PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE ESO

Paloma Otero López e Antón Piñeiro Rodríguez

Este venres 21 de Abril tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o acto institucional de entrega dos Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao Rendemento Académico e ao Esforzo e Superación Persoal, correspondentes ao curso académico 2015/2016 convocados na Comunidade Autónoma de Galicia, sendo o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra un dos dous únicos centros educativos galegos que contaba con alumnos gañadores en ambas modalidades.

Por este motivo, e como non podía ser doutro xeito, quixémonos achegar ata Santiago para acompañar a PALOMA e a ANTÓN, e ás súas familias, nunha ocasión tan especial coma esta, na que eles e o resto de premiados recibían de mans de diversas autoridades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o Diploma que os acredita como merecidos gañadores duns galardóns que recoñecen o traballo continuo, e case sempre esgotador, das rapazas e rapaces que se esforzan para ter a mellor formación académica posible para abordar o seu futuro, pero, tamén, daqueles outros cuxa forza de vontade e valentía lles axudou a facer fronte ás adversidades que, aínda sendo moi novos, xa foron atopando na súa vida, non deixando nunca de lado os seus estudos, a pesar de que esa tería sido a vía máis fácil.

En fin, todos os asistentes ao acto tivemos a oportunidade de nos sentir orgullosos deste grupo de excelentes alumnas e alumnos galegos, que deixaron de manifesto nos seus discursos de agradecemento a importancia da familia e do profesorado nos seus logros académicos e, así mesmo, o seu desexo de que a Administración poña todos os medios necesarios para potenciar o ensino público galego.

 

Premendo nesta ligazón podedes ver a reportaxe emitida no Telexornal da TVG sobre este acto, na cal entrevistan a Antón.