Platega [1]
Enviado por j.casado a Dom, 28/10/2012 - 11:33Que é PLATEGA?
PLATEGA [2](Plataforma de Teleformación de Galicia) é o lugar onde se desenvolven os cursos na Rede do plan de formación do profesorado. O desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación, permiten esta modalidade de aprendizaxe, cuxo fundamento é aproveitar a facilidade de distribución de materiais formativos e as ferramentas de comunicación das redes informáticas para crear un contorno de ensino e aprendizaxe. Deste xeito, e mediante unha conexión á rede Internet, os usuarios poden realizar actividades interactivas, acceder aos materiais precisos para adquirir o coñecemento, recibir axuda, realizar comunicacións ou avaliar o seu progreso.
Inscrición nos cursos na Rede:
A inscrición nun curso na Rede realízase do mesmo modo que para o resto do cursos do plan de formación, en www.edu.xunta.gal/fprofe [3].
Pódese filtrar a busca por “forma de participación / en rede”. Os criterios de admisión serán os que aparezan no plan anual.
Tamén é posible acceder de maneira libre aos contidos dos cursos ofertados na sección de Formación aberta [4], través da opción de "automatriculación". Estes cursos, non titorizados nin certificables, son considerados de interese especial para a consulta por parte do profesorado.
Como acceder a PLATEGA?
O acceso á plataforma faise a través da dirección web www.edu.xunta.gal/platega [5], sendo necesario dispor dunha conta de correo corporativa @edu.xunta.gal. O usuario e contrasinal serán os mesmos que para dita conta. Unha vez feito o acceso, poderase visualizar o listado de cursos nos que se está matriculado (de estalo nalgún). Só se pode ter acceso a aquelas actividades formativas nas que se foi seleccionado e admitido, e nunca antes de que o curso dea comezo.
O perfil:
Na parte dereita da barra superior aparece o nome de usuario co que se identificou no sistema, sendo este nome un enlace á ventá de edición do perfil. Dende alí pódese acceder á pestana “Editar información” e corrixir ou completar os datos. É recomendable personalizar o perfil cunha foto ou imaxe.
Presentación nos foros:
As persoas participantes nunha actividade de formación na Rede deben realizar a súa presentación obrigatoria no foro destinado para tal fin no prazo indicado pola coordinación da actividade. A non comparecencia na dita presentación supón a baixa na actividade e considerarase "non presentada" cos mesmos efectos do establecido para as actividades presenciais.
Algúns elementos dun curso Platega:
- Guía informativa na que se recollen todos os aspectos necesarios para o correcto seguimento do curso.
- Coordinador/a do curso, persoa asesora da rede de formación do profesorado encargada do correcto desenvolvemento da actividade (deseño da programación, xestión da selección de participantes, documentación e control do curso).
- Titores/as que atenden persoalmente ás persoas participantes a través das formas de comunicación establecidas e avalían as tarefas devolvendo comentarios para a súa mellora no caso de que sexa preciso.
- Contidos e información sobre a temática da actividade.
- Tarefas relacionadas coa temática da actividade, orientadas a facilitar a comprensión e asimilación dos contidos, dar un enfoque práctico e demostrar os coñecementos adquiridos.
Comunicación coas persoas titoras do curso:
Existen varias opcións de comunicación cos titores:
- A través dos foros (foros de dúbidas, foros de novas, foros de avisos,...)
- A través do sistema de mensaxería interna da plataforma.
- Ocasionalmente pode existir un Chat para comunicación a tempo real.
Preguntas máis frecuentes:
- Non me concederon un curso. Podo acceder aos contidos? Non se permite o acceso ao espazo de formación a persoas que non estean a participar directamente no curso. Platega está pensada para ofrecer formación directa, polo que só as persoas admitidas accederán ao espazo de formación. Sen embargo, é posible que, se o curso é moi demandado, se atope en aberto na sección de Formación aberta [4]
- É obrigatorio realizar as tarefas? Sen dúbida algunha. A formación en rede esixe unha avaliación do profesorado participante. Tal e como se recolle na Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia: “No deseño da actividade de formación recollerase unha fase de traballo, cunha duración de, polo menos, o 80 % do total de horas, que se dedicará ao desenvolvemento de actividades ou tarefas tuteladas a distancia.”
- Podo abandonar a actividade unha vez comezada? A normativa contempla o seguinte:
7. As persoas seleccionadas que teñan confirmada a asistencia e non comparezan á primeira sesión ou abandonen a actividade sen causa xustificada, serán dadas de baixa na actividade e non serán seleccionadas para as actividades que se desenvolvan no mesmo curso académico.
8. As persoas participantes nunha actividade de formación en rede deberán realizar a súa presentación obrigatoria no foro destinado para tal fin, na aula virtual do curso, no prazo indicado pola coordinación da actividade. A non comparecencia na dita presentación ou o abandono da actividade sen causa xustificada suporá a baixa na actividade e considerarase non presentada cos efectos do establecido no parágrafo anterior para as actividades presenciais.
- Podo realizar máis dunha actividade na Rede no mesmo período de tempo? De maneira xeral, non é posible realizar dúas ou máis actividades na Rede coincidentes, a non ser que algunha delas sexa considerada "compatible". A confirmación de participación nunha actividade implica a renuncia ao resto de actividades nas que se fixera a inscrición.