Skip to Content

Novas

O CANTO DO CUCO

Cuco común - SEO/BirdLifeDende o EDLG do cole andamos argallando unha actividade sobre un peculiar veciño que nos visita todas as primaveras: o cuco. Consiste na recollida do seu canto nun deses magníficos paseos que sabemos que facedes pola fermosa contorna natural que temos. Seredes quen de gravalo e incluso de sacarlle unha foto? Si é así animámosvos a enviar a seguinte información á dirección de correo que vos achegamos:

  • Nome da alumna ou alumno
  • Lugar no que o escoitei (barrio, aldea e parroquia)
  • Data e hora na que o escoitei.
  • Audio e/ou foto.

edlgsoutodonas@gmail.com

Tamén podedes empregar o seguinte formulario si vos resulta máis cómodo.

Logo de recollida a información, identificaremos o lugar nun mapa do concello de Gondomar, con todas as súas parroquias, situado nas escaleiras interiores do centro.

PREMIO.

Velaquí temos o primeiro explorador que deu co CUCO. Parabéns a Aitor de segundo de primaria por atopalo. Disque xa hai uns días que anda pola Portavedra.

Vídeo de Aitor.

Tamén Olivia de quinto de primaria o escoitou en Pinzás e aquí nos envía testemuño delo. Moitas grazas.

Audio de Olivia.

Tamén Nicolás de terceiro de primaria se achegou a San Cibrán a escoitalo. Moitas grazas por achegarnos este vídeo.

Vídeo de Nicolás.

 

Ivo de infantil tamén o escoitou, desta volta lonxe dos límites do noso concello. Moitas grazas.

Vídeo de Ivo.

 

Tamén Clara de sexto de infantil e Eloy de terceiro de primaria quixeron participar, mais desta volta non acharon ao cuco pero si a unha boa compañeira a bubela. Moitas grazas por participar.

Vídeo de Clara e Eloy.

Chéganos unha nova gravación feita por Nicolás de primeiro de Primaria. Recolleuna o saábado 16 de abril ás 12:00 na serra do Galiñeiro, moitos parabéns e graciñas por participar.

Audio de Nicolás.

 

 

AS PEGADAS DE ROSALÍA

Co gallo da conmemoración do Día de Rosalía desde o centro elaboramos unha manchea de actividades que vos presentamos na seguinte montaxe. Agardamos que desfrutedes dela tanto como o fixemos nós coa súa elaboración.

 

https://view.genial.ly/6200ddb70cd90f0012e5c17b/interactive-content-dia-de-rosalia-2022https://view.genial.ly/6200ddb70cd90f0012e5c17b/interactive-content-dia-de-rosalia-2022

23 de febreiro DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO.

A Fundación Rosalía de Castro convocou a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.

 

Fundación Rosalía de Castro

Logo deste acordo, convidámosvos a atender a chamada da Fundación Rosalía de Castro para celebrar o Día de Rosalía, desta volta o 23 de febreiro, lendo os seus textos, cunha Alborada de Rosalía e facendo un Caldo de Gloria, iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

 

UNIDADES DIDÁCTICAS

 

INFANTIL 1º CICLO DE PRIMARIA 2º CICLO DE PRIMARIA 3º CICLO DE PRIMARIA

 

ACTIVIDADES INTERACTIVAS

 

     

 

 

 ROSALÍA PEQUENIÑA

 


Rosalía Pequeniña é o título dun libro-disco de Uxía. Maio longo, Como chove miudiño, Has de cantar, Paseniño, Miña santiña, miña santasa ou Alborada son algúns dos poemas rosalianos que se recollen neste libro que está na nosa biblioteca.

Aquí tedes unha versión musicada do poema "O moucho", que podedes escoitar premendo aquí.

Tamén deixamos o acceso a un genially, elaborado polo EDLG de varios centros, onde ademais de aprender datos sobre a vida e obra de Rosalía tamén tedes actividades interactivas.

Asemade o  Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio San Pío X (Ourense) quixeron compartir connosco un recurso que elaboraron para aproximarnos á vida da escritora. Non deixedes de visitalo a través desta ligazón.

 

 

O APALPADOR PASOU POLO COLE!

Vaia sorpresa máis agradable recibimos para rematar o trimestre e, xa que logo, o derradeiro día de clase do ano 2021. O Apalpador e varias das súas acompañantes achegáronse ao cole a traernos unha morea de ilusión e vos desexos para estas datas de Nadal e para o vindeiro ano 2022 que xa chega. Ademais achegáronse cun bo lote de xogos para todas as aulas e para a biblioteca que a bo seguro desfrutaremos.

Moitas grazas á Anpa do noso cole por facelo posible e por ese rico chocolate quentiño que tan ben nos fixo.

Aquí vos deixamos testemuño do acontecido e aproveitamos para desevarnos que gocedes moito destas festas.

 

O NOSO COLE GAÑA O CONCURSO DE PRIMAVERA DAS LETRAS DA RAG

 

Os centros de educación infantil e primaria Manuel Mallo Mallo (Lugo), do Carballal (Marín) e noso cole somos os gañadores do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega a través do proxecto dixital Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos para profundar na figura á que a institución rende homenaxe cada 17 de maio. A edición dedicada á celebración escolar das Letras de Xela Arias contou coa participación de 125 centros de toda Galicia.

Os tres colexios gañadores seremos agasallados cun lote de libros e todos os participantes recibiremos un diploma acreditativo.

Desde o noso centro queremos dar os parabéns a todos os centros participantes. Atopamos moi bos traballos merecentes do galardón, desta volta tocounos a nós, polo que estamos moi agradecidas á Real Academia Galega.

XXII Encontros para a Normalización Lingüística. Desde o berce: a trasmisión interxeracional da lingua galega.

 

O Consello de Europa advirte da diminución de falantes e da grave perda da transmisión xeracional, a través do seu Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo goberno verbo da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Na programación dos XXIII Encontros para a normalización lingüística dende o Consello da Cultura Galega quixeron colocar este tema no centro das nosas preocupacións, baixo o título ben explícito Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega. O obxectivo do programa foi proporcionar e intercambiar información, reflexionar sobre os datos, difundir e compartir experiencias e recursos, e tentar achegar vías de solución ou propostas positivas. Non os movía menos o desexo de reatoparnos en vivo, cara a cara, agora que a situación sanitaria vai permitindo maior presencialidade, nesta cita anual que chamamos, significativamente, Encontros.

Aquí vos deixamos o enlace aos vídeos dos Encontros.

 

 

 

O SAMAÍN EN DONAS

SAMAÍN 2021 EN DONAS

Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É  o tempo de recoller o millo e as cabazas. É tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas seguindo unha antiga tradición. É tempo de... SAMAÍN!

"Nin as bruxas, nin os demos ou zombis pintan nada no imaxinario desta festa, todo o máis as pantasmas coa cara tapada ou emborrallada como no magosto, festa que, por certo, ten bastante proximidade con esta. E dende logo nada de morcegos, arañas, bufos, ou outros animais semellantes, respectados no rural polos seus beneficios e satanizados... no Halloween." www.blogofiadeiro.blogspot.com

Convidámosvos a recuperar a actividade que viñamos facendo para conmemorar esta nosa festa:

1. Escolle un cabaza dun tamaño manexable e facilmente transportable.

2. Decora a túa cabaza, non empregues para elo materiais que sexa preciso recuperar.

3. Tráenola ao cole o mércores 27 para facermos a exposición.


 

Aquí vos deixamos a ligazón a un traballiño feito por varios coles coa aplicación Genially que nos achega a un mellor coñecemento sobre as orixes desta festa. Agradamos que vos guste.

 

A LINGUA DAS ÁRBORES.

O xoves 3 de xuño realizamos no cole unha viaxe a través dos contos co cabaliño "Caramulo" e o "Carballo con botas" para coñecer e coidar a natureza. Desfrutamos duns contos que levaron ás nenas e aos nenos dende a súa propia contorna até bosques do Courel, Xurés, Geres, Fragas do Eume, Ancares..., aprendendo os nomes das árbores e o rico patrimonio ecolóxico e lingüístico de seu.

A visita de Anxo Moure, referencia esencial do ecopacifismo, supuxo un alento de ar fresco que renovou os nosos azos en prol da defensa do noso medio ambiente.

Moitas grazas por tantas ensinanzas abofé que estas novas xeracións terán ben presentes os teus sabios consellos.

 

Malas novas para o galego

Vimos de recibir malas novas sobre o emprego e dominio do galego por parte das rapazas e rapaces que rematan a etapa da ESO. Un estudo elaborado pola Real Academia Galega constata que: Continúa o desequilibrio: o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego.

Isto non fai máis que confirmar que o camiño que levamos non é o correcto e debemos pór o noso esforzo e interese en mellorar xa que vai a vida da nosa Lingua nelo.

Para obter máis información poñemos ao voso dispor un enlace á páxina web da RAG onde podedes consultar os datos do estudo realizado.

Está nas nosas linguas a posibillidade de darlle ao galego mil primaveiras máis. Animádevos.

 

SABER O MAR

O martes 23 de febreiro as alumnas e alumnos de cuarto de Primaria asistimos a un Obradoiro organizado polo Museo do Pobo Galego. Foi impartido por Jose Valtierra e nel puidemos coñecer de primeira man todo o relacionado coa cultura tradicional mariñeira galega. Temos o mar tan preto e cantas cousas descoñecemos!.

Embarcacións como a Dorna, animaliños como a Broma, como se protexían e protexían as súas embarcacións, que función tiña cada quen no barco, como facían un uso responsable dos recursos, técnicas de pesca sustentables e unha morea de vocabulario relacionado co mar foron algunha das cousas máis destacadas da exposición. Para rematar puidemos visitar de xeito virtual a aula do Museo do Pobo Galego na que están representados todos estes oficios, moitas grazas a Carme polo seu acompañamento.

Que afortunadas e afortunados nos sentimos.

Aquí vos poñemos unha montaxe con algunhas das cousas que fixemos. Agardamos que vos gusten.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut