: competencia plurilingüe

Co desenvolvemento do presente PDI iníciase o contacto con linguas e culturas distintas da familiar, fomentando nos nenos e nenas as actitudes de respecto e aprecio pola diversidade lingüística e cultural, así como o interese polo enriquecemento do seu repertorio lingüístico. Promóvense deste xeito o diálogo e a convivencia democrática.

STEM: competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría

Co desenvolvemento do PDI pretendemos que os nenos e as nenas se inicien nas destrezas lóxico-matemáticas e que dean os primeiros pasos cara ao pensamento científico a través do xogo, a manipulación e a realización de experimentos sinxelos. O proceso de ensino e aprendizaxe expoñerase nun contexto suxestivo e divertido no que se estimulará, desde un enfoque coeducativo, a curiosidade de nenos e nenas por entender aquilo que configura a súa realidade, sobre todo o que está ao alcance da súa percepción e experiencia, respectando os seus ritmos de aprendizaxe. Con esta finalidade, convidarase a observar, clasificar, cuantificar, construír, facerse preguntas, probar e comprobar, para entender e explicar algúns fenómenos da contorna natural próxima, iniciándose no aprecio polo medioambiente e na adquisición de hábitos saudables. Para o desenvolvemento desta competencia clave, prestarase unha especial atención á iniciación temperá en habilidades numéricas básicas, a manipulación de obxectos e a comprobación de fenómenos.

CD: competencia dixital

Con este PDI pretendemos iniciar ao alumando no proceso de alfabetización dixital que conleva, entre outros, o acceso á información, a comunicación e a creación de contidos a través de medios dixitais, así como o uso saudable e responsable de ferramentas dixitais. Ademais, o uso e a integración destas ferramentas nas actividades, experiencias e materiais da aula poden contribuír a aumentar a motivación, a comprensión e o progreso na adquisición de aprendizaxes de nenos e nenas.

CPSAA: competencia persoal, social e de aprender a aprender

Coa implementación do presente PDI pretendemos que o alumnado se inicie no recoñecemento, a expresión e o control progresivo das súas propias emocións e sentimentos, e avancen na identificación das emocións e sentimentos dos demais, así como no desenvolvemento de actitudes de comprensión e empatía. Doutra banda, o desenvolvemento deste proxecto supón tamén o descubrimento dunha contorna diferente á familiar, na que se experimenta a satisfacción de aprender en sociedade, mentres se comparte a experiencia propia con outras persoas e se coopera con elas de forma construtiva. Para iso, os nenos e as nenas comezarán a poñer en marcha, de maneira cada vez máis eficaz, recursos persoais e estratexias que os axudarán a desenvolverse na contorna social con progresiva autonomía e a resolver os conflitos a través do diálogo nun contexto integrador e de apoio.

CC: competencia cidadá

Co obxectivo de sentar as bases para o exercicio dunha cidadanía democrática, ofrécense, neste proxecto, modelos positivos que favorecen a aprendizaxe de actitudes baseadas nos valores de respecto, equidade, igualdade, inclusión e convivencia, e que ofrecen pautas para a resolución pacífica e dialogada dos conflitos. Preténdese, tamén, promover a identificación de feitos sociais relativos á propia identidade e cultura. Do mesmo xeito, foméntase un compromiso activo cos valores e as prácticas da sustentabilidade e do coidado e protección dos animais. A tal fin, promóvese a adquisición de hábitos saudables e sostibles a partir de rutinas que nenos e nenas irán integrando nas súas prácticas cotiás. Ademais, séntanse as condicións necesarias para crear comportamentos respectuosos con eles mesmos, cos demais e co medio, que preveñen condutas discriminatorias de calquera tipo.

CE: competencia emprendedora

A creación e a innovación son dous factores crave para o desenvolvemento persoal, a inclusión social e a cidadanía activa ao longo da vida. Con este PDI pretendemos estimular a curiosidade, a iniciativa, a imaxinación e a disposición para indagar e a crear mediante o xogo, as actividades dirixidas ou libres, os proxectos cooperativos e outras propostas de aprendizaxe, o cal supón unha oportunidade para potenciar a autonomía e materializar as ideas persoais ou colectivas. Desta maneira, constrúense as bases tanto do pensamento estratéxico e creativo, como da resolución de problemas, e foméntase a análise crítica e construtiva desde as primeiras idades.

CCEC: competencia en conciencia e expresión culturais

Para que os nenos e as nenas constrúan e enriquezan a súa identidade, este PDI fomenta a expresión creativa de ideas, sentimentos e emocións a través de diversas linguaxes e distintas formas artísticas. Así mesmo, axúdase ao desenvolvemento da conciencia cultural e do sentido de pertenza á sociedade a través dun primeiro achegamento ás manifestacións culturais e artísticas.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)