Skip to main content

MEDIO AMBIENTE

POR UNHA PRAIA LIMPA #ALFIN #AMI #ciencia #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O Green Club, do Ceip Nicolás del Río, únese á proposta da

Asociación Arce (Amigos dos Ríos) e do o Museo Mares de Cedeira.

Compartimos o texto da publicación de Arce  en facebook

pois suscribímonos a cada verba:

Fotos de Arce (Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira).

 
 
 
 
 
 
 
 
 

 

RECICLAXE ACEITE USADO #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O Concello de Cedeira acaba de impartir unha xornada de

sensibilización cara a reciclaxe do aceite

usado ao alumnado de 5º e 6º de Primaria.

Aprenderon como evitar que chegue o aceite ata o río e

o dano que fai o aceite ás diversas especies que viven no mar.

Proporcionáronlles tamén, un coador para facer o trasvase na casa

e un folleto de diversos entornos ao redor do Río Condomiñas.

Agora, só temos que comezar a reciclar!

 

 

 

RECOLLIDA RECICLADOS #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

 

 

 

 

 

 

 

PROXECTO INTERXENERACIONAL "Naturalmente aprendendo!" #ABP #ALFIN #AMI #bibliotecacreativa #Axenda2030 #ODS #FamiliasnaBE #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

A nosa escola atópase mergullada nunha contorna natural chea de cousiñas por descubrir.

Son moitas as especies de animais e plantas que podemos ver nun simple paseo e que

ás veces non somos quen de ollar ou de percibir sexa por descoñecemento,

por non darlle importancia ao ser cousa habitual ou polo simple ir e vir da vida de

hoxe que cada día se fai máis rápida e non nos deixa pararnos a pensar, observar ou apampar.

Temos multitude de fauna miúda, paxariños que cantan ao noso paso, flores únicas, unha reserva

mariña ou simples felgos, que por non ser tan simples sobreviven dende a Era Terciaria.

 Co obxectivo de reconectar e de tecer redes interxeracionais queremos fomentar o encontro e o

intercambio de coñecementos e valores cun proxecto de traballo que vén da man da nosa biblioteca.

Trataremos de tomar tempo e observar a natureza: ulila, escoitala, explorala, prestarlle

atención e descubrir un mundo cheo de vida.


 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/
@beCarlosLabrana
biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

“Do mar vívese” #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Ata a praia da Madalena achegámonos para realizar un obradoiro da campaña

“Do mar vívese”, que desenvolve a Consellería do Mar. Informáronnos da

importancia de respectar a actividade marisqueira e dos perxuizos que causa o furtivismo.

 


De xeito lúdico aprendemos sobre diferentes especies de mariscos e do tamaño de recollida,

de como conservar limpa e coidada a praia e o máis importante, deixar e defender o traballo das mariscadoras.

 

 

PATIOS VIVOS! RESPECTUOSOS COA INFANCIA #bibliotecainclusiva #bibliotecacreativa #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Os espazos se deseñan para que a través do xogo xurda a aprendizaxe.

A motivación é o motor. 

 

 

 

 

FALADOIRO, CAL SERÁ O NOVO COMBUSTIBLE? #Axenda2030 #bibliotecacreativa #UnhaSoaTerra #bescolaresgal #bescolartesgalabertas

 

Efrén, Xabi e Raúl solicitan un faladoiro.

Primeiro se documentan e len sobre os novos combustibles,

como funcionarán os coches cando quedemos sen petróleo?

Así comeza unha tertulia que leva esta rapazada de 4º e na que

participou todo o alumnado que se apuntou.

Parabéns mociños! Rapazada con preocupacións, buscando solucións!

 

 

 

ÁREAS E PLANO NA HORTA #bibliotecacreativa #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

 

Profesorado e alumnado priorizan espazos ao aire libre e sácanlles o maior partido.

Cálculo de áreas e planos en 5º de Educación Primaria.

 

 

 

 

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE #DiaMundialDoMedioAmbiente2022 #UnhaSoaTerra #bescolaresgal #bescolartesgalabertas

 

No universo hai miles de millóns de galaxias,

na nosa galaxia hai miles de millóns de planetas,

pero só hai unha Terra.

Día Mundial do Medio Ambiente. Nacións Unidas.

 

 

 

GREEN CLUB - UN CLUB PARA PROTEXER A NOSA CONTORNA #Axenda2030 #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

A implicación do alumnado coa protección do medio ambiente é algo que ven de fai bastente tempo.

Se botamos un ollo atrás, moitos proxectos e actividades realizadas, tiñan esa mirada á protección da nosa contorna.

Actividades realizadas en colaboración coa asociación Arce, Museo Mares de Cedeira,

protocolos deseñados polo alumnado para todo o centro,

intervencións no centro escolar, creación de patios vivos, eliminación dos disfraces con bolsas plásticas,

creación de hortas, roteiros, cadernos naturalistas... son algunhas das intervencións levadas a cabo.

Este percorrido, hoxe vese materializado nun espazo para uso de toda

a comunidade educativa, cuns chalecos, luvas... e o protocolo deseñado polo alumnado. As persoas formamos o Green Club,

un club que mira por coidar a nosa contorna e poñer un graiño de area limpa, neste mundo cheo de contaminación.

Unha contaminación que somos moi conscientes que non provocamos nós só, polo menos non en gran medida, detrás están as fábricas,

as multinacionais,  grandes empresas que poden facer moito máis para non verter produtos ao mar, aos ríos, non envasar todo en plástico...

Aquí a ODS 17, Alianzas para acadar obxectivos, teñen un papel primordial, os gobernos e a xente con fortunas son realmente quen

poden dar un gran cambio a este sistema de mercar, tirar, volver mercar... o gran consumismo no que estamos inmersos.

Eles teñen un poder que nós non pusuímos, aínda que sabemos que a rapazada e moitos adultos, somos conscientes

que temos que cambiar os nosos hábitos de consumo e que xuntos podemos apretar moito máis.

Pero, non poden converternos en protagonistas, nós temos que seguir loitando e facendo o que está na nosa man,

pero os que de verdade poden facer, teñen que reaccionar xa!

O Green Club, fará todo o que está na súa man! Un club de tod@s e para tod@s.

E comezamos intervindo o noso arredor, o principio da praia da Magdalena, que está ao pe do noso cole.

Primeiro, poñemos luvas e chalecos, recordamos normas, que imos recoller e cal é o espazo de acción.

Despois intervimos, buscamos, atopamos, recollemos e depositamos nos contedores.

Son moitos os cubos e cestas recollidas e nun espazo reducido, moitas as tira a xente pouco cívica;

outras voan co aire, dos mesmos contedores, que non teñen tapas; outras chegan do mar...

Tamén somos curiosos e observamos cunchas e pequenos descobrementos, estes aledan a xornada!

Ollar, mirar para aprender, ogallá nunca o perdamos. Eses minutos son tesouros que cada un de nós levamos, provocan pracer, emoción,...

Son recordos que conservaremos sempre. A unión por un ben común, conseguir un obxectivo xuntos, o traballo en equipo,

serán aprendizaxes que lles axudarán nun futuro.

Rematamos a xornada colocando todo no seu lugar, para que outro grupo faga outra actividade que beneficie ao noso medio ambiente.

Todas e todos temos algo que aportar! Gracias Vagalumes!


 

 

ROTEIRO: MURALLAS DE CEDEIRA - XEOGRAFÍAS LECTORAS #bescolaresgalabertas

O alumnado de 1º C (Os Vagalumes) comezan os seus roteiros pola vila,

dentro do seu proxecto polo patrimonio. Cun obxectivo moi importante: ver, coñecer e valorar a nosa vila.

Este primeiro roteiro foi adicado ás murallas de Cedeira.

 

Deixan constancia da súa saída cun pequeno libro de comprobación.

DOCUMENTACIÓN:

Saída, documentación de Rafael Usero e colocación de placas nas portas das murallas (hoxe alumnado que cursa 6º de Educ. Primaria).

 

 

ENTREVISTA A EXPERTOS NATURALISTAS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

As Aulas ao aire quixeron resolver moitas dúbidas que foron xurdindo ao elaborar os cadernos de naturalistas.

As pequenas e pequenos puxéronse moi preguntóns.

A colaboración de grandes expertos foi imprescindible nesta tarefa de investigación.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Un privilexio poder contar con todos eles.

 

 

 

 

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEDEIRA, RESERVA MARIÑA #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

No ano 2009, creouse a Reserva da “Ría de Cedeira”, como unha medida de axuda para fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais.

Actualmente, na costa de Galicia, existen dúas Reservas Mariñas de Interese, a de Cedeira é unha delas.

Unha das finalidades de crear a Reserva de Cedeira, e así se indica no Decreto 28/2009 do 29 de xaneiro, é a seguinte:

c) Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade

Así pois, facer referencia ao areal de Cedeira é obrigatorio. A Reserva mariña da Ría de Cedeira é unha maneira de preservar os recursos e os hábitats; hai evidencias científicas que amosan que este tipo de áreas mariñas protexidas son poderosas ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica. 

Que Cedeira sexa unha Reserva mariña implica moitas cousas, unhas referidas á pesca, outras ao marisqueo, pero o máis importante é que con carácter xeral dentro da reserva mariña queda prohibida a extracción de fauna e flora. Por tanto, xa sabedes, amigos e amigas: nunca hai que coller nada da praia, e xa non só porque esté prohibido, senón por aquilo no que insistimos tanto que é respectar o medio que nos rodea.

Na praia podemos atopar cousas lindísimas: berberechos, cangrexos, xebras de moitos tipos, esqueletos de ourizos de area, cunchas fraxilísimas…

 

Aquí van algunhas delas:

 

Berberechos

Seguramente se levantades un pouquiño de area cando baixa a marea poderedes atopar berberechos, que se abren para alimentarse. O que vai na foto é un carneirolo, tamén lle chaman berberecho bravo.

 

 

 

Ardecasas

Adoitan estar metidos polo medio das rochas da praia. Na praia da Arealonga hai moitos, pero ollo... TRABAN!

 

 

 

Cangrexo ermitaño

Se ides á praia da Arealonga poderedes ver como a marea arrastra numerosos caracoliños que gardan dentro un cangrexiño. O cangrexo ermitaño vai mudando de casa conforme vai medrando. Esta podería ser a cuncha dun deles:

 

Xebra

Hai días que parece que o mar fora unha ensalada de mil cores, hai xebras verdes, xebras marróns... As que aquí aparecen chámanse marmulos. Seguramente xogastes máis dunha vez a estoupar as boliñas de aire.

 

 

 

 

Amigos e amigas, xa sabedes… as beiras da marea son lugares preciosos que temos que conservar.

Por iso, propoñemos facer un cartel para que toda a xente saiba que a Ría de Cedeira é unha reserva mariña. 

Nese cartel ten que ir o título: 

 

Ría de Cedeira, Reserva Mariña 

 

E cada un de vós escribirá algo importante referido á reserva.

 

Aquí vai o noso:

 

Esta actividade didáctica realízase en colaboración co Museo Mares de Cedeira, así que cando teñades feito o cartel, facédeslle unha foto e enviádela ao seguinte correo: maresdecedeira@gmail.com

Xa podedes ver algunhas creacións no facebook do museo.

 

 

 

O museo do mar, berce de reservistas, será a caixa de resonancia que impulse as nosas voces e envíe a nosa mensaxe de defensa medioambiental.

 

 

 

Fotografías: Rafael López Loureiro

 

 

 

 

 

 

 

 

8 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

 

Poema do libro “Poemar o mar” de Antonio García Teijeiro

 

 

“A saúde dos océanos é fundamental para sustentar a vida na Terra” (Ban Ki-Moon, secretario Xeral da ONU dende o ano 2007 ao 2016) 

 

Os océanos son os pulmóns do noso planeta, e ao mesmo tempo son o fogar de milleiros de especies de animais e plantas. Nun curso escolar coma o presente, preocupado especialmente por todas as actividades relacionadas co coidado do medio, o día de hoxe non podía pasar desapercibido.

8 de xuño, Día Mundial dos Océanos.

Unha das actividades que se fixeron nas aulas da escola, foi a seguinte:

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

 

5 DE XUÑO, DÍA DO MEDIO AMBIENTE - PROTOCOLO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

"Contra o cambio...eu cambio. E ti?"

é o proxecto anual proposto desde a biblioteca escolar.

O obxectivo é concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente e actuar en consecuencia, respectando a contorna máis próxima.

Para abordar estas aprendizaxes tomamos como referente o currículo.

No 4.º curso de educación primaria atopamos:

- Contido e estándar de aprendizaxe da área de ciencias da natureza

B4.7. Desenvolvemento de actitudes individuais e colectivas fronte a determinados problemas mediombientais.

CNB4.1.3. Elabora protocolos para mellorar os problemas medioambientais da súa contorna. 

- Contido e estándar de aprendizaxe da área de ciencias sociais 

B2.20.Desenvolvemento sostible e consumo responsable. Elaboración dunha campaña de concienciación no centro educativo.

CSB2.9.2. Propón algunhas medidas para o desenvolvemento sostible e o consumo responsable.

 

O alumnado de 4.º de educación primaria organizouse en grupos e acordou medidas de actuación no centro escolar para mellorar os problemas medioambientais.

 

Reuníronse coa directora para achegarlle as súas propostas.

E este é o protocolo  

 

 O seguinte paso era dar a coñecer este documento a todas as compañeiras e compañeiros do colexio, mais o confinamento fixo que se pospuxera ata...

Mirádeo ben, seguro que podedes aplicar algunha destas medidas no voso día a día na casa, na rúa...

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - CADERNO DE NATURALISTAS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

O respecto e coidado do medio ambiente comeza cando nos achegamos a coñecelo.

Presentamos os cadernos de naturalistas realizados polo alumnado de 5 anos nas súas

Aulas ao aire.

 

PAXARIÑOS PIADORES, CASIÑA DO MEU CONTENTO

 

(Preparando un día de clase nas aulas no aire)

 

Carmen: -Que levante a man o que algún día, paseando, escoitara o canto dos paxaros...

Alba: -Seguro que moitos levantaron a man. Verdade, Carmen?

Carmen: -Si, muller... se os puidese ver, seguro que había tantas mans levantadas como cando preguntamos quen quere falar na asamblea da escola... pero aí vai outra:

(poñemos o reclamo dun paporroibo)

Carmen: -Que levante a man o que seipa que paxariño está cantando

Alba: -Que levante a man o que sepa o nome do rei dos paxaros...

Carmen: -Esa non sei eu se a saberán...

Alba: -Seguro que moitos de vosoutros levantastes a man unha vez, dúas... ou se cadra tres, pero pequenos naturalistas, asegurámosvos que despois do día de hoxe, se abrides ben eses ollos tan atentos que tedes, e afinades con precisión o oído, porque xa sabedes que "o que non atende non aprende", se cadra, algún día paseando recoñeceredes o cantar dalgún paxariño.

 

Pois para empezar, imos contarvos unha fábula, que sabemos que vos gustan...

 

O Rei das Aves

 

Houbo unha vez, hai moito tempo, en que todos os paxaros do mundo se reuniron porque querían nomear un gobernante , e así, xuntáronse nunha asamblea para decidir quen de todos sería o Rei das Aves. 

- O Rei das Aves terá que ser aquel que poida voar máis alto, que para iso son os paxaros! -dixo unha águia (que xa se vía no máis alto do podium con coroa e todo).

E así foi como empezou unha gran competición por ver quen acadaba o posto máis alto. Os paxaros voaron, esforzáronse moito... batían as ás con todas as súas forzas para poder chegar moi arriba...

Así son as competicións...

Os voitres e as águias eran os primeiros, os mellores, ata que unha delas empezou a subir, un águia enorme, fermosísima... unha águia real! Chegou máis alto que ningunha outra.

Foi daquela cando ao verse gañadora, chamou polos demáis paxaros para anunciar que ela sería a raíña, pois estaba por enriba de todos eles...

Pero meus pequenos naturalistas... a águia sinteu que algo lle rebulía no medio das súas ás. Por entre aquelas plumas enormes foise asomando un paxariño, coma un chisco, coma un faragulliño de pan dos que quedan na mesa despois da merenda... e sen pensalo nin esforzarse, púxose na cabeza da rapiña, e berrou:

O rei son eu! O rei son eu!

 

E así foi como o tuí, o máis pequeno de todos os paxariños, se fixo o Rei das Aves e os Paxaros...

 

 

E agora, a actividade de hoxe. 

Seguro que tedes ben gardado o voso caderno de naturalistas. Veña...rapidamente a buscalo, que hoxe imos facer máis páxinas.

Aprenderemos os nomes de catro paxariños que podedes atopar en Cedeira, e algunhas cousas de cada un deles. Non tedes que escribir todo... cada un o que poida.

 

 

O PAPORRUBIO

 

 

O paporrubio, tamén chamado paporroibo, peizoque ou richinó, é un paxariño solitario e moi territorial, que non acepta a presenza doutros conxéneres, ata o punto de zouparse contra a súa propia imaxe se a ve nun espello ou nun vidro. Fundamentalmente insectívoro, libra aos nosos campos de moita bichería, razón pola que sempre se lle ve arredor das xentes que traballan nas terras. Residente durante todo o ano na nosa bisbarra, no inverno chegan grandes cantidades do norte de Europa.

 

O paporrubio ten un cantar moi especial. Aquí tedes o seu son:

 

 

"O peizoque Roque" é un conto de Dores Tembrás que ten como protagonista a este paxariño. "O peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que recenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida"

 

 

 

O MERLO

  

O merlo e a merla son ben diferentes. O merlo é negro e a merla é parda. Paxaros moi comúns e abondosos son coñecidos de todos polo seu melodioso e potente cantar á caída da tarde. Estes paxaros comen de todo: insectos, grans, froitos... e aínda que teñen o plumaxe negro, moitos deles teñen abondosas plumas brancas, chegando algún deles a ser completamente branco. De aí naceu o famoso dito: "Eres máis raro ca un  merlo branco".

 

"A merla de trapo", un conto de Antón Cortizas. Unha historia de fadas pero que non ten fadas. É a historia de Antonia, unha costureira que salva a un merlo de ferro dun estorbo no peteiro que lle impedía cantar. O merlo pouco a pouco entristece,e Antonia cose unha merla de trapo para que lle faga compaña...

 

 

 

 

O MARTÍN PESCADOR

 

 

Puidera ser o máis famoso paxariño da nosa contorna. As súas cores rechamantes, a súa voz metálica, e o seu voar en liña case a ras das augas, cautivan a atención de todo aquel que o ve por primeira vez. Gusta de pousarse nalgunha póla alta á beira dos ríos, dende a que asexa os peixiños  que nadan na auga, para zouparse rapidísimo e conseguir algo para comer.

O Martín pescador, tamén chamado Picapeixe na zona de Ourense é o paxaro que dá nome á asociación de pais e nais dos nenos e nenas da escola de Cedeira: a ANPA "Picapeixe".

 

 

 

A PÍLLARA DAS DUNAS

 

Paxariño emblemático dos nosos areais, agora mesmo en Galicia está en perigo crítico de desaparición. Por isto a píllara das dunas foi nomeada ave do ano 2019.

O seu niño, extremadamente discreto é moi difícil de percibir para os ollos humanos, pero non tanto para o olfato dos cans que pasean polas praias.

 

Sodes capaces de atopar o niño de píllaras nesta fotografía?

Para a súa protección e sobrevivencia existe un plan de protección oficial da Xunta de Galicia:

 

 

E despois de toda esta información, xa estades preparados e preparadas para facer as novas páxinas do noso caderno de naturalistas. Cada un pode apuntar a información que vexa máis interesante. Aquí van as nosas páxinas:

 

 

 

E para que os debuxos sexan máis fáciles de facer, deixámosvos os paxariños paso a paso:

 

 

 

 

 

 

A tomar nota, pequenos naturalistas!

 

As fotografías que acompañan esta entrada pertencen ao arquivo particular do mestre e naturalista Rafael López Loureiro

Nas súas palabras....

"Eu quedo no niño"

 

 

Mil gracias.

 

 

 

 

 

Podedes seguir aprendendo nas Aulas ao aire:

 

- Caderno de naturalistas "Eu quedo no niño"

 

 

- Animaliños que nos visitan... / Caderno de naturalistas "As vosas bolboretas"

 

- Bichiños

 

- Xente de auga e de terra / Caderno de naturalistas "Grandes exploradores"

 

 

 

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

 

 

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - FLORES #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

Respectar e coidar o medio ambiente resulta máis doado se o coñecemos.

Hoxe traemos dúas propostas:

un caderno naturalista (5 anos) e plantación de sementes (4 anos).

 

Un caderno de naturalista na casa?

Pois si, empezamos a crear un caderno para que o día que podamos saír a pasear

saibamos chamarlles ás cousas que vemos polo seu nome.

E por qué?

Pois porque a aprendizaxe debe construírse dende o noso entorno máis inmediato. Os nenos e nenas teñen que aprender os nomes das cousas,

e con esta actividade pretendemos isto mesmo: coñecer algúns nomes de flores.

 

Non digas unha árbore,

dille "carballo",

se che gusta a súa sombra

tes que nomealo.

Que ten un nome,

se che gusta a súa sombra,

que non se borre.

(Campo, M., 2005)

 

Fotografías: Rafel López Loureiro

 

Pois si, amiguiños e amiguiñas... son flores que hai en Cedeira. Cando poidades saír a pasear seguro que atopades algunha delas, e seguro que as ides coidar moito, estamos convencidas de que así será.

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana 

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

 

 

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - XOGOS TRADICIONAIS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

O proxecto anual deste curso plantexado desde a biblioteca versa sobre o medio ambiente: "Contra o cambio...eu cambio. E ti?".

Son moitas as actividades xa realizadas, e tamén durante o confinamento.

Iremos amosando moitas destas propostas ao longo da semana.

 

Hoxe comezamos cos

XOGOS TRADICIONAIS

do alumnado de educación infantil (4 e 5 anos).

 

 

Cando chega a hora do recreo na escola é un momento de felicidade: xogar, estar con nenos e nenas doutras aulas, correr, brincar, gritar, inventar xogos... Ao ler e escoitar isto, fainos retroceder á nosa infancia, aos xogos que aprendimos e recordamos ata o día de hoxe. Dámonos conta de que algúns deles producíronse nas rúas do noso pobo, nos campos da nosa vila, na plaza do sitio onde crecimos e incluso no patio do recreo da nosa escola. Os xogos tradicionais son chamados así por ser de dominio dos nenos e nenas dunha época atendendo aos seus costumes, crenzas, reglas e variantes. Ademais de ser transmitidos oralmente polos nenos e nenas de maior idade.

Moitas persoas cren que o xogo é unha perda de tempo e que non ten que ver coa aprendizaxe formal. Diversas investigacións vinculan o xogo coas matemáticas, xa que é un dos mellores vehículos que os nenos e as nenas teñen para explorar e dominar a súa contorna e, como consecuencia, para aprender gran parte das matemáticas elementais que se establecen como a base para o desenvolvemento de nocións máis complexas a desenvolver posteriormente. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xogade que é bo para a saúde... e compartide as vosas experiencias.

 

 

 

 

https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/

@beCarlosLabrana

biblio.nicolas.del.rio@gmail.com

 

 

 

 

 

COIDAMOS A TERRA #euquedonacasa #bescolaresgalabertas

As profes de inglés achégannos recursos moi interesantes para aprender a coidar o noso planeta.

Tomade boa nota!

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido