Skip to Content

ENDL

Equipo de normalización e dinamización lingüística

VISITA AO LABIRINTO DE BREOGHÁN E AOS PETRÓGLIFOS DE VILARMAIOR

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega realizou o día 15 de xuño unha visita ao LABIRINTO DE BREOGHÁN e coñeceu os PETRÓGLIFOS DE VILARMAIOR.

A nosa intención foi que o noso alumnado coñecera un entorno rural alonxado do estrés diario, un lugar máxico con máis de 4000 árbores que dan forma de cruz celta ao labirinto máis grande da península (6120m2).

O obxectivo é que valoren os nosos antepasados celtas, que camiñen de volta ás orixes, a unha época onde a natureza nos mergullía en todo o seu esplendor, lonxe dos artificios hoxe presentes.

ASISTENCIA AO CORRELINGUA 2023

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Pastoriza participou na actividade do Correlingua que se celebrou o venres día 5 de maio. Nesta ocasión o lema foi "NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA!

Trátase dunha proposta de carácter lúdico-educativo que convida a rapazada dos centros de ensino a  participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma.

A este acto acudiu o noso alumnado dos niveis de 3º de ESO e de 1º de BAC.

Queremos salientar o noso agradecemento ao Concello de Arteixo pola concesión da gratuidade do transporte para poder asistir a dita actividade. Mil grazas!!

 

INFORMACIÓN DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

  

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega citou os gañadores dos concursos convocados durante os meses previos, concretamente: O CONCURSO DE CABAZAS E CATRINAS DO SAMAÍN, O DO DISCURSO INVERTIDO e O DAS POSTAIS DE NADAL para facerlles entrega dos agasallos merecidos. O acto tivo lugar na Aula de Usos Múltiples do centro e agradecemos a divulgación do mesmo a través de Radio Furoca. 

Grazas a todo o alumnado participante!!

Queremos aproveitar a ocasión para informar a toda a comunidade educativa da convocatoria para novos concursos que se levarán a cabo nos meses de febreiro e marzo. A continuación anexamos un cadro coa proposta. Animádevos!!

 

Concurso de postais de Nadal convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega

O EDLG organiza un concurso de postais de Nadal no que pode participar todo o alumnado do centro.

As bases do mesmo aparecen reflectidas no cartel que publicamos a continuación.

Haberá premios para as mellores entregas.

Animádevos a participar!!


Actividades do EDLG

A primeira actividade organizada polo EDLG para o curso 2022-2023 titulámola “O discurso invertido”. Está baseada nun desafío de rima que emprega Fabio Brazza na súa canle de youtube e o obxectivo consiste en mudar o sentido do texto segundo a orde da lectura. Teremos unha información se lemos de arriba abaixo e o contrario se lemos de abaixo arriba. 

O texto debe conter un mínimo de dez liñas e a temática é libre. Consiste nunha tarefa que estamos traballando nas aulas de 2º e 3º de ESO.

Haberá premios para o alumnado gañador.

 

A segunda tarefa que estamos a desenvolver consiste na decoración de cabazas e catrinas co motivo do Samaín. No cartace que publicamos a continuación tedes toda a infomación:

Información do Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Como cada curso escolar, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Pastoriza organizará diferentes actividades dirixidas ao noso alumnado co claro obxectivo de empregar con corrección a nosa lingua, enxalzala e divulgala.

Este equipo está constituído por profesorado, persoal non docente e alumnado.

É unha obviedade dicir que todos os alumnos e alumnas do centro están convidados  a participar nas diversas propostas que iremos ofertando ao longo do curso académico mais, nesta ocasión, como coordinadora do equipo, gustaríame salientar que contamos cunha comisión integrada por alumnado de 3º ESO. Son rapaces e rapazas moi comprometidos co idioma cos que se convocan xuntanzas asiduamente e que brindan a súa axuda na toma de decisións, propoñen actividades, forman parte do xurado no momento de deliberar nos diferentes concursos organizados,...

Desde este foro, quero agradecerlles a súa implicación e colaboración coa causa deste equipo. 

Graciñas!!

Obradoiros "Día de Rosalía" en 4º ESO.

O luns, 23 de maio, a poeta Dores Tembrás impartiu dous obradoiros no noso centro arredor da poesía máis reivindicativa e afouta de Rosalía de Castro nos que nos achegou a beleza, a forza e o sentimento da palabra e onde o alumnado de 4º ESO tivo oportunidade de compartir impresións cheas de creatividade, ideas e pensamento coa escritora.

Infindas grazas a Dores e mais á Asociación de Escritores en Lingua Galega por estes obradoiros para conmemorar o Día de Rosalía.

Ligazón ás imaxes deste día.

Correlingua 2022.

O alumnado de 4º ESO asistiu o 18 de maio ao Correlingua que se celebrou no Pazo da Cultura de Carballo, onde viron a actuación musical da banda nicrariense, Mekánika Rolling Band.

Compartimos a publicación de La Voz de Galicia sobre este evento e tamén deixamos imaxes dunha xornada chea de humor e música en defensa da nosa lingua.

21 de marzo. Día Mundial da Poesía.

O pasado 21 de marzo conmemoramos o Día Mundial da Poesía e para iso, o noso alumnado confeccionou diferentes Knollings literarios a partir dos seus poemas galegos preferidos que expuxeron posteriormente no Taboleiro da Lingua.

A verdade é que temos uns auténticos artistas!

Podes ver as imaxes cos traballos do noso alumnado premendo nesta ligazón.

I Concurso de Cantigas de Entroido dos Trobadores de Pastoriza.

Achéganse unhas datas significativas no almanaque galego e que mellor xeito de conmemoralas que propoñer ao noso alumnado un concurso no que deberán mostrar o seu enxeño á hora de compoñer cantigas en galego coma se fosen trobadores da época medieval e nas que poderán abordar temas actuais e personaxes do século XXI, sempre dende o respecto.

O prazo estará aberto até o luns, 21 de febreiro.

Para máis información, consulta as bases no documento adxunto.

Distribuir contido


by Dr. Radut