Skip to main content

FLORA

I RUTA INTERXENERACIONAL "Aprendendo, naturalmente!" #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este 4 de febreiro, convocada a comunidade educativa e a veciñanza,

tivemos o pracer de aprender paseando e escoitando nun entorno fermoso,

o da praia da Madalena e cun día que nos ofreceu a súa mellor luz.

Rafael López Loureiro e Álvaro Pérez Pérez amosáronnos moito máis do que contábamos ver.

Non era que esas plantas, aves, cunchas ou pisadas non estivesen antes,

é que moitas veces a nosa actitude non nos permite ollar como

se merece o mundo natural que nos arrodea.

Durante o percorrido, Álvaro e Calel foron sementando a ansia por facer medrar

o noso espírito naturalista e medio ambiental. Unha abundante rapazada cos seus

cadernos de campo (ferramenta básica) recolleu nomes científicos

e datos que ilustrou con debuxiños. Un orgullo de pequenas e pequenos naturalistas! 

Observamos e fotografamos plantas invasoras, falamos do vendabal e do noroeste, da paisaxe dunar,

dos loureiros, ollamos as dúas primeiras flores do inverno, saudounos unha garza, un bilurico bailón

aledounos co seu incesante movemento e vimos o susto dunha águia peixeira

ás  gaivotas que descansaban na ría. Puidemos admirar o eider común  que dende

hai cinco anos vén pasar o inverno a Cedeira, unha das marabillas da ría e ollamos

felgos que levan sobrevivindo 33 millóns de anos…falamos da Macaronesia.

De certo aprendemos!

Pero os nosos expertos incidiron en que o máis importante é o respecto e o coidado. 

Nun espazo no que convivimos todos habemos permitir que cada un teña o seu lugar

e o seu dereito a vivir, ollando e respectando sempre, sen coller as floriñas que teñen o seu

dereito a vivir ou sen espantar aos animais que descansan na nosa ría durante as súas longas viaxes.


Rafael Lòpez Loureiro, dende o seu blogue “Ao noroeste do noroeste” ten aberta a proposta de adicar

o día 9 de marzo (data do natalicio do Padre Martín Sarmiento) ao naturalismo galego,

proposta á que nos  adherimos nós tamén e que habemos celebrar como se merece:

APRENDENDO, NATURALMENTE!

 

 

 

 

 

CHARLA, SEMENTEIROS E INXERTO #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Chema do Couzadoiro e Karen Leimdorfer,

da Asociación Lugares Comúns, ensínannos a importancia

de gardar as sementes das nosas hortas, a realizar uninxerto e

convídannos ao próximo intercambio de sementes na nosa vila!

Canto aprendemos!

 

 

 

 

INFORMACIÓN FIABLE E DE CALIDADE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Sabedores de que moitas aulas xa están inmersas na busca de

información do proxecto "Naturalmente, aprendendo!" sobre a flora e fauna

da nosa contorna, a biblioteca quere ofrecer ademáis dos fondos bibliográficos,

o blog dun naturalista, mestre xubilado da nosa escola que pode aportar información

fiable sobre os bichiños e plantas da nosa vila. O blog é: Ao noroeste do Noroeste

e o seu autor Rafael López Loureiro, ao que este venres poderemos escoitar

tamén no Museo Mares de Cedeira.

Asi mesmo, temos no pobo un estudante de bioloxía, Álvaro Pérez Pérez,

que ten Instagram e Twitter con ampla información sobre a nosa natureza.

Convidámosvos a visitar as súas páxinas se queredes investigar.

 

 

I RUTA INTERXENERACIONAL #FamiliasnaBE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Convidamos a toda a veciñanza e á comunidade educativa á I Ruta Interxeneracional

(calquera persoa de calquera idade) pola Praia da Madalena.

En ela, Rafael López Loureiro e Álvaro Pérez Pérez, ofertarán

unha documentación sobre especies da nosa contorna.

Recoméndase traer cámara fotográfica e prismáticos

(en caso de ter) e a rapazada un caderno de campo.

Este roteiro pertence ao proxecto "Aprendendo, naturalmente!",

esta é unha das actividades voluntarias fóra do horario escolar.

 

 

A IMPORTANCIA DE CONSERVAR A SEMENTE #PDI #ALFIN #AMI #ciencia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Dentro do proxecto "Aprendendo, naturalmente!", sobre a flora e

fauna da nosa contorna, alumnado, profesorado e comunidade educativa

xa estamos na fase de documentación e recollida de datos.

Deste xeito, o alumnado de 5º manterá unha conversa sobre a importancia da

conservación das sementes, posteriormente realizarán un obradoiro de sementes

e un inxerto, a actividade estará a cargo da Asociación Lugares Comúns.

Lugares Comúns é unha asociación da nosa vila conformada por persoas de diversas

orixes que teñen como punto de encontro o respecto pola natureza.

O día 25 de febreiro ofertarán unha actividade de intercambio de sementes para toda a vila.

 

 

 

PROVOCACIÓN DO XOGO Á ESCRITA #Infancia #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #LIA #Lectura #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Sendo o motor da actividade o libro "Un año en el bosque"

de Emilia Dziubak creamos unha nova provocación neste caso

referida ao inverno. Como é o bosque en xaneiro e en febreiro?

Imos descobrilo xogando, argallando e resolvendo un encrucillado.

Ven trebellar no espazo argalleiro!

 

Encrucillado de @moonima.

 

 

 

PROXECTO INTERXENERACIONAL "Naturalmente aprendendo!" #ABP #ALFIN #AMI #bibliotecacreativa #Axenda2030 #ODS #FamiliasnaBE #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

A nosa escola atópase mergullada nunha contorna natural chea de cousiñas por descubrir.

Son moitas as especies de animais e plantas que podemos ver nun simple paseo e que

ás veces non somos quen de ollar ou de percibir sexa por descoñecemento,

por non darlle importancia ao ser cousa habitual ou polo simple ir e vir da vida de

hoxe que cada día se fai máis rápida e non nos deixa pararnos a pensar, observar ou apampar.

Temos multitude de fauna miúda, paxariños que cantan ao noso paso, flores únicas, unha reserva

mariña ou simples felgos, que por non ser tan simples sobreviven dende a Era Terciaria.

 Co obxectivo de reconectar e de tecer redes interxeracionais queremos fomentar o encontro e o

intercambio de coñecementos e valores cun proxecto de traballo que vén da man da nosa biblioteca.

Trataremos de tomar tempo e observar a natureza: ulila, escoitala, explorala, prestarlle

atención e descubrir un mundo cheo de vida.


 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/
@beCarlosLabrana
biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

Distribuir contido