INFORMACIÓN BÁSICA PARA FAMILIAS DE ALUMNADO

INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS

A situación creada polo COVID-19 obrigou a toda a sociedade e, por descontado, ao centro a adaptarse e formular toda unha serie de modificacións importantes na vida académica para o curso 2020-2021. Para transmitir estas modificacións nos aspectos que afectan ás familias e ao noso alumnado enviamos esta circular.

Docencia presencial

Se non hai ningunha instrución en contra desde a Consellaría de Educación ao longo deste ano a docencia será presencial en todos os niveis e estudos.

Horario do centro:

Entrada e saída: o alumnado entrará ás 8:30 e sairá ás 15:00 horas os luns e xoves e ás 14:10 os martes, mércores e venres. Como regra as clases duran 50 min.

O centro estará aberto antes da hora de entrada (desde as 8:10). Para evitar aglomeracións no patio o profesorado de garda procurará que todos se comporten conforme ás normas de seguridade tanto no patio como no vestíbulo do centro.

Respecto da saída, para evitar aglomeracións, faranse dous agrupamentos de alumnado para saíren de modo diferenciado. Un grupo co primeiro toque de timbre, 3-5 min antes da hora de saída do día, e o segundo grupo co segundo toque de saída, na hora habitual.

Recreo:

O recreo durará 40 minutos. Para evitar aglomeracións os dous agrupamentos de alumnado  farán o recreo en dous momentos diferentes da mañá. Un dos grupos terá o seu tempo de lecer entre as 11:00 e as 11:40. O segundo grupo terá o seu tempo de lecer entre as 11:50 e 12:30. Deste modo evitamos ter mais de 250 alumnos en cada recreo e isto permite que nos días de choiva poidan estar todos ou a grande maioría en espazos cubertos. Para este fin marcáronse no chan puntos, liñas e frechas de diversas cores para indicar as zonas de circulación (como se explica abaixo) e zonas de “estacionamento”.

Alumnos e grupos

Seguindo a normativa, o alumnado debe estar situados a metro e medio un do outro polo que a capacidade das aulas ten diminuído. As aulas tipo onde antes estaban 30 alumnos terán agora, como máximo 20 (as que teñan o cargador de ordenadores pasan a 19) por ese motivo houbo que ampliar o número de grupos (habitualmente 3 por nivel). Agora son 5 grupos de 1º da ESO, 5 de 2º da ESO, 4 de 3º da ESO, 4 de 4º da ESO. En Bacharelato seguirá habendo 4 grupos por nIvel (4 de 1º e 4 de 2º Bach).

Aulas:

Este desdobre de grupos obrigou a ocupar todas as aulas “normais” ou “tipo” e ademais servirse de aulas especiais para convertelas en aulas de referencia para certos grupos. A consecuencia disto é que algunhas materias perden o seu espazo natural e adaptado (aula de música, aula de tecnoloxía, por exemplo) e as optativas dos niveis superiores (4º da ESO e 1º e 2º de Bach) poden ter certas limitacións pois van ser impartidas en espazos relativamente inadecuados (biblioteca, salón de actos, laboratorios...).

En todas as aulas haberá unha solución hidroalcohólica a disposición do alumnado para se hixienizaren as mans ao entrar na aula. Tamén haberá unha papeleira con tapa de pedal e virucida e panos de papel para proceder á hixienización por parte de cada alumno do posto, ao final do día ou cando teñan que ocupar un posto que non sexa o seu. Cada posto está atribuído en exclusiva ao alumno ou alumna que se sente nel, coa excepción dos casos en que haxa que compartilos (desdobres ou agrupamentos especiais). Inclusive no caso de aulas específicas (informática, p. ex.) o posto de cada alumno será sempre o mesmo.

Seguindo as indicacións do protocolo da Consellería, os alumnos non poderán deambular pola aula nos tempos entre horas nin ir a ningún lugar excepto coa autorización expresa do profesor ou profesora presente. O comportamento ha de ser exemplar e evitar o contacto físico con outros compañeiros/as e calquera uso compartido de materiais escolares (bolígrafos, papeis, cadernos, calculadoras, correctores...) ou produto, nomeadamente alimentos e bebidas ou doutro tipo.

Circulación no centro

O alumnado será “informado” e adestrado sobre a circulación no centro de maneira detallada nos primeiros días do curso. Con todo aproveitamos para dar unhas referencias básicas sobre como circular polo centro.

No corredor exterior:

Están pintados no chan puntos vermellos e verdes separados entre si 1’5 metros como referencia tanto para a distancia entre alumnos/alumnas como para indicar as liñas básicas de circulación.

Excepto na hora de entrada (8:30) e na hora de saída do centro (14:10 ou 15:00), para entrar no centro o alumnado,ou calquera outra persoa, debe seguir a liña formada por puntos verdes. Para saír o alumnado debe seguir a liña formada por puntos vermellos.

No vestíbulo:

Unha vez hixienizadas as mans con xel hidroalcohólico, deberán percorrer o vestíbulo polos “carrís” destinados á circulación. Un para aproximarse ás escaleiras de subida, na parte dereita do vestíbulo, e outro para abandonar o centro na parte esquerda do vestíbulo (sempre para quen entra). Un terceiro corredor permitirá atravesar o vestíbulo desde as escaleiras de baixada até a cafetaría. Aínda un corredor permite ir do vestíbulo ao Dep. de Orientación ou Ximnasio.

Tamén haberá “carrís” específicos para facer cola e dirixirse á cafetaría, á biblioteca ou aos baños do vestíbulo, marcados con diversos signos no chan, a distancias de 1’5 mts para serviren de referencia para a distancia de seguridade.

No 1º, 2º e 3º andar

A circulación polos andares onde se sitúan as aulas farase sempre percorrendo os corredores pola dereita, seguindo as frechas azuis do chan. A distancia entre a punta dunha frecha e doutra é de 1’5 metros de modo que sirva de referencia para manter a distancia interpersoal. A circulación será dirixida polo profesorado de garda e o das aulas de onde proceda o alumnado.

O ascensor será de uso individual e unicamente para o alumnado ou profesorado que teña dificultades de mobilidade.

Uso de máscara

O uso da máscara é obrigado en todo momento, tanto na aula como no vestíbulo e exterior. Recoméndase que os alumnos traian, ademais da máscara posta, unha ou máis máscaras de reposto por se for necesario o seu uso por rotura, degradación, perda...

O uso debe axustarse ás normas publicadas na cartelería do centro (vestíbulo, corredores, aulas...). Unicamente pode baixarse para inxerir alimentos ou bebidas o tempo necesario para realizar esta acción.

Xel hidroalcohólico

Hai xel hidroalcohólico a disposición do alumnado tanto nas aulas como no vestíbulo. Porén recomendamos os alumnos levaren no seu estoxo ou mochila un bote pequeno de xel hidroalcohólico para hixienizar as mans en calquera momento sen necesidade de moverse pola aula ou o vestíbulo. Este bote poderá recargarse, baixo supervisión do profesorado, co contidos dos botes presentes na aula.

Limpeza do posto

Sempre que un/ha alumno/a ou alumna acceda ao posto que teña sido ocupado por outros, nunha aula de uso común (como a informática) ou de desdobre, debe hixienizar co virucida e o papel que lle forneza o profesor ou profesora. Esta limpeza inclúe a superficie da mesa e as partes inferiores dos laterais, o respaldo da cadeira e calquera outra superficie que poida tocarse coas mans. No caso de ter “anteparo” de separación o seu posto (por exemplo nos ordenadores da biblioteca) deberá desinfectar a súa parte. Tamén deben limpar o teclado, o rato e a pantalla do ordenador.

Titoría e entrevistas

A presenza de persoas no centro fica limitada ao alumnado ao persoal do centro. Os familiares do alumnado NON PODEN ACCEDER ao centro sen cita previa.

Para a comunicación ordinaria das titorías ou doutro tipo utilizaranse os medios telefónicos ou electrónicos a disposición. Unicamente poderán acudir ao centro en caso de teren cita e sempre fora do horario de recreos e cambios de aula, para evitar contacto co alumnado.

 

COMPROBACIÓN DIARIA DE SÍNTOMAS

Os familiares do alumnado do centro están obrigados segundo o estabelecido nas “Instrucións de actuación coordinadas en materia de saúde pública...” (DOG. 174 bis do 28-08-2020) a realizar unha comprobación diaria, antes de viren ao centro, da temperatura e o estado xeral da alumna ou alumno.

Se tiver calquera síntoma compatíbel cos síntomas propios da COVID-19 (febre, tose seca e persistente, dificultade respiratoria, debilidade...) deberán comunicalos ao centro, mediante chamada telefónica, así como ao pediatra e ficar na casa á espera das decisións médicas pertinentes.

Como mostra do compromiso dos familiares nesta comprobación pedimos asinen a DECALARACIÓN RESPONSÁBEL que enviaremos a través do alumnado no primeiro día de clase.

 

 

Enquisa de (auto)avaliación clínica

Síntomas fundamentais

¨ Febre superior a 37’5º C          Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Tose seca                                      Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Dificultade respiratoria             Cando comezou o síntoma? ____________________________

 

Outros síntomas

¨ Fatiga severa (cansazo)            Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Dor muscular                                Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Falta de olfacto                            Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Falta de gusto                              Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Diarrea                                            Cando comezou o síntoma? ____________________________

 

Tivo contacto nas últimas 2 semanas

¨ cunha persoa con COVID19 confirmado

¨ cunha persoa en illamento por sospeita de infección por COVID19

Tipo de contacto:

Duración

Periodicidade

Distancia

Uso de máscara

Conviviu nas últimas 2 semanas

¨ cunha persoa con COVID19 confirmado

¨ cunha persoa en illamento por sospeita de infección por COVID19