O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA CELEBROU O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Seguindo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) o alumnado do IES Martaguisela celebrou o 23 de febreiro, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO, co gallo do 186 aniversario do seu nacemento.

O lema deste ano é #cumpriuseaxustiza, así que dende o departamento de Lingua Galega xunto coa Biblioteca e Dinamización Linguística do IES Martaguisela, despois de lermos o poema “A xustiza pola man” da nosa escritora pedímoslle ao alumnado que escribise e describise as inxustizas do mundo que nos rodea dándolle forma de caligrama, poema, pensamento, ensaio, microrrelato, etc.

Proporcionámoslle os exemplos da AELG que consistían en recoller información sobre diferentes organismos ou ONGs que traballan para denunciar e combater as inxustizas ou asociacións que traballan con mulleres que sufriron violencia ou mesmo recoller diferentes imaxes de conflitos bélicos actuais, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, da suba dos prezos da enerxía, do diesel, da vivenda, dos produtos alimentarios, etc e que fixesen unha colaxe coa pregunta “Que diría Rosalía?”

Pedímoslle que deixasen voar a súa imaxinación e a súa creatividade. O resultado foi moi satisfactorio.

Deixámosvos algunhas fotografías dos seus traballos.

 

Powered by Drupal - Design by artinet