Iniciar sesión: Acceso

blogue derocio

ARTE POLOS CATRO COSTADOS

Ola familias!!!

Esta semana estivo chea de actividades artísticas onde deixamos voar a nosa creatividade, pero tamén houbo tempo para desfrutar xuntos de moitas outras tarefas. Listos para coñecelas?

O luns o primeiro que fixemos despois da asemblea foi completar un papel en branco que tiña marcadas diferentes siluteas con diferentes cores. Nós tiñamos que coller unha peza dunha cesta e buscar o seu sitio no papel. Que concentrados tivemos que estar, ademais de saber respectar o noso turno.

Como actividade de lóxica matemática tivemos que buscar o número secreto. A profe Rocío nos formaba un número con decenas e unidades e nós tiñamos que contar e buscalo na táboa do 100. Ao principio custounos un poquiño porque estamos máis acostumados a facelo do revés (temos o número e o descompoñemos en decenas e unidades), pero despois de que collimos o ritmo non había quen nos parase.

Ademais tamén tivemos que recoller elementos da natureza. Para que serían?

Pois para realizar unha obra de arte. E vos preguntaredes por que? Pois porque quixemos emular a Nils Udo, un escultor que destaca polas súas obras de arte na natureza empregando elementos que podemos atopar na propia natureza. E así nos puxemos a crear. Moitos de nós quixemos facelo en grupo e por suposto que foi unha boa idea. Que mellor que traballar codo con codo cos nosos compañeiros/as?

Manuel, Alexandra, Enzo e Carlos crearon unha piscina grande.

Ainara e Malia; flor, mar e folla.

Daniela barco de follas.

Miguel, Marcelo e Antón; hospital-casa.

E Duarte, Cloe e Andrea; casa ponte.

Como actividade de lectoescritura tivemos que identificar unha serie de bichos e insectos e escribir o seu nome. Cada un ao seu ritmo, por suposto.

Esta semana tocounos regar os pementos do invernadoiro, xa puidemos ver algún pemento do Couto.

Ademais rematamos a obra de Muller e paxaro de Joan Miró.

Esta semana empregamos outra técnica para crear un fondo de cores: pintar con gomas elásticas. Para iso puxemos as gomas nunha tapa dunha caixa e lles botamos cor cun pincel. Despois só tiñamos que movelas e darlle cor á nosa cartulina. Cada un/unha usou unha técnica: darlle a todas as gomas á vez, dunha en unha, de dúas en dúas...

Comezamos a semana con arte, coñecendo a Nils Udo, e rematamos a semana da mesma forma. Pero nesta ocasión coñecendo a Giuseppe Arcimboldo, pintor que é moi coñecido polas súas obras das catro estacións, onde para cada unha delas emprega elementos da natureza propios de cada estación. 

Como estamos na primavera, coñecimos o cadro do mesmo nome e recreamos dita obra. Desta forma nunha foto de perfil que nos fixo a profe, pegamos no noso cabelo pegatinas de flores. Que ben quedaron!!!

Aquí tedes á ecopatrulla infantil do cole. Estiveron recollendo o lixo que había polo patio. Grazas Daniela, Jimena, Ainara e Malia por coidar o noso entorno!!!

A semana pasada coñecimos a Escoita Consciente, onde é moi importante ter o sentido do oído e da vista moi alerta para poder seguir o esquema rítmico co dedo.

Tamén comezamos a ensaiar a canción que imos bailar en fin de curso, e os compañeiro/as de 6º de educación infantil xa comezaron cos ensaios da súa obra de teatro, pero non vos podemos amosar nada para que sexa sorpresa. Guiño

Ata a semana!!!Sorriso

SEMANA DE ARTE E LINGUA GALEGA

Ola familias!!

Esta semana comezámola realizando de forma individual unha tarta de sumas. Vos acordades que a semana pasada a coñecemos? Pois nesta ocasión estivemos familiarizándonos un pouquiño máis con ela.

Aproveitando o bo tempo saímos a merendar fóra varios días.

En relación ao proxecto de arte,esta semana coñecimos a Zurbarán e os seus bodegóns. E a nós como nos gusta tanto o arte alí nos lanzamos a facer un. Pero primeiro de forma individual cada un/unha creou o seu bodegón con froitas de tempada: mazá, plátano, nectarina, aguacate, albaricoque, laranxa... e despois lle sacamos unha foto.

O martes acudimos ao Auditorio de Ferrol ao Correlingua onde puidemos disfrutar dun concerto. Aínda movemos un pouco o esqueleto, pero primeiro realizamos unha andaina polo paseo en compañía doutros coles.

Aquí nos podedes ver collendo forzas na merenda.

En lóxica matemática esta semana tivemos un reto de tres niveis. Tiñamos que ir superando un a un para poder pasar ao seguinte. Consistía en buscar a tarxeta cos números que representaban a cantidade marcada polos dados. Canto traballamos o conteo, a subitización, a atención e a memoria.

No recuncho de experimentos creamos música con froita grazas a un aparato que tiña varios conectores, os cales, se os conectabas ás froitas facía que ao tocalas soasen como un instrumento: piano, guitarra...

No recuncho de lecto xogamos a palabras encadeadas coa axuda dunhas tarxetas. Tiñamos que coller unha co número 1, dicir a palabra, ver cal era a última sílaba e na cesta do número 2 atopar un obxecto que comezara pola última sílaba da tarxeta anterior. E así ata a número 3. Que ben separamos as sílabas. Ata unha compañeira tivo a idea de crear unha historia coas tarxetas da cadea.

Outra actividade de arte que fixemos foi pintar unha cartulina empregando canicas. Para iso puxemos a cartulina nunha tapa dunha caixa, botámoslle unhas pigas de témpera de diferentes cores e movendo as canicas conseguimos que a cartulina estivese chea de cor, ademais de traballar a coordinación óculomanual.

E o venres rematamos de todo o noso bodegón. Para iso, tendo diante unha foto do bodegón que fixemos o luns, tivemos que debuxar as distintas pezas de froita nun prato e despois darlles cor, pero nesta ocasión empregamos pinturas de madeira. Quedaron xenial!!

Vémonos a vindeira semana!!Sorriso

SEMANA DE MOITAS CELEBRACIÓNS

Ola familias!!

Aquí vos amosamos a semana tan bonita e chea de celebracións que tivemos esta semana.

O luns celebramos na aula a Semana das Letras Galegas, que este ano se lle adicou a Francisco Fernández del Riego. Despois de coñecer un pouco del realizamos un sudoku con imaxes relacionadas con Galicia. Tivemos que estar moi atentos se concentrados para ver que imaxe faltaba.

Ademais tamén era o día da familia e realizamos un mural en forma de edificio, onde en cada piso vivía unha familia diferente porque FAMILIA HAI MÁIS QUE UNHA, relacionado todo co libro de "Mis increíbles vecinos" que xa coñecíamos.

Ao mesmo tempo realizamos un agasallo para as familias que non custa cartos e que podemos ter sempre moi preto: un bico. Como nos encanta recibilos, entón, por que non dalos?

Ademais limos outros dos libros da maleta literaria. Xa os rematamos e canto disfrutamos coas historias!!

Unha novidade desta semana foi a tarta de sumas. Coñecimos a dinámica para completala e nos próximos días nos familiarizaremos máis con ela.

En relación co proxecto de arte, nesta ocasión coñecimos a Joan Miró e elaboramos unha das súas esculturas con materiais de refugallo. Pronto veredes o resultado.

Para celebrar a Semana das Letras Galegas, o día da famila e os Maios, o martes contamos coa vosa visita. Como nos encantou compartir xogos e momentos con vós.

A actividade de lectoescritura desta semana consistía en formar o nome dun insecto coas letras que había nunha bandexa.

Estivemos preparando as nosas bolsas para levar os traballos a final de curso. Para iso tivemos que formar flores estampando rolos de papel hixiénico, pintar o círculo de dentro e facerlle unha cariña sorinte.

Seguimos afianzando un pouco máis o dominio das sopas de letras. Como me gusta ver aos maiores axudar ao peques da claseSorriso

Aquí vos deixamos unha mostra de felicidade ao conseguir un obxectivo en grupo dentro do xogo libre.

E o venres tivo lugar a carreira ENKI, onde tivemos que realizala sorteando os obstáculos e as probas que nos atopamos polo circuito e que rematamos cheos de cor cos polvos holi. Grazas á asociación ASCM pola súa colaboración e entrega.

Ata a próxima semana!!Sorriso

ARTE POR TODOS LADOS!!!

Ola familias!!!

Aquí estamos de novo con todas as novidades desta semana.Sorriso

No proxecto de arte estes días coñecimos a Frida Kahlo e vimos un dos seus retratos. Así que decidimos facer nós un. Por parellas, primeiro un posaba e outro compañeiro/a retrataba e despois viceversa. Que artistas son!!!

Noutra sesión pintamos o retrato con acuarela e lle fixemos unha coroa con boliñas de cores.

Tamén realizamos unha actividade na que a concentración e a atención era moi importante: tiñamos moitas bolboretas partidas pola metade e tivemos que xuntar ambas parte e logo, coa axuda da caixa de cores de Montessori, atopar as cores que tiña a bolboreta. Algunha tiña moitas!!!

Aquí podedes ver o gran traballo de mans que tivemos que facer para elaborar as boliñas que levaría o retrato.

Aproveitando o bo tempo saímos a ler outro dos contos da maleta literaria.

Como podedes ver traballamos de maneira sensorial a grafía das letras, centrándonos moito na súa direccionalidade.

Noutra das sesións desta semana tivo lugar unha carreira de bichos, onde o importante non era gañar, senón pasar un bo rato ao mesmo tempo que afianzamos o conteo.

Como me gusta velos experimentar de forma libre: con agua e xabón e un pouco de aire conseguiron unha morea de burbullas.

A profe Lidia esta semana tróuxonos un experimento moi chulo: fluido non newtoniano. Se o apretas está máis sólido, pero en canto o soltas se volve viscoso e líquido.

E como o curso pasado, este ano tamén plantamos un bulbo que  levamos para a casa. Agora temos que coidalo moito para velo crecer.

A profe esta semana foi un pouco pilla e lles puxen unha tarefa con trampa, jeje. Tiñamos que completar unhas series de bolboretas, pero estas estaban agochadas nunha caixa con arroz de cores. Tiñamos que ver a nosa serie, identificar que bolboreta necesitabamos e cunha pinza localizala e collea na caixa. Fixérono xenial!! Como vai avanzando esa motricidade fina!

De novo volvimos coas sopas de letras, pero neste caso en papel. Canta concentración e ledicia ao atopar as palabras!!

E que mellor que rematar a semana coa temática da primavera. En primeiro lugar elaboramos un xardín de flores, desenvolvendo así a nosa creatividade, para logo poñerlle unha regadeira con chorros de cores e grafismmos creativos.

E por outro lado elaboramos un mural desta estación creando flores con diferentes materiais: rolos de papel hixiénico, garfos, flores e corchos.

Moi pronto o poderedes ver rematado en persoa. Guiño

Ata a próxima semana!!!

SEMANA CURTA PERO CHEA DE APRENDIZAXES

Ola familias!!!

Aquí estamos de novo para amosarvos a nosa semana no cole.

Dentro do proxecto de arte esta semana coñecemos a Kandinsky e animámonos a reproducir un dos seus cadros: "Círculos nun círculo".

Primeiro trazamos as dúas liñas diagonais coa axuda dun rodillo.

A continuación, cando xa estaba seca a base, realizamos o círculo grande cun pincel.

Despois con rolos de papel hixiénico de diferentes tamaños marcamos a silueta de varios círculos e logo os pintamos por dentro.

E por último, coa axuda dunha regra, realizamos as liñas de diferentes lonxitudes que atravesan os círculos.

O día 2 de maio conmemorouse o día contra o Acoso Escolar e nós saimos a fora a coñecer a historia de Lucía grazas ao conto "Ponte mis gafas", onde coñecíamos como trataban a Lucía os seus compañeiros/as por ter que levar gafas e como se sentía ela, pero sobre todo a importancia de poñerse no lugar do outro para saber que os nosos comentarios e accións lle poden facer dano.

Esta semana introducimos nova rutina na asemblea: a resolución de problemas. Eu lles leo o enunciado do problema, analizamos os datos e vemos que operación temos que realizar para resolvelo. Eu non podo estar máis orgullosa delas/deles.

As semanas anteriores estivemos coñecendo o nome das parte dunha flor, pero que mellor que velas por nós mesmos/as e experimentar. Por iso collimos un caravel e formos observando e atopando as súas partes. Atopámolas todas!!!

Ademais limos dous contos da maleta literaria que recibimos a semana pasada. No primeiro coñeciamos a historia das fillas de Doreta, unha bolboreta moi especial e lembramos as fases polas que pasan desde que son ovos ata que se converten en fermosas bolboretas.

E no segundo coñeciamos a historia de Bosque, un oso polar que por mor do cambio climático e dos desxeo dos polos acabou nun bosque onde o resto dos animais o vían raro, pero ao final axudárono a volver coa súa familia.

A próxima semana moito máis!!Sorriso

Distribuir contido