Skip to Content

Novas

8 M.IGUALDADE XA!

 

Xa sabes que o día 8 de marzo é o día Internacional da Muller. Este día reivindicamos a loita da muller pola igualdade e pola participación activa na sociedade. No cole fixemos unha manchea de actividades coas que pretendemos amosar o noso rexeitamento a estas situacións de desigualdade.

Nas aulas elaboramos unhas fermosas siluetas para o noso mural central, logo fixemos unhas canisetas de papel ben fermosas nas que a artista baionesa Irene Silva estampou un símbolo que reivindica a igualdade. Penduramos esas camisetas nunha tendedeira na entrada do cole e finalizamos cun acto central de intercambio de camisetas co que simbolizamos a nosa postura a prol da igualdade efectiva.

Na seguinte ligazón podes ver un vídeo resumo das actividades, agardamos que vos guste.

Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración.

 

 

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS

A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian ese renacer primaveral.

Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!

Como pasou con outras datas –por exemplo, coa noite de San Xoán–, a Igrexa acabou cristianizando a celebración pagá que tiña lugar o 2 de febreiro: o día da Candeloria.

A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: “Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra; cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”. É o mesmo concepto que o Día da Marmota estadounidense, cando este animal prevé a chegada inminente da nova estación (ou non).

Velaquí os estupendos traballiños que fixemos para conmemorar esta data.

 

VISITA DO APALPADOR

Vaia sorpresa máis agradable recibimos para rematar o trimestre e, xa que logo, o derradeiro día de clase do ano 2022. O Apalpador e varias das súas acompañantes achegáronse ao cole a traernos unha morea de ilusión e vos desexos para estas datas de Nadal e para o vindeiro ano 2023 que xa chega. Ademais achegáronse cun bo lote de xogos para todas as aulas e para a biblioteca que a bo seguro desfrutaremos.

Moitas grazas á Anpa do noso cole por facelo posible e por ese rico chocolate quentiño que tan ben nos fixo.

Aquí vos deixamos testemuño do acontecido e aproveitamos para desevarnos que gocedes moito destas festas.

 

O APALPADOR XA ESTÁ AQUÍ!

Achegámonos ás datas do Nadal e non podemos deixar pasar por alto a unha figura tradicional do Nadal galego como é o Apalpador. Vaia por diante que a tradición do Apalpador e a Noite do Apalpadoiro estaban totalmente perdidas á entrada do actual milenio. Afortunadamente mantíñanse na lembranza dunhas persoas nadas na primeira metade do século XX e que as viviran de pequenas. Grazas a elas, ao estudo por parte duns poucos e ao esforzo de moitas persoas, podemos dicir que, aínda que quede moito camiño, algo se ten andado xa.

 

 

Aquí vos deixamos información sobre a figura deste persoeiro que a bo seguro será do voso interese.

Cantos de vós coñecedes en profundidade ao carboeiro máis senlleiro do nadal galego?

 

Desde Orgullo Galego apórtannos o seu gran de area na recuperación das figuras mitolóxicas e tradicionais da Galiza.

Quen é? De onde é propio? Cando aparece? OApalpador na cultura tradicional galega e a súa recuperación no século XXI son preguntas que achan resposta neste artigo onde tamén atopamos unha ligazón a este magnífico documental realizado pola Gentalha do Pichel con decenas de grabacións que dan boa conta da súa existencia.

 

 

 

 

 

 Historia de Galicia

 

Desde o portal de Historia de Galicia nos deixan algunhas evidencias dunha tradición case extinta.

 

 

 

 

 

En apalpador.gal atoparás información sobre: Quen é? As súas orixes, outros personaxes do Nadal, así como unha morea de recursos en formato de láminas e imaxes para colorear,  exemplos de actividades e moitas cousas máis.

 

Dende o Portal da Lingua tamén nos ofrecen unha actividade na que, a través de sinxelos exercicios e xogos, o alumnado dos primeiros cursos de primaria coñecerá mellor a figura máis tradicional do Nadal galego, o Apalpador.

 

VIEIROS DA ESCOLA

Hai xa anos desde Vieiros nos ofrecían unha man chea de ferramentas moi útiles para coñecer máis sobre esta figura.

Aquí vos deixamos a ligazón a unha presentación feita con "Genially" da que seguro que gozaderes.

 

 

CHEGOU O CICLO DO INVERNO. CHEGOU A FESTA DAS CABAZAS.

Un ano máis velaquí tedes unha pequena vídeomontaxe coas cabazas que trouxestes. Moitos parabéns e moitas grazas pola vosa paticipación. Agardamos que teñades un moi bo paso polo ciclo de Inverno. Para ver a montaxe non tedes máis que premer na imaxe.

 

 

 

A NOITE DE DEFUNTOS: CRENZAS E TRADICIÓNS.

Todas as culturas do mundo, dende que o home é home, estableceron rituais para honrar e conmemorar os seus mortos. A orixe do noso actual Día de Defuntos pérdese, xa que logo, na noite dos tempos, por iso as celebracións de hoxe en día son herdeiras de antigas tradicións, ritos e crenzas que como pobo construímos ao longo da nosa historia.

En moitos lugares por estas datas lembran que ían pedir polas almiñas dos defuntos. Por exemplo en Caldas de Reis ían a "Pericha" nestes días polas casas, pedían nabos, millo, cabazas e outros produtos da horta, na Illa de Arousa aínda as crianzas, acompañadas polas nais e pais saen todos os anos a pedir a esmoliña baixo o lema "unha limosniña polos defuntiños que van alá"

Aquí tedes información interesante sobre esta conmemoración que vos axudará a comprender un pouco máis sobre as orixes.

 

COMEZA O CICLO DO INVERNO

Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o millo e as cabazas. É tempo en que a rapazada fai os deseños na cortiza das cabazas, nabos ou patacas seguindo unha antiga tradición. Comeza o ciclo do inverno, da escuridade, da inactividade agraria. É tempo de recollerse é tempo de ... contactar e honrar aos nosos defuntos!

"Nin as bruxas, nin os demos ou zombis pintan nada no imaxinario desta festa, todo o máis as pantasmas coa cara tapada ou emborrallada como no magosto, festa que, por certo, ten bastante proximidade con esta. E dende logo nada de morcegos, arañas, bufos, ou outros animais semellantes, respectados no rural polos seus beneficios e satanizados... no Halloween." www.blogofiadeiro.blogspot.com

Si queres saber máis sobre a verdadeira orixe da celebración nesta ligazón poderás ver unha entrevista ao experto Antropólogo Rafael Quintía. 

Convidámosvos a manter a actividade que vimos facendo para conmemorar esta nosa festa:

1. Escolle unha cabaza ou un nabo dun tamaño manexable e facilmente transportable.

2. Decórao sen empregar para elo materiais que sexa preciso recuperar.

3. Tráenola ao cole o mércores 26 (xoves 27 os de Infantil) para facermos a exposición. (Aquelas que presenten bo estado enviarémolas de volta para casa o venres)

CERCO AO LOBO

Durante este curso que ven de comezar imos desenvolver no cole toda unha serie de actividades arredor do Proxecto titulado o Lobo. Para achegarnos a un coñecemento da súa situación actual dende o EDLG vos aconsellamos unha lectura desta interesante información que nos ofrecen dende o portal da Ciencia Galega GCiencia. Con certeza atoparedes datos interesantes para acompañar o vosos traballos neste Proxecto que se nos presenta ben emocionante.

 

 

Evolución da distribución do lobo na península dende o século XIX á actualidade.

 

 

 

Como sempre nos di a "Sciencia" debemos por sempre a fonte orixinal. Velaquí está:

https://zslpublications.onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1111/acv.12814

A ORIXE DA NOSA LINGUA GUAPA

QUERES SABER ALGO MÁIS DA ORIXE DA NOSA LINGUA?

A comunidade educativa do CPI Santa Lucía participou nunha curtametraxe de ficción que nos achega a resposta.

A cinta baséase nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, que asina o guión coa profesora de galego Fátima R. Ruibal. A docente do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) é ademais a mestra-meiga que protagoniza esta película canda as verdadeiras estrelas da produción: os nenos e as nenas do CPI Santa Lucía  que se converteron en actores e actrices para a ocasión. Todo o equipo, baixo a batuta de Damián Varela na dirección, traballou arreo durante a pasada primavera nesta historia na que realidade e fantasía se entretecen para explicarlle ao público novo como se foi formando ao longo dos séculos o galego.

A rodaxe tivo lugar no propio centro educativo e na Casa do Pardiñeiro, tamén en Moraña, e executouse co apoio económico converteron da Deputación da Coruña, patrocinadora de Primavera das Letras.

Preme na seguinte imaxe si queres ver a curtametraxe.

 

 

ASÍ FALAMOS NÓS

 

“ASÍ FALAMOS NÓS” é un proxecto de recollida de vocabulario ao redor dunha temática concreta que nace como proxecto de colaboración entre o CEIP Souto - Donas, de Gondomar (Pontevedra) e o CEIP  Rosalía de Castro, de Bóveda (Lugo).

A intención é a de achegar ao alumnado á riqueza léxica do noso idioma e, en concreto, a riqueza das variantes dos Concellos onde se atopan os nosos centros educativos.

A temática escollida nesta ocasión é o millo . En relación a este produto elaboramos o cuestionario que ides facer a continuación.
 
Atoparedes imaxes relacionadas co millo ás que haberá que poñerlles nome, pero tamén hai outros apartados onde pretendemos que nos faledes dos diferentes usos do millo e que nos fagades chegar algún dito, refrán, conto ou canción relacionada co tema.

Unha vez que cada familia teña cuberto o cuestionario elaboraremos un documento con toda a información que será colgado nas páxinas web de ambos centros educativos.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

 

LIGAZÓN AO CUESTIONARIO.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut