Platega

PLATEGA (Plataforma de Teleformación de Galicia) é o lugar onde se desenvolven os cursos en rede do plan de formación do profesorado.
Dom, 28/10/2012 - 11:33

Que é PLATEGA?

PLATEGA (Plataforma de Teleformación de Galicia) é o lugar onde se desenvolven os cursos na Rede do plan de formación do profesorado. O desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación, permiten esta modalidade de aprendizaxe, cuxo fundamento é aproveitar a facilidade de distribución de materiais formativos e as ferramentas de comunicación das redes informáticas para crear un contorno de ensino e aprendizaxe. Deste xeito, e mediante unha conexión á rede Internet, os usuarios poden realizar actividades interactivas, acceder aos materiais precisos para adquirir o coñecemento, recibir axuda, realizar comunicacións ou avaliar o seu progreso.

Inscrición nos cursos na Rede:

A inscrición nun curso na Rede realízase do mesmo modo que para o resto do cursos do plan de formación, en www.edu.xunta.gal/fprofe.

Pódese filtrar a busca por “forma de participación / en rede”. Os criterios de admisión serán os que aparezan no plan anual.

Tamén é posible acceder de maneira libre aos contidos dos cursos ofertados na sección de Formación aberta, través da opción de "automatriculación". Estes cursos, non titorizados nin certificables, son considerados de interese especial para a consulta por parte do profesorado.

Como acceder a PLATEGA?

O acceso á plataforma faise a través da dirección web www.edu.xunta.gal/platega, sendo necesario dispor dunha conta de correo corporativa @edu.xunta.gal. O usuario e contrasinal serán os mesmos que para dita conta. Unha vez feito o acceso, poderase visualizar o listado de cursos nos que se está matriculado (de estalo nalgún). Só se pode ter acceso a aquelas actividades formativas nas que se foi seleccionado e admitido, e nunca antes de que o curso dea comezo.

O perfil:

Na parte dereita da barra superior aparece o nome de usuario co que se identificou no sistema, sendo este nome un enlace á ventá de edición do perfil. Dende alí pódese acceder á pestana “Editar información” e corrixir ou completar os datos. É recomendable personalizar o perfil cunha foto ou imaxe.

Presentación nos foros:

As persoas participantes nunha actividade de formación na Rede deben realizar a súa presentación obrigatoria no foro destinado para tal fin no prazo indicado pola coordinación da actividade. A non comparecencia na dita presentación supón a baixa na actividade e considerarase "non presentada" cos mesmos efectos do establecido para as actividades presenciais.

Algúns elementos dun curso Platega:

- Guía informativa na que se recollen todos os aspectos necesarios para o correcto seguimento do curso.

- Coordinador/a do curso, persoa asesora da rede de formación do profesorado encargada do correcto desenvolvemento da actividade (deseño da programación, xestión da selección de participantes, documentación e control do curso).

- Titores/as que atenden persoalmente ás persoas participantes a través das formas de comunicación establecidas e avalían as tarefas devolvendo comentarios para a súa mellora no caso de que sexa preciso.

- Contidos e información sobre a temática da actividade.

- Tarefas relacionadas coa temática da actividade, orientadas a facilitar a comprensión e asimilación dos contidos, dar un enfoque práctico e demostrar os coñecementos adquiridos.

Comunicación coas persoas titoras do curso:

Existen varias opcións de comunicación cos titores:

- A través dos foros (foros de dúbidas, foros de novas, foros de avisos,...)

- A través do sistema de mensaxería interna da plataforma.

- Ocasionalmente pode existir un Chat para comunicación a tempo real.

 

Preguntas máis frecuentes:

  • Non me concederon un curso. Podo acceder aos contidos? Non se permite o acceso ao espazo de formación a persoas que non estean a participar directamente no curso. Platega está pensada para ofrecer formación directa, polo que só as persoas admitidas accederán ao espazo de formación. Sen embargo, é posible que, se o curso é moi demandado, se atope en aberto na sección de Formación aberta

 

  • É obrigatorio realizar as tarefas? Sen dúbida algunha. A formación en rede esixe unha avaliación do profesorado participante. Tal e como se recolle na Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia: “No deseño da actividade de formación recollerase unha fase de traballo, cunha duración de, polo menos, o 80 % do total de horas, que se dedicará ao desenvolvemento de actividades ou tarefas tuteladas a distancia.”

 

  • Podo abandonar a actividade unha vez comezada? A normativa contempla o seguinte:

7. As persoas seleccionadas que teñan confirmada a asistencia e non comparezan á primeira sesión ou abandonen a actividade sen causa xustificada, serán dadas de baixa na actividade e non serán seleccionadas para as actividades que se desenvolvan no mesmo curso académico.

8. As persoas participantes nunha actividade de formación en rede deberán realizar a súa presentación obrigatoria no foro destinado para tal fin, na aula virtual do curso, no prazo indicado pola coordinación da actividade. A non comparecencia na dita presentación ou o abandono da actividade sen causa xustificada suporá a baixa na actividade e considerarase non presentada cos efectos do establecido no parágrafo anterior para as actividades presenciais.

  • Podo realizar máis dunha actividade na Rede no mesmo período de tempo? De maneira xeral, non é posible realizar dúas ou máis actividades na Rede coincidentes, a non ser que algunha delas sexa considerada "compatible". A confirmación de participación nunha actividade implica a renuncia ao resto de actividades nas que se fixera a inscrición.

As actividades que se desenvolven en Platega son actualmente as máis demandadas no que se refire a formación permanente . Agradécese, polo tanto, o sentido común no momento da confirmación da participación nos cursos, pois  moitos/as aspirantes agardarán quenda na lista de reservas. É recomendable consultar a guía antes de confirmar a participación e, durante os primeiros días, valorar a decisión para, de non estar interesado/a, ceder a praza a outra persoa da lista de agarda.