DURANTE DÚAS SEMANAS O ALUMNADO DE 2º, 3º e 4º ESO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU A DIFERENTES CHARLAS IMPARTIDAS POLO CIM DO BARCO DE VALDEORRAS

Durante as últimas dúas semanas o alumnado de 2º , 3º e 4º ESO participou en diferentes sesións formativas sobre prevención da violencia de xénero a través da educación afectivo-sexual.

Estas charlas foron promovidas pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) do concello do Barco de Valdeorras, grazas ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Consideramos que é fundamental falar de sexualidade porque cada un/unha de nós temos unha sexualidade única, e temos que tratala dende unha visión integral e biopsicosocial xa que está conformada por distintos compoñentes: corporal, vincular, erótico, ético e cognitivo.

Nos grupos de 2º ESO os contidos tratados foron as relacións dende o botrato, porque a tratar(nos) ben tamén se aprende, a autoestima e o autoconcepto, a imaxe corporal e a construción do ideal de beleza, a pegada na rede e a (in)formarnos para usar as redes sociais entre “gamers” e “influencers”.

En 3º ESO abordouse o sexo, sexualidade(s) e eróticas, a saúde sexual e reprodutiva e o desexo, o pracer e a satisfacción.

Por último, co alumnado de 4º da ESO tratouse a temática do autocoñecemento para o benquerer, a(s) violencia(s), acoso(s) e agresión(s), os mitos e a verdade, como identificar o maltrato, e na última sesión, baixo o título “Movendo os marcos do amor” abordouse o amor rebelde para construír o modelo de amor e como deconstruír os mitos do amor romántico.

Os obradoiros desenvolvéronse en tres sesións de dúas horas en cada nivel educativo.

As persoas que impartiron estas xuntanzas, todas elas educadoras sociais con ampla formación en xénero, diversidades, educación emocional, etc, traballaron desde o afastamento da pedagoxía do medo e promoveron unha pedagoxía do pracer co fin de mostra o sexo e a sexualidade dende unha dimensión humana, sen violencias nin riscos, facilitando a intervención do alumnado en dinámicas de gran e pequeno grupo.

 

Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos das charlas.

Powered by Drupal - Design by artinet