Ben de Care Santos
Comeza esta narración co enterro de Ben, un mozo de 24 anos (que xa atopamos na triloxía protagonizada por Éric: Mentira, Verdade e Medo), un mozo ao que ninguén quere lembrar e ao que todos temen. Despois, da man de capítulos moi breves e directos, imos entrando en momentos da súa vida. Coñecemos á súa nai, á súa avoa, ao seu padrasto… Coñecemos as súas querenzas, os seus desexos de medrar… Coñecemos os problemas que tivo, a súa fama de fanfurriñeiro… Coñecemos o momento exacto en que comezou a internarse nun camiño sen retorno… Pero tamén coñecemos o afecto que sentía por Éric, polos débiles, polas causas perdidas. De cando en vez é o propio Ben quen se asoma ás páxinas cuns diálogos que mantén coa psicóloga do centro de menores no que estivo interno por agredir ao pai de Éric. Son diálogos furiosos, cheos de rabia, de angustia, de rancor, diálogos que piden axuda e comprensión a mancheas...
“O CEIP Pedraforca está ao final dunha rúa en costa que serpea ao redor dun montículo urbanizado. O barrio enteiro construíuse nun terreo montañoso e de difícil acceso. Antes de que os emigrantes recentemente chegados a Barcelona o enchesen de vivendas precarias, alguén pensou en destinalo a cemiterio, pero descartárono porque a zona era demasiado húmida e escarpada. Durante décadas foi o barrio máis pobre e con máis paro da cidade. Un lugar polo que os políticos apenas se preocupaban, coma se o deixase por imposible ou coma se os seus habitantes non fosen da mesma categoría. Así que o barrio está mal comunicado, mal abastecido, mal vixiado. Cando se estraga ou rompe algo, tardan meses, ás veces anos, en arranxalo. Todo o mundo se conforma. Aí vivía Ben cando aínda era Rubén.
No Pedraforca hai un soto cheo de arquivadores cheos de cartafoles cheos de papeis. A documentación dos moitos alumnos que pasaron polas súas aulas antes de que todos os expedientes fosen dixitais e non fixese falta un lugar físico onde gardalos. Como aquí as cousas sempre chegan máis tarde que a outros lugares, non hai tanto diso. O cartafol co expediente de Ben está exactamente no lugar que lle corresponde segundo o ano en que deixou o centro e a primeira letra que corresponde ao seu apelido na orde alfabética. É un cartafol de cor azul gastada, que contén un bo puñado de follas. O resumo dalgúns anos da vida dunha persoa. As fichas de cada curso, sempre encabezadas cunha foto, as actas dun consello escolar no que se falou del —non moi ben—, os resumos dun par de reunións das titoras coa súa nai e, máis tarde, co seu padrasto. Aí están os boletíns de notas trimestrais, cheos de comentarios, os de fin de ciclo e o de final da primaria. Vendo isto, alguén podería chegar a crer que todo ten un sentido, que a vida ás veces ocorre nunha sucesión de acontecementos ordenados.
A primeira foto é do primeiro curso de educación infantil. Un neno con perrera, ollos moi abertos e orellas demasiado grandes. Tocoulle a clase dos Caracois. Segundo os informes, era un neno listo, que aprendía rápido, algo tímido. Era máis hábil coas mans que coas palabras.
A última foto é de sexto. A mesma perrera, os mesmos ollos curiosos e unha melena abundante que lle tapa as orellas. Un alumno pouco aplicado a quen só se lle daban ben plástica e educación física. Bo xogador de fútbol. Rápido, seguro, con bos reflexos. Un desastre coas linguas e un aínda maior coas matemáticas.
«Traballa por baixo das súas posibilidades». «Fáltalle constancia e esforzo». «Despístase con facilidade». Iso escribían os seus profesores nos informes. E moito máis: «Cústalle aceptar as normas». «Non é capaz de traballar en equipo». «Mostra unha actitude desafiante cos seus compañeiros e mesmo cos profesores». E todo iso antes de chegar ao segundo trimestre de quinto. Antes de que o consello asesor decidise que era un alumno «inadaptado e violento». Antes de que agredise ao seu profesor de educación física. Antes de que lle obrigasen a pedir perdón por iso. Nas fotos que encabezan as fichas escolares véselle cambiar, ano tras ano. Con ou sen perrera, o pelo máis longo ou máis curto, os ollos sempre expresivos, a cara máis redonda, máis alongada... Con todo, hai algo que nunca aparece nas fotos, en ningunha: o sorriso.
Un neno serio.
Serio, inadaptado, violento, asocial, agresivo, solitario, conflitivo, potencialmente perigoso.
Como facemos, cada un de nós, para encaixar todos os adxectivos que outros nos atribúen?
Cantos adxectivos fan falta para describir a unha persoa?”