Día da Paz
Enviado por admin o Mér, 31/01/2024 - 09:45Na celebración do Día da Paz deste curso realizamos o ritual SadaBona, no que compartimos cos nosos e compañeiras as características positivas que todos e todas temos. Despois cantamos a canción Somos unha marea de xente, de Macaco.
Para completar as actividades relacionadas con esta conmemoración estamos elaborando un mural para poñer en valor a diversidade da nosa escola e do noso planeta.
SadaBona: respéctote, valórote, ti es importante para min.
Fotos Día da Paz
Fotos mural
Vídeo da xornada
ADMISIÓN DE ALUMNADO PARA O CURSO 2024-2025: RESERVA DE PRAZA NO INSTITUTO DO ALUMNADO DE 6º EP
Enviado por admin o Dom, 14/01/2024 - 16:52Segundo se contempla na Orde de 21 de outubro de 2022, pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos, artigo 26.4 “Cando o alumnado teña prioridade para continuar estudos nun centro de adscrición, pode exercer o seu dereito á reserva de praza presentando solicitude de reserva (formulario normalizado ED550A que se remitiu hoxe a través do alumnado) no centro adscrito, isto é, no que está matriculado nese momento, e indicará o centro de adscrición que solicita”.
Tamén se poderá cumprimentar a solicitude través da aplicación admisionalumnado que deberán imprimir e entregar na Secretaría deste centro https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/ ou formalizala en calquera dos lugares de rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, incluída a Sede Electrónica con certificado dixital ou a Chave 365 https://sede.xunta.gal/portada e neste caso xa non é preciso a entrega en papel na Secretaría do centro.
Xunto coa solicitude hai que presentar copia do libro de familia ou documento equivalente onde figure o/a alumno/a e as persoas proxenitoras.
Aquelas familias do alumnado de 6º curso de Educación Primaria que desexen efectuar a reserva de praza para o vindeiro curso no IES Isaac Díaz Pardo de Sada deberán formalizar a reserva de praza. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de febreiro.
En todo caso, a solicitude de reserva ou de admisión é única para cada alumno/a, ten carácter vinculante e a súa presentación implica que son certos os datos indicados nela. A existencia dunha solicitude de admisión presentada en prazo sen renunciar expresamente á anterior, así como a existencia dunha solicitude de admisión sen ter renunciado á praza reservada en día 28 de febreiro (este incluído), poderán ser causa de perda do dereito a participar no procedemento nos termos previstos no artigo 8 da Orde de 21 de outubro de 2022.
SadaBona: Exposición 1º Trimestre
Enviado por admin o Lun, 08/01/2024 - 09:30SadaBona, o noso proxecto de centro deste curso, ten a súa orixe na palabra africana Sawabona, que significa respéctote, valórote, ti es importante para min. Con el queremos promover e favorecer dinámicas inclusivas en todos os procesos de socialización, aprendizaxe e convivencia dentro da nosa escola.
Durante o primeiro trimestre cada curso investigou sobre as distintas nacionalidades do alumnado da propia aula e das súas familias. Con todos os traballos elaborados realizamos unha exposición. Aquí podedes ver o vídeo coas visitas que organizamos para coñecer todo o creado.
Festa de Nadal
Enviado por admin o Xov, 21/12/2023 - 13:58Despedimos o trimestre cunha xornada de festa e alegría na que todos e todas gozamos cunha deliciosa chocolatada.
Clica na imaxe para ver as fotos
Recollida solidaria de alimentos
Enviado por admin o Xov, 21/12/2023 - 13:46Na tradicional recollida solidaria de alimentos que realizamos a favor de Cáritas e Cruz Vermella de Sada toda a nosa Comunidade Educativa participou activamente. Os representantes de ambas entidades pediron que se trasladara o agradecemento a todos e todas os que contribuíron nesta recollida.
Carreira ENKI
Enviado por admin o Mar, 05/12/2023 - 17:18Dentro das actividades realizadas para conmemorar o 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no día de hoxe celebramos a Carreira ENKI. Trátase dunha carreira de obstáculos adaptados para sensibilizar e concienciar a toda a nosa Comunidade Educativa sobre a realidade das persoas con diversidade funcional. Entre todos e todas, dentro dun ambiente festivo, compartimos unha gran xornada de convivencia.
Clica na imaxe para ver as fotos
25 de novembro: Día Internacional Contra a Violencia de Xénero
Enviado por admin o Ven, 24/11/2023 - 13:02O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero e dentro das diversas actividades realizadas, hoxe tivo lugar o acto colectivo no que manifestamos o noso compromiso en prol da igualdade e o rexeitamento de calquera violencia cometida contra as mulleres. SAWABONA: Valórote, respéctote, es especial para min.
Manifesto
Pica na imaxe para ver as fotos e vídeos da xornada
Festa do Samaín, Magosto e Halloween
Enviado por admin o Mar, 31/10/2023 - 00:33As castañas, as cabazas, os disfraces e a diversión acompañáronnos na celebración do magosto, do Samaín e do Halloween que realizamos hoxe. Para rematar a xornada realizamos un desfile no que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras toda a nosa alegría nesta xornada de festa.
Clica nas imaxes para ver as fotos
Exposición de cabazas Photocall Festa
PROGRAMA TEI: ENTREGA DIPLOMAS E CARNÉS TITORES/AS TEI
Enviado por admin o Ven, 27/10/2023 - 13:28Hoxe tivo lugar a entrega dos diplomas e carnés de titores e titoras TEI ao alumnado de 5º de educación primaria. O acto contou coa presenza do alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de educación, Rebeca Mouriño.
O programa TEI é un programa de convivencia para a prevención da violencia e o acoso escolar. Está baseado na titorización emocional entre iguais, o alumnado maior (5º de educación primaria) titoriza emocionalmente aos seus compañeiros de 3º de educación primaria. O resto de alumnado do centro, dentro deste programa, realiza distintas actividades ao longo do curso encamiñadas á mellora da convivencia.
AXUDAS A ESCOLARIZACIÓN DO CONCELLO DE SADA CURSO 2023-2024
Enviado por admin o Xov, 26/10/2023 - 08:46Está dispoñible na páxina web do Concello de Sada a información sobre a convocatoria que ten por obxecto a concesión de axudas económicas ás familias para atender aos gastos orixinados polo comezo do curso escolar do alumnado, entendendo por tales a adquisición de libros, material didáctico complementario, vestiario e outros gastos directamente relacionados.
https://www.sada.gal/axudas-a-escolarizacion-do-concello-de-sada-curso-2023-2024
As solicitudes deberán presentarse no prazo máximo de 15 días hábiles a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, esto é ata o 16 de novembro.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »