Cando o alumnado presenta unha alteración da fala debemos traballar para correxila, tanto dende os centros educativos como dende a casa.
Por iso, aquí ofreceranse unha serie de recomendacións que deberían ter en conta cando están cos seus fillos ou fillas.
|
|
CREAR SITUACIÓNS COMUNICATIVAS:
- Debemos buscar momentos para compartir experiencias, xogos e todo tipo de actividades que favorezan a conduta comunicativa do neno ou da nena.
- Cando o bañemos podemos ir ensinándolle as partes do corpo, no momento de vestirse podemos repasar as prendas de vestir... (todo dun xeito moi natural).
- Os contos con imaxes son moi bos sempre que se incorporen comentarios ao neno ou nena sobre as imaxes que chaman a súa atención.
DESENVOLVER APTITUDES DE OBSERVACIÓN:
- As familias sodes os que máis tempo pasades cos nenos e nenas e sodes os que mellor os coñecedes, polo tanto seredes os principais observadores das súas condutas.
- É moi importante que teñades en conta como é a súa fala, cales son as súas maneiras de comunicarse, cando son máis expresivos, ou cales son os seus avances e retrocesos, para poder contárnolo aos mestres e mestras.
EVITAR A CONDUTA DIRECTIVA:
- Debedes ser flexibles e evitar impoñerlles en todo momento o voso criterio.
- Enriquecer en todo momento a súa actividade, aportándolle ideas.
- Fomentar a interacción co resto do seu contorno.
- Respectar certos espazos de tempo no que se poidan expresar libremente.
ELIMINAR CONDUTAS NEGATIVAS:
- Intentar controlar todo tipo de actitude negativa ante a súa linguaxe.
- Unha situación relaxada favorece unha emisión máis abundante e fluída.
- Controlar as manifestacións de ansiedade.
- Evitar castigos relacionados coa linguaxe.
- Eliminar as correccións explícitas: “iso non se di así”, “dio ben”... teñen un tempo para adquirir os diferentes sons da nosa lingua e uns son máis fáciles ca outros.
AXUSTAR A NOSA LINGUAXE – APRENDER A USALA MELLOR
Os nenos e as nenas aprenden a linguaxe escoitando a fala das persoas do seu contorno familiar e imitándoo. Por iso, se lles debe falar moito, cunha linguaxe sinxela e clara que poidan entender:
- Falarlles máis amodo pero sen romper a entoación natural.
- Pronunciar correctamente sen esaxerar nin gritar.
- Repetir se é preciso ou intentar dicir o mesmo doutro xeito con palabras que coñezan.
- Respectar a quenda de palabra.
- Empregar xestos naturais para facilitar a comprensión.
- Adecuar o tamaño e a dificultade das mensaxes ao seu nivel.
- Empregar frases simples pero correctas.
- Devolverlle os seus enunciados mellorados e engadíndolle palabras (Exemplo: “mamá toche” ; “si, este é o coche de mamá, o coche de mamá a verde...”).
- Formular preguntas alternativas, darlle opcións para que non se limite a dicir si ou non (Exemplo: De que queres o bocadillo, de xamón ou de queixo?)
- Saber manter o noso interese e garantir a continuidade da conversa: si?, de verdade?, por que?, cando?...
FELICITAR E PREMIAR CADA META ACADADA
|