Hoxe recibimos no centro unha fermosa visita. O colectivo feminista Deza - Tabeirós quixo homenaxear á gran Rosalía de Castro dun dos xeitos máis orixinais e creativos. Un grupo de mulleres da nosa zona deseñou e creou un fermoso tapiz usando diferentes técnicas artísticas para que o puidesen desfrutar en exposición canta máis xente mellor.
A iniciativa consiste en que esta bela creación viaxe polos diferentes centros educativos do noso concello estando exposto nun lugar visible polo menos unha semana, para despois continuar o percorrido polos demais centros. Era unha actividade xa programada no curso pasado pero que ao igual que outras máis foi adiada polo confinamento ao que toda a poboación foi obrigada.
Comezamos nós pois, co orgullo e fachenda de darlle a merecida publicidade ás nosas grandes artistas, entre elas á coidadora do noso centro, Pili Torrado, que tamén participou na súa elaboración.
A situación deste ano non permite tampouco o desfrute pleno desta obra pois as visitas ao centro para as familias están restrinxidas, pero conformámonos con que poidades valorar e agradecer o traballo destas grandes creadoras. PARABÉNS!
Termina un ano difícil e moi distinto ao que calquera puidera imaxinar. As celebracións destes días tamén han de estar condicionadas pola evolución da pandemia mais non podemos deixar pasar a oportunidade de desexarlle a toda a nosa comunidade educativa que siga mantendo a ilusión e forzas para afrontar estas dificultades.
Por suposto tamén queremos aproveitar a oportunidade para agradecer a axuda e comprensión prestada para saír adiante nesta situación. Agradecemos ao alumnado polo seu exemplar compromiso coas normas e por facilitar o desenvolvemento do curso e ás familias pola colaboración e confianza que nos deron nesta nova e esixente realidade.
Por último, estimamos moito o valioso apoio do resto da comunidade educativa para poder rematar o trimestre coa nula incidencia do virus no noso centro.
Cos nosos mellores de desexos de paz, saúde e ilusión para o vindeiro 2021.
O 24 de febreiro disfrutamos da lectura de poemas de Rosalía de Castro por parte de Uxía e Sergio, de 5º e 6º respectivamente. A elaboración dovídeo tamén correa pola súa conta.
Ao remate do curso recóllese na revista escolar o máis reseñable do realizado ao longo do curso. Recordade que en moitos artigos hai creados enlaces para poder desfrutar doutra maneira das montaxes de vídeo que foron elaboradas por alumnado e polos mestres coordinadores da biblioteca e do EDLG.
Comezamos o curso cunha visita importante. O pasado venres 10 de setembro visitáronnos Ángela e Mariña, dúas colaboradoras da ONG Stop Accidentes. Como o seu nome indica traballan na atención a persoas que foron víctimas dun accidente de tráfico pero tamén se esforzan por concienciar á cidadanía en xeral da importancia de acadar bos hábitos de RESPECTO aos demais como usuarios da vía pública.
Mellorar a nosa CONVIVENCIA e coñecer algunha das NORMAS básicas foi o que nos deixaron ese día.
Para dar comezo a un novo proxecto sobre a flora silvestre tivemos a sorte do contar con Montse Fernández, nai dunha alumna de 4º de primaria, Catarina, e que non só nos ensinou algunha das plantas que podemos atopar no entorno do noso colexio, senón que tamén puidemos degustar algunha das saborosas receitas que con esas herbas elaboramos na nosa nova cociña. Preparamos unhas tortitas feitas con ovo, fariña de espelta, leite de avea, fiuncho e couselo (embigo de Venus), que acompañamos con sirope de arce e froitas (arandos, amorodos e plátano). Para rematar brindamos cun zume feito con mazás, e correolas ou llantén(maior e menor), menta silvestre (mentrastes) e dente de león.
Como se di no comezo desta videomontaxe que podedes ver, imos celebrar un nadal distinto, e a todos nos doe moito que non se poida celebrar como a todos nos gustaría. A quen máis lle doe seguro que é á rapazada pero non queda outra que esperar tempos mellores.
Cos nosos mellorese desexos de saúde e ilusión para o novo ano.
Este martes 15 de febreiro, visitounos Carmen Freire, colaboradora de Mans Unidas que nos ensinou moitos dos usos e propiedades das diferentes plantas que podemos utilizar no noso horto. Co seu gran entusiasmo e sabedoría fixo varias quendas de traballo coas diferentes aulas para poder contarlles moitos dos usos e propiedades dalgunha das plantas que usamos.
Pasámolo moi ben e agardamos con moito interese que volva a visitarnos a mediados de abril!!!
Esta semana de entroido, visitounos David Otero, escritor e mestre veciño de Codeseda, que coa súa naturalidade e frescura ofreceulle ao alumnado de 1º 2º 3º e 4º , un sinxelo pero ameno obradoiro de poesía.
Neste curso, para celebrar por primeira vez o día de Rosalía o 23 de febreiro, participaron representando ao noso centro, Gema e Gorka nun acto moi fermoso na Teatro Principal. Levaron un poema de Cantares Gallegos e fixérono tan ben que o queremos compartir con toda a comunidade educativa.
Este curso, para conmemorar o día da Muller Traballadora (8 de marzo), tivemos a sorte de que Rosa Herráiz, Rosa de Cabanas para moita xente, aceptase a nosa invitación e viñese ao centro a presentar un fermoso traballo seu. Do 3 ao 17 de marzo, estará exposto na Casa das Letras da Estrada, unha exposición de 52 retratos de mulleres de relevancia en diferentes eidos que a autora elaborou o pasado ano, un por cada semana e usando diferentes técnicas gráficas.
A importancia da exposición garda moita relación coa necesidade de dignificar e divulgar as aportacións destas grandes creadoras, e poder comprender as dificultades e inxustas discriminacións que tiveron que sufrir ao longo das súas vidas profesionais.
Desde este ano, o día de Rosalía celébrase o 23 de febreiro por recentes achádegos da súa biografía que así o confirman. Para darlle a súa merecida homenaxe, aceptamos gustosamente a invitación que desde Radio Estrada e sobre todo Pilar Bernárdez no seu día nos fixo. Acudimos o propio día para participar xunto a outros centros da Estrada e levarlle a nosa versión da presenza de elementos da natureza silvestre na obra de Rosalía. Encargáronse tres rapazas da aula de 5º de primaria, Danna, Jamila e Fátima. Fixérono tan ben que convidámosvos a que desfrutedes co seguinte audio da súa intervención.
Acudimos á Festa das Palabras para acompañar aos gañadores e gañadoras desta novena edición do concurso de micropoemas e microrrelatos na que participan todos os centros educativos da Estrada.
Por fin puidemos asistir sen restricións a un acto moi bonito. PARABÉNS AOS PARTICIPANTES!!!
Con máis retraso do agardado, publícase a revista escolar deste curso, que coma sempre recolle o relevante deste curso que remata. Ao igual ca no curso pasado, recordade que en moitas das reportaxes adxúntase un enlace a unha videomontaxe relacionada co artigo en cuestión. Esperemos que vos guste, e coas reiteradas desculpas pola demora na súa publicación, desexámosvos a todos unhas boas vacacións de verán. Para o ano máis e mellor!!
Como novidade, este ano decidimos celebrar o día do Sorriso. A razón pode parecer absurda pero para nós resultou moi gratificante. A nosa compañeira e mestra de infantil, Thalía Troitiño González, non só ven de aprobar as oposicións ao corpo de mestres neste verán pasado, senón que tamén se estreou na eloxiosa labor de crear un libro para público infantil. "O poder máxico do sorriso" é o título desa obra que presentou o mes pasado no seu concello, en Silleda, e neste día tivemos a boa idea de convidala a que compartise con nós a súa experiencia como xove creadora.
Nesta actividade, colaborou o alumnado da materia de Valores sociais e cívicos de sexto curso de primaria.
Moitas felicitacións a todas (Jamila, Fátima e Danna) e moi en especial á nosa ESCRITORA, Thalía.