Complementarias e extraescolares

O IES MARTAGUISELA PARTICIPA NA XL OLIMPÍADA GALEGA DE QUÍMICA

O pasado venres, día 10 de marzo, a alumna Antela Roo Calvo de 2º BAC acompañada da súa profesora de Química, Sabela Quiroga, participou na fase local da XL Olimpíada Galega de Química que se celebrou na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo no Campus de Ourense.

Esta Olimpíada de Química está organizada pola Asociación de Químicos de Galicia coa colaboración do Colexio Oficial de Químicos de Galicia e da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

A nosa alumna tivo que responder tanto cuestións tipo test como problemas e  interpretación dun suposto práctico de laboratorio.

Deixámosvos algunhas fotografías.

O ALUMNADO DE CULTURA CLÁSICA E LATÍN DO IES MARTAGUISELA DESPRAZOUSE ATA LUGO PARA ASISTIR AO XXII FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO 2023 E COÑECER A CIDADE LUCENSE

Na xornada do luns, día 6 de marzo de 2023, o alumnado de Cultura Clásica e Latín do IES Martaguisela viaxou a Lugo para achegarse á cultura da Antiga Roma.

Pola mañá pasearon pola muralla e visitaron os restos romanos do casco vello, ademais de coñecer a súa catedral e os principais monumentos da cidade.

Xa pola tarde participaron no XXII Festival de Teatro Grecolatino 2023 que organiza a Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos asistindo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo á fantástica interpretación da obra de Plauto, Cásina.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada (fai clic na imaxe ou aquí).

O IES MARTAGUISELA PARTICIPA NA OLIMPÍADA DE FÍSICA

O pasado venres, día 3 de marzo, os alumnos David Cao Núñez e Ekaitz Real Hernández de 2º BAC acompañados da súa profesora de Física, Carlota Álvarez, participaron na fase local da Olimpíada de Física que se celebrou na Facultade de Físicas da Universidade de Vigo no Campus de Ourense.

Esta Olimpíada de Física está organizada pola Real Sociedade Española de Física, as tres universidades galegas, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Deixámosvos algunhas fotografías do momento.

Fai clic para ver máis fotos.

O ALUMNADO DE 2º BAC DA MATERIA DE HISTORIA DE GALICIA PARTICIPA NUN OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA

Durante o mes de marzo o alumnado de 2ºBAC da materia de Historia de Galicia participa nun obradoiro de arqueoloxía organizado polo seu profesor, Aitor Freán Campo, co que se introducirá na metodoloxía dunha disciplina fundamental para coñecer o pasado, pero tamén para valorar o noso patrimonio.

Deixámosvos algunhas fotografías destes primeiros momentos do obradoiro.

Fai clic na imaxe ou aquí para ver mási fotos.

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA CELEBROU O ENTROIDO

Na mañá do día 17 de febreiro o alumnado do IES Martaguisela celebrou o Entroido vindo disfrazado ao centro educativo.

Ademais a rapazada de 4º ESO aproveitou para vender algúns produtos culinarios co fin de recadar fondos para a excursión de fin de curso.

Deixámosvos algunhas fotografías dos disfraces.

Fai clic aquí ou na imaxe para ver tódalas fotos.

O ALUMNADO DE 1º E 2º ESO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU AOS OBRADOIROS IMPARTIDOS POLA CRUZ VERMELLA

Durante o mes de febreiro o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu aos obradoiros impartidos pola Cruz Vermella do Barco de Valdeorras.

A temática das diferentes charlas tratou sobre a Prevención de Condutas Violentas (PCV) concretamente sobre comunicación asertiva e non discriminación en liñas xerais para os grupos de 1º ESO, mentres que no alumnado de 2º ESO centrouse na Prevención do Acoso Escolar, afondando en conceptos como autocoñecemento, autoestima, ciberacoso e os riscos das redes sociais.

Deixámosvos algunhas fotografías.

 

O ALUMNADO DO BACHARELATO ARTÍSTICO VISITOU A ESCOLA SUPERIOR DE ARTES DRAMÁTICAS ANTONIO FAILDE DE OURENSE

Alumnado de 1º e 2º BAC de Artes do IES Martaguisela visitou o pasado xoves, día 23 de febreiro de 2023 as instalacións da Escola Superior de Artes Dramáticas de Ourense, Antonio Failde.

Aproveitaron a ocasión para coñecer as instalacións da Escola, así como o tipo de ensinanzas artísticas profesionais. 

Deixámosvos algunhas fotografías.

 

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA CELEBROU O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Seguindo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) o alumnado do IES Martaguisela celebrou o 23 de febreiro, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO, co gallo do 186 aniversario do seu nacemento.

O lema deste ano é #cumpriuseaxustiza, así que dende o departamento de Lingua Galega xunto coa Biblioteca e Dinamización Linguística do IES Martaguisela, despois de lermos o poema “A xustiza pola man” da nosa escritora pedímoslle ao alumnado que escribise e describise as inxustizas do mundo que nos rodea dándolle forma de caligrama, poema, pensamento, ensaio, microrrelato, etc.

Proporcionámoslle os exemplos da AELG que consistían en recoller información sobre diferentes organismos ou ONGs que traballan para denunciar e combater as inxustizas ou asociacións que traballan con mulleres que sufriron violencia ou mesmo recoller diferentes imaxes de conflitos bélicos actuais, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, da suba dos prezos da enerxía, do diesel, da vivenda, dos produtos alimentarios, etc e que fixesen unha colaxe coa pregunta “Que diría Rosalía?”

Pedímoslle que deixasen voar a súa imaxinación e a súa creatividade. O resultado foi moi satisfactorio.

Deixámosvos algunhas fotografías dos seus traballos.

 

DURANTE DÚAS SEMANAS O ALUMNADO DE 2º, 3º e 4º ESO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU A DIFERENTES CHARLAS IMPARTIDAS POLO CIM DO BARCO DE VALDEORRAS

Durante as últimas dúas semanas o alumnado de 2º , 3º e 4º ESO participou en diferentes sesións formativas sobre prevención da violencia de xénero a través da educación afectivo-sexual.

Estas charlas foron promovidas pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) do concello do Barco de Valdeorras, grazas ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Consideramos que é fundamental falar de sexualidade porque cada un/unha de nós temos unha sexualidade única, e temos que tratala dende unha visión integral e biopsicosocial xa que está conformada por distintos compoñentes: corporal, vincular, erótico, ético e cognitivo.

Nos grupos de 2º ESO os contidos tratados foron as relacións dende o botrato, porque a tratar(nos) ben tamén se aprende, a autoestima e o autoconcepto, a imaxe corporal e a construción do ideal de beleza, a pegada na rede e a (in)formarnos para usar as redes sociais entre “gamers” e “influencers”.

En 3º ESO abordouse o sexo, sexualidade(s) e eróticas, a saúde sexual e reprodutiva e o desexo, o pracer e a satisfacción.

Por último, co alumnado de 4º da ESO tratouse a temática do autocoñecemento para o benquerer, a(s) violencia(s), acoso(s) e agresión(s), os mitos e a verdade, como identificar o maltrato, e na última sesión, baixo o título “Movendo os marcos do amor” abordouse o amor rebelde para construír o modelo de amor e como deconstruír os mitos do amor romántico.

Os obradoiros desenvolvéronse en tres sesións de dúas horas en cada nivel educativo.

As persoas que impartiron estas xuntanzas, todas elas educadoras sociais con ampla formación en xénero, diversidades, educación emocional, etc, traballaron desde o afastamento da pedagoxía do medo e promoveron unha pedagoxía do pracer co fin de mostra o sexo e a sexualidade dende unha dimensión humana, sen violencias nin riscos, facilitando a intervención do alumnado en dinámicas de gran e pequeno grupo.

 

Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos das charlas.

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA VÉN DE GAÑAR O PREMIO Á PONENCIA MÁIS INNOVADORA DO IV CONGRESO DE JÓVENES EXPERTOS DE PONFERRADA

Na mañá deste martes, día 14 de febreiro, o alumnado de 4º ESO da materia de Cultura Científica, acompañados pola súa profesora de Bioloxía, Sabela Domínguez, e a directora, Carmen Gamarra desprazáronse ata Ponferrada para participar no IV CONGRESO DE JÓVENES EXPERTOS que organiza La Fábrica de Luz, Museo de la Energía, La Fundación Ciudad de la Energía, a Universidade de León e o Centro Asociado da UNED de Ponferrada.

Este congreso está enfocado ao obxectivo do desenvolvemento sostible (ODS)12 sobre o consumo responsable e a sostibilidade.

Nesta IV Edición do Congreso participaron sete centros escolares de varias Comunidades Autónomas como Andalucía, Castela e León e Galicia.

O alumnado analizou o impacto que a industria téxtil provoca no medioambiente, e foron India López e Diego Nogueiras os que expuxeron no IV CONGRESO as conclusión do seu traballo “La otra cara de la industria textil”.

Para este traballo o alumnado xunto coa súa profesora, Sabela Domínguez, realizou unha enquisa entre todo o alumnado do IES sobre os hábitos de emprego da roupa e elaboraron unhas infografías moi ilustrativas da súa investigación.

O resto do alumnado de 4º ESO seguiu a exposición do Congreso a través de YouTube.

Enlace á publicación de El Bierzo Noticias.

 

Parabéns a todo o alumnado de Cultura Científica de 4º ESO, e dun xeito especial, a Diego Nogueiras e India López por defender o seu traballo no Campus de Ponferrada da Universidade de León.

Deixámosvos algunhas fotografías.

Fai clic aquí ou na imaxe para ver o resto de fotografías.

 

Powered by Drupal - Design by artinet