Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

Xustificación

Xustificación e obxectivos

INTRODUCIÓN

No mes de novembro, unha parte do profesorado do IES Mendiño reuniuse para falar da posibilidade de participar nun proxecto educativo da Consellaría de Educación en colaboración co Instituto da Lingua  Galega: PLAN PROXECTA: “ Lingua, patrimonio e coñecementos tradicionais”

 

XUSTIFICACIÓN DO TRABALLO

O proxecto semellaba moi interesante, pois trataba de recoller léxico da contorna a respecto dun tema concreto que tivese que ver con coñecementos tradicionais do lugar onde está asentado o noso alumnado.

A idea gustounos pois, desde a nosa Biblioteca e o noso Equipo de Dinamización Lingüística, tiñamos xa en mente realizarmos un traballo interdisciplinar sobre o mar, xa que  en Redondela sempre está presente tanto porque o mar penetra na vila como porque boa parte da súa poboación traballaba en oficios vencellados a este sector: pesca, marisqueo, venda de peixe, conserveiras, salinas…

Amais disto, era doado reparar na súa presenza  na toponimia do concello: Arealonga, Campo de redes, Catapeixe, etc. Ata  acontecementos históricos como a batalla de Rande ou a Guerra Civil  teñen como protagonista ese mar que nos rodea e envolve: Rande, San Simón…

A desecación da marisma que formaba parte da contorna redondelá (zona na que, por certo, está construído o noso centro) e o paso do tempo fixeron, entre outros moitos factores, que o mar se fose afastando algo dos intereses económicos da vila. Pero, aínda así, segue presente: a lonxa de Cesantes segue a ser o eixe principal da venda do exquisito choco de Redondela; os mariscos da enseada de San Simón son enormemente aprezados; as casas onde os pescadores gardaban os seus utensilios e materiais na Praia de Cesantes conservan a súa arquitectura única e peculiar; as bateas de Rande seguen a producir un dos moluscos máis aprezados no mercado;  e, tamén, institucións como o Museo de Rande ou outros colectivos ou Seminarios da zona (SEREN, TRESPÉS, OBRADOIRO DE ESTUDOS LOCAIS FERNANDO MONROY ou ALÉN NÓS por exemplo) pretenden recuperar e conservar a memoria histórica de moitas destas cousas.

Todo isto fai que, en moitas ocasións, algúns profesores e profesoras  traballen sobre deste tema nas aulas, en colaboración co noso alumnado, tanto dentro das materias que se imparten como a través de traballos interdisciplinares ou extraescolares. Por isto cremos que tiñamos unha boa ocasión de levarmos a cabo un traballo máis sistematizado e cun tratamento máis fondo usando como nexo de unión o Plan Proxecta. Xa que logo, profesorado de diferentes áreas, Biblioteca e EDL iniciarán este proxecto neste curso escolar, proxecto que coidamos poder seguir desenvolvendo e ampliado o curso vindeiro.

 

ANTECEDENTES

En cursos pasados tiñamos levado a cabo, de forma esporádica, exposicións nas que se recollían aspectos moi diversos relacionados co mar: utensilios e artes de pesca, actividades relacionadas na zona coa pesca e o marisqueo, lendas, historias, refráns, receitas… relacionadas coa cuestión que nos ocupa, etc. Incluso algunha actividade de campo como podería ser entrevistas con mariscadoras ou mariñeiros. Mesmo chegamos a participar nun Concurso organizado pola Concellaría de Educación do Concello de Redondela sobre Innovación Lingüística, concurso no que recibimos o primeiro premio e cuxo tema de traballo era “Cesantes e o mar”.

Pero iso coidamos que, nesta ocasión, sería posible realizarmos estas actividades, como xa se dixo anteriormente, de forma máis eficaz, en canto a acadarmos uns mellores resultados.

 

NIVEIS EDUCATIVOS E PROFESORADO IMPLICADO

En principio, toda a ESO. E, aproveitando a saída do alumnado de 1º de Bacharelato a Londres, implicarase ao departamento de Inglés e ao alumnado participante nesta actividade na procura de información sobre unha rúa londinense que leva o nome de Vigo e a presenza do corsario inglés Drake na nosa enseada.

En canto aos departamentos implicados, son: Ciencias, Historia, Plástica, Relixión e L. Galega. Amais da participación do secretario do centro na parte informática.

 

OBXECTIVOS

-          Implicar ao alumnado no coñecemento directo da contorna.

-          Implicar, igualmente, as familias nese coñecemento.

-          Coñecer e valorar o seu significado como símbolo da integración ser humano-medio.

-          Conseguir una actitude positiva perante da natureza, do mundo marítimo e da contaminación do mesmo.

-          Coñecer, de primeira man, o traballo levado a cabo polas persoas que traballan nestes medios.

-          Recoñecer elementos ancestrais da nosa cultura relacionados co medio.

-          Coñecer o pasado de Redondela en relación co mar e valoralo como patrimonio histórico, etnográfico, etnolóxico, antropolóxico, cultural, e económico.

-          Achegarlle ao alumnado e ás súas familias cuestións de tipo etnográfico relacionadas co mar (usos, costumes, refráns, toponimia, etc.).

-          Conectar cun pasado que nos construíu como o pobo que hoxe en día somos.

-          Aproveitar a súa potencialidade para a investigación.

 

METODOLOXÍA

-          Son varios os Departamentos didácticos implicados (Ciencias, Linguas, Plástica, Xeografía e Historia, Relixión, Inglés…). Nas súas aulas aproveitarán certos aspectos do temario que teñen que impartir para falar de cuestións relacionadas como tema proposto.

-          Traballos de investigación na contorna, de carácter histórico (usos da Illa de San Simón ao longo do tempo, Batalla de Rande…), de carácter científico (estudo das zonas intermareais, da pesca…) de carácter lingüístico (recollida de léxico vencellado ao mar), de carácter antropolóxico (festas relixiosas, lendas…), etc.

-          Visitas a lugares ou institucións relacionadas co tema tratado (Lonxa de Cesantes, Praza de Abastos, Museo de Rande, Illa de San Simón…).

-          Charlas de expertos nestes temas (membros do SEREN, mariscadoras, expertos en toponimia…).

-          Organización de exposicións con material recopilado.

-          Elaboración dun caderno no que se recolla esta información.

-          Recitais de cantigas vencelladas ao mar (Mendiño, Martin Códax, Johan de Cangas…)

-          Etc.

Estratexias para abordar as fontes de información

-          Recorrer a informantes: mariscadoras, mariñeiros, patrón da Confraría San Xoan de Redondela, empresario da fábrica de Conservas Coca, peixeiras da praza de abastos, bateeiros, traballadores dun asteleiro en Cesantes, aos cales se lles farían entrevistas.

-          Recorrer a fontes documentais escritas e fotográficas, en colaboración con entidades como o Obradoiro de Estudos F. Monroy de Cesantes, o Seminario de Estudos Redondeláns ou Alén Nós de Redondela.

-          Visitar a illa de San Simón, as escolleras, a fábrica de conservas, a praza de abastos, as salinas do Ulló en Arcade e o Museo de Rande.

Estratexias organizativas

-          A Consellaría de Educación e O.U. aprobou, a principios de novembro, a nosa solicitude de participación no PLAN PROXECTA.

-          A finais de novembro o profesorado volveu reunirse para falar sobre os obxectivos, estratexias e  organización.

-          A principios de decembro se nos informa dunha xuntanza no ILGA na que se nos explicará con detalle o traballo a desenvolver no citado Plan.

-          O día 10 de xaneiro, tres profesoras representantes do noso instituto acoden a unha xuntanza no ILGA en Santiago na que se informa que o traballo vai incidir fundamentalmente na recollida de léxico vencellado ao mar, seguindo uns cuestionarios concretos que esta institución facilitará aos centros participantes.

-          O día 15 de xaneiro está convocada no propio centro unha xuntanza do profesorado implicado neste traballo.

-          A partir de aquí, realizaremos, sempre que sexa posible, unha reunión periódica mensual para determinar as tarefas a realizar e facer unha posta en común das xa realizadas. Estas reunións poderán ser durante os recreos.

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut