Skip to Content

Novembro 2023

Novembro 2023

A curva da pantasma  de  Fran Alonso

       A curva da pantasma ademais do título do libro é o título dun dos contos que o integran (outros son: A fuxida e morte de Xoel, A vinganza do móbil, A misteriosa caixa de mistos, O can do negacionista, O castigo hermafrodita, A vella da oficina bancaria, O submarinista de Palmeira, Os acosadores de Narón)
    Estamos diante de breves narracións que seguen a estrutura e o espírito das chamadas lendas urbanas e que, ao tempo, abordan temas de actualidade como o abuso do alcohol, os comportamentos machistas, os lumes forestais, o acoso escolar, as redes sociais, a exclusión, a posverdade... todo adobiado cun prebe de medo e misterio, moi acaído para este mes de Samaín e Defuntos.

    Hai historias que me dan medo. Si, teño medo; como non o vou ter? Pero non teño tanto medo do que se ve como do que non se ve. Do que, se cadra, non é certo. Pódese ter medo do que non é certo? Pódese ter medo da mentira? Eu téñoo...

...contáronme como foi o do rapaz que apareceu morto na estrada entre A Guarda e Baiona...
    Cando empezou todo o das picadas, o rapaz ese, que se chamaba Cristiano... mofábase de todo o que estaba a suceder e ocorréuselle a brillante idea de que el tamén podía facelo.
    Si, é un machista... un tipo sen cerebro, prehistórico, incapaz de pensar.
    Vale, pois ao tal Cristiano seica se lle ocorreu que el tamén podía emular o que estaba a suceder, así que conseguiu unha xiringa para dedicarse a ir ás festas e aos concertos a picar mulleres...
    Seica Cristiano picou varias mulleres.
   Unha vez en Vigo, nun dos concertos de Castrelos e outra vez en Tomiño, nunha verbena coa Panorama.
    Debía facelo rápido e non o pillaron.
   A rapaza de Tomiño viulle a cara, pero el fuxiu entre a xente...
   O caso é que o outro día, os amigos de Cristiano, que vive en Camposancos, propuxéronlle ir a Baiona, porque eran as festas da Anunciada e querían saír pola noite...
    Á altura de Oia, nunha curva moi pechada e perigosa que eles coñecían ben, viron un vehículo accidentado...
    Cristiano detívose e saíu a todo correr...
   Pero cando estaba a chegar ao coche, saíu do asento do condutor unha muller vestida de noiva que parecía unha pantasma.
   Disque Cristiano seguiu achegándose, sen poder evitalo, medoso e desconcertado, ata que cando estivo á súa altura,  se decatou de que a noiva levaba unha xiringa na man.
     O que sucedeu exactamente ninguén o sabe.
    O que conta o compañeiro de Cristiano que ía con el é iso, que viron a pantasma vestida de noiva que saíu do coche e que o seu amigo se achegou a ela.
    Di que a partir de entón xa non lembra nada máis.
   O caso é que de madrugada el chegou andando a Baiona, pálido coma a lúa, e o seu amigo Cristiano apareceu alí, morto na estrada, tirado sobre o asfalto e co corpo cuberto de picadas de xiringa...                                   

(pp. 11, 72-74)

Data: 
Mar, 31/10/2023 - 16:35


by Dr. Radut