Iniciar sesión: Acceso

Blogues

PROXECTO DO UNIVERSO E MOITAS MÁIS PROPOSTAS

Ola familias!!

Aquí estamos de novo para amosarvos todo o que fixemos esta semana:

Xa comezamos a coñecer cousiñas do universo e o primeiro que investigamos é como se formou. Sabedes que houbo unha grande explosión?

Posto que o proxecto é o Universo o mini mundo da clase está relacionado con el: astronautas, asteroides, naves...

Como proposta de lóxica matemática os de 4 e 5 anos realizaron sumas e traballaron as súas manciñas, posto que tiñan que poñer clips nas tarxetas das sumas para poder realizalas. Canta concentración e destreza!!

Os pequerrechos de 3 anos fixeron o mesmo cos clips, pero eles/elas traballaron a asociación de grafía- cantidade.

Tamén nos familiarizamos co uso da regra preparando un material para a próxima semana.

E seguimos co noso disfraz. Que estivemos facendo? Dámosvos unha pista: é algo para poñer na cabeza.Guiño

Relacionado co Universo, coñecemos e falamos das galaxias, dos distintos tipos e por suposto da nosa: a Vía Láctea, que ten forma de espiral. Por iso na tuff decoramos con pompóns de cores unha espiral. Que mellor que interiorizar o traballado que de forma manipulativa.

E seguimos avanzando na lectoescritura con propostas para adquirir vocabulario do proxecto. Os maiores seguen familiarizándose coas minúsculas.

E outra das propostas de lóxica matemática estivo relacionada co inverno: tirar o dado, identificar a cantidade (cada un/unha ao seu ritmo) e meter tantas boliñas de algodón nun bote con forma de boneco de neve como indica o dado, pero usando as pinzas, que hai que fortalecer esas mans. Así traballamos a subitización e o conteo.

Tamén elaboramos os nosos carteis para o mural da paz que estamos preparando todo o cole.

E como viaxamos ao Universo? Pois nun cohete. Para iso lle dimos cor traballando a creatividade, cortamos as pezas (figuras xeométricas) e o montamos, escribindo o nome, traballando non só as tesoiras, senón tamén as figuras xeométricas e a lectoescritura.

E para rematar a semana comezamos cunha actividade que nos vai levar varias sesións. Nesta ocasión coloreamos unha folla dividida en liñas con cores do inverno, azul e violeta, traballando ao mesmo tempo a seriación e manipulando materiais como as témperas e os pinceis.

Antes xa nos debuxáramos para traballar o esquema corporal.

Ata a semana que ven!!

DESCUBRIMOS O NOVO PROXECTO E COMEZAMOS CO DISFRAZ

Ola familias!!

Esta semana coñecimos o proxecto que imos levar a cabo este trimestre e seguimos avanzando na lectoescritura e na lóxica matemática.

O luns nada máis chegar á clase nos atopamos co teito da clase iluminado con estrelas e nebulosas. Foi así como nos dimos conta de que ía tratar o proxecto.

Así falamos e anotamos do que sabemos e do que queremos saber sobre o universo.

Unha das propostas para traballar as nosas manciñas foi desconxelar animais mariños, usando para iso auga e pipetas.

Como actividade de lectoescritura os peques de 3 anos tiñan que atopar a letra que representaba o son que realizaba a profe e logo colocala na plantilla no sitio correspondente.

E os peques de 4 e 5 anos formaban palabras relacionadas co inverno. Para iso empregaban as letras que tiñan no saquiño e as colocaban no limpapipas, así traballamos a coordinación óculo manual.

E comezamos a elaborar os complementos do disfraz. Que será isto que fixeron?

A profe Sareva axudounos a traballar a atención e as simetrías con esta actividade na que tiñamos que atopar a outra metade dun copo de neve que nos daba. Que atentos tivemos que estar para fixarnos nos detalles.

Como proposta de lóxica matemática os peques de 3 anos contaban os esquimais que había nun iglú e o relacionaban co número correspondente, traballando así a asociación de grafía cantidade.

Ademais tamén formaron a recta numérica ata o 10.

E os peques de 4 e 5 anos formaron decenas e puxeron unha gomiña para suxetar os paus, así traballamos o conteo e a motricidade fina.

Outra das propostas de lectoescritura foi identificar e ordear os días da semana, asociando despois os números ordinais con cada día.

Os peques de 5 anos tamén se aproximaron á lectura identificando nunha tarxeta onde estaba escrito o nome da imaxe que aparecía nela.

E os peques de 3 anos atopaban a letra que representaba o son emitido pola profe e a gardaban no caixón correspondente.

Cos nosos compañeiros/as de 4 e 5 anos da outra clase de infantil comezamos a darlle cor á historia que creamos con eles dentro da actividade de escritura creativa. Aínda nos queda un pouquiño para rematala.

Os peques de 3 anos manipularon e identificaron as figuras xeométricas.

E os compis de 4 e 5 anos empregaron as decenas que formaran noutra sesión para descompoñer os números en decenas e unidades.

Tamén nos familiarizamos coas regletas.

E realizamos o nosos debuxo para o Certame de Poesía e Imaxe deste ano.

A próxima semana moito máis!!!Guiño

VOLTAMOS COAS PILAS CARGADAS

Ola familias!!

Xa estamos de volta e comezando o segundo trimestre cheos de enerxía. O luns, nada máis chegar á clase, nos atopamos cuns agasallos que nos deixaron os Reis Magos e Papá Noel: un quebracabezas, unha nave espacial e un cohete estilo Lego para construir, todo da temática do Universo (pronto saberedes o motivo).

O primeiro que fixemos ese día foi rexistrar o tempo atmosférico do mes de decembro que nos quedou pendente, traballando o conteo, a asociación grafía - cantidade e a grafía dos números.

No recreo algunhas compañeiras atoparon caracois e lles fixeron unha casiña. Sorriso

Esta semana, como xa estamos en inverno, tamén puidemos manipular neve creada na clase, traballando a estimulación sensorial.

Algún compañeiro viu que había moita neve no chan e decidiu recollela (vida práctica en estado puro).

Coa axuda da profe Sareva traballamos a conciencia fonolóxica coa caixa dos sons: tiñamos que coller un obxecto dunha caixa, dicir o seu nome, identificar o seu sonido incicial e metela no caixón que tiña a letra que representaba ese son. Os peques de 3 anos vanse iniciando pouco a pouco neste tipo de actividades.

Como proposta de lóxica matemática tiñamos que ponerlle aos pingüíns tantos peixes como indicaba o seu número.

Os peques de 5 anos traballaron coa táboa do 100: a mestra colocaba uns pingüíns na táboa e tiñamos que saber en qué número estaban, buscalo e colocalo.

Esta semana tamén puidemos disfrutar do mini mundo do inverno.

Outra das propostas de iniciación á lectoescritura foi formar palabras do vocabulario do inverno. Así observamos a imaxe, a formamos coas letras de madeira e logo escribimos a palabra. Os maiores tamén a formaron en minúscula e os peques de 3 anos só a formaban.

E para traballar as nosas mans e a nosa creatividade tivemos que decorar un copo de de neve enorme con distintos elementos coas cores do inverno.

Tivemos outra actividade de lectoescritura. Nesta ocasión consistía en identificar o son inicial dunha palabra relacionada co inverno e buscar a letra que o representaba. Os máis peques tiñan o nome como referencia.

Os máis maiores intentamos ler unha palabra na pizarra (sempre respectando o nivel psicomadurativo de cada un/unha) e buscabamos a imaxe.

E para rematar a semana limos o conto de "La ballena en invierno" e fixemos un debuxo del, traballando desta forma a comprensión lectora, a creatividade, o emprego do espazo no papel...

SEMANA ESPECIAL PARA DESPEDIR O 1º TRIMESTRE

Ola familias!!

Aquí vos deixamos un resumo do que aconteceu a última semana do trimestre.

Como non Elfito seguiu facendo das súas, pero o xoves tiñamos unha carta de despedida, pois tiña que marchar ao Polo Norte para axudar a Papá Noel a rematar todos os agasallos e que estiveran listos para a noite do 24.

Tamén rematamos de abrir o noso calendario de advento.

E rematamos as postais de Nadal escribindo a felicitación (os máis peques pegaron gomets coas letras).

E lle escribimos/ debuxamos a carta a Papá Noel que fixo a ANPA.

Tamén tivemos tempo a traballar a nosa atención buscando nunha lámina as imaxes que nos indicaba a profe.

Houbo sesión de cine con gusanitos. Vimos "Rescatando a Santa Claus".

E o xoves recibimos a visita de Papá Noel que veu acompañado dunha das súas elfas. Estivemos falando con eles (lles preguntamos a súa idade, jeje) e nos deron uns agasallos. Moitas grazas!!!

E despois houbo unha merenda moi especial: chocolate con churros. Así collemos forzas para o festival de Nadal que tivo lugar despois na Asociación de Veciños e que poderedes ver pronto na páxina web.

FELICES FESTAS!!! Vémonos á volta!! Guiño

XOGANDO EN FAMILIA

Esta semana tivemos de novo a sorte de contar coas nosas familias para pasar un ratiño xuntos xogando a xogos de mesa.

Os peques de 3 anos xogaron ao "Un", modificando un pouco as regras para adaptarnos ao ritmo madurativo dos nenos e nenas, e a "Catch it! Butterflies", onde tiñaN que atopar a bolboreta que tiña as características que indicaban os dados (tamaño e cores).

Os peques de 4 anos xogaron a "Adivina en 10" do mundo animal, onde tiñan que adiviñar un animal segundo as pistas que lle daba o compañeiro/a, e "Postman", no que o obxectivo é entregar o correo nas casas correctas.

E os peques de 5 anos xogaron a "Taco, gato, cabra, queso, pizza" no cal hai que estar moi atento e concentrado, e "Emotio", xogo no que se traballa  a  identificación de emocións.

MOITAS GRAZAS POR VIR FAMILIAS!!!!

Distribuir contido