Saltar navegación

2.1 OBXECTIVOS DE ETAPA: Educación Primaria

Co presente PDI pretendemos facilitarlle ao alumnado aprendizaxes da expresión e da comprensión oral, a lectura, a escritura, o cálculo, as habiliades lóxicas e matemáticas, a adquisición de nocións básicas da cultura e o hábito de convivencia, así como os de estudo e traballo, o sentido artísticos, a creatividade e a afectividade, co fin de garantir unha formación integral que contribuirá ao pleno desenvolvemento da súa personaliade.

O PDI contribuirá a desenvolver nas nenas e nos nenos os seguintes obxectivos xerais desta etapa:

  • Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas de forma empática, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.
  • Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe, e espírito emprendedor.
  • Adquirir habilidades para a resolución pacífica de conflitos e a prevención da violencia, que lles permitan desenvolverse con autonomía no ámbito escolar e familiar, así como nos grupos sociais con que se relacionan.
  • Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas por motivos de etnia, orientación ou identidade sexual, relixión ou crenzas, discapacidade ou outras condicións.
  • Coñecer e utilizar de maneira apropiada a lingua galega e a lingua castelá e desenvolver hábitos de lectura.
  • Adquirir, polo menos, nunha lingua estranxeira a competencia comunicativa básica que lles permita expresar e comprender mensaxes sinxelas e desenvolverse en situacións cotiás.
  • Desenvolver as competencias matemáticas básicas e iniciarse na resolución de problemas que requiran a realización de operacións elementais de cálculo, coñecementos xeométricos e estimacións, así como ser capaces de aplicalos ás situacións da súa vida cotiá.
  • Coñecer os aspectos fundamentais das ciencias da natureza, as ciencias sociais, a xeografía, a historia e a cultura.
  • Desenvolver as competencias tecnolóxicas básicas e iniciarse na súa utilización para a aprendizaxe, utilizando un espírito crítico ante o seu funcionamento e as mensaxes que reciben e elaboran.
  • Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.
  • Valorar a hixiene e a saúde, aceptar o propio corpo e o das outras persoas, respectar as diferenzas e utilizar a educación física, o deporte e a alimentación como medios para favorecer o desenvolvemento persoal e social.
  • Coñecer e valorar os animais máis próximos ao ser humano e adoptar modos de comportamento que favorezan a empatía e o seu coidado.
  • Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais, así como unha actitude contraria á violencia, aos prexuízos de calquera tipo e aos estereotipos sexistas.
  • Desenvolver hábitos cotiáns de mobilidade activa autónoma saudable, fomentando a educación viaria e actitudes de respecto que incidan na prevención dos accidentes de tráfico.
  • Coñecer, apreciar e valorar as singularidades culturais, lingüísticas, físicas e sociais de Galicia, poñendo de relevancia as mulleres e os homes que realizaron achegas importantes á cultura e á sociedade galegas.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)