Skip to Content

O IES de Foz colle ideas de Alemaña para a FP

A directora do IES de Foz, Leticia Maseda, e a xefa de departamento de hostalería, Ana Alonso, estiveron visitando moitos centros de FP Dual en Alemaña. O que máis as impresionou foi a OSZ Gastgewerbe Brillat Savarin, o único instituto de hostelería de Berlín. Algúns datos interesantes son:

- Ten 5.000 alumnos. Chegou a ter 7.000.

- O alumnado está unha semana na escola e dúas semanas na empresa durante tres anos, xa que esta forma de traballar, a dualidade, é a base da FP Dual alemana. 

- É o alumnado o que empeza buscando a empresa para traballar e xa cun contrato achégase á escola para aprender aqueles módulos máis teóricos.

- Un 80% do alumnado remata traballando na mesma empresa na que fai as prácticas.

          

O IES de Foz participa nun intercambio cun instituto de Villemandeur, de Francia

Un grupo de estudantes do Collège Lucie Aubrac de Villemandeur pasou unha semana con alumnado de 3º de ESO do IES de Foz. Realizaron diferentes actividades como unha visita á lonxa de Burela, á fábrica de Sargadelos ou a Santiago de Compostela.

Alumnos e alumnas de Foz devolverán a visita á vila frances de Villemandeur.

          

Como unimos wifi, chocolate e buracos negros?

O investigador da Universidade de Vigo Felipe Gómez Cuba impartiu no IES de Foz unha charla co título 'Wifi, chocolate e buratos negros'. Antigo alumno deste centro, enxeñeiro de telecomunicacións e notable investigador, desenvolveu a súa labor antes de volver a Galicia en Nova York, Roma, Washington ou Padova. Asistiron alumnos de 1º de Bacharelato de ciencias así como un grupo de 1º de ESO.

Disertou sobre varios temas que ó longo da charla foi relacionando:

- Que son os buratos negros e a dificultade para poder ser fotografados.

- A transmisión da enerxía a través das ondas e conceptos físicos relacionados con estas como o período e a frecuencia.

- E finalmente, como construír dunha maneira bastante simple un amplificador de sinal wifi a partir dunha lata de chocolate.

         

O alumnado recibe información sobre o traballo nos paradores

O director do Parador de Ribadeo, Antonio Graña, e o seu maître, Alejandro Lara, viñeron ao IES de Foz para explicar ao noso alumnado a historia de paradores, as posibilidades de traballo e como poder optar ás ofertas de emprego que ofrecen.

            

Foz garda tesouros arqueolóxicos que o alumnado puido coñecer

O arqueólogo Roberto Bartolomé acudiu ao centro para falar co alumnado de 1º ESO sobre o seu traballo: onde a maioría vemos pedras ou restos minerais inservibles pode haber claves para entender civilizacións pasadas. Ademais, tamén lles explicou aos rapaces e rapazas diferentes lugares de Foz que estiveron habitados no pasado como o castro de Fazouro ou o castro de Nois. Algúns deles están sendo estudados.

         

O IES de Foz acolle a celebración do campionato de baristas e cata de café

            

Os campionatos de baristas e cata de café do IES de Foz celébranse dende o mércores 21 ata o venres 23 de febreiro no IES de Foz. Trátase da decimosexta edición do campionato de baristas, o decimoprimeiro campionato de cata e o décimo campionato de baristas profesionais.

Pero todo isto non é traballo dun só día, nin dunha soa persoa. Dende o IES de Foz sentímonos especialmente orgullosos da estreita colaboración que establecemos con toda a contorna na que traballamos, dende o IES San Rosendo de Mondoñedo -que elabora os centros de mesa- ata a ACIA Foz-Cca -que organiza un sorteo, aproveitando o campionato, entre todos aqueles clientes que degusten café na hostelería local-. Tamén colaboran diferentes Administracións Públicas.

O evento comezará o mércores ás 16.30 horas coas primeiras intervencións e remata o venres co Campionato de Profesionais. Seguimos co formato usado nos últimos anos: celebración no salón de actos do centro, degustación na nosa furgoneta no exterior do salón e, como novidade este ano, poderase probar o café que elaboren os participantes trala súa intervención. Ademais, nesta edición contamos coa colaboración da Organización de Productores Pesqueros del Puerto de Burela que en alianza coa Asociación de Cociñeiros de Lugo elaborarán receitas con peixe durante a degustación do xoves.

Polo IES de Foz participarán Carmen Barba, na modalidade de Campionato de Cata, e Javier Carreño, na modalidade de Baristas de escolas. Desexámoslles toda a sorte do mundo e, sobre todo, que a experiencia lles sirva para enriquecer e completar a súa formación.

Por último, dar as grazas a toda a comunidade educativa do IES de Foz que colabora xenerosa e activamente para que sexa un éxito, dende o alumnado e profesorado ata o persoal de limpeza, conserxes...

A profesora Celia Río conta a súa experiencia nun intercambio en Canadá

A xefa do Departamento de Inglés do IES de Foz, Celia Río, contou a sua experiencia como participante do programa Piale da Consellería de Educación. Un grupo de profesores e profesoras acudiron á charla na que falou sobre todo o que aprendeu durante a súa experiencia nun centro educativo en Toronto, en Canadá, o pasado mes de novembro.

A charla estivo acompañada de moito traballo por parte do alumnado de Hostelería, que elaboraron unhas tortiñas de sirope de arce moi típicas de Toronto.

                                 

Os profesores Carlos Pérez e Sindo Martínez, de formación en Canarias

Dous profesores do IES de Foz acudiron ao Centro Integrado de Formación Profesional San Cristóbal, de Las Palmas de Gran Canaria, para afondar na súa formación cun curso sobre cociñas do mundo. O profesor técnico de Servizos de Restauración, Carlos Pérez, e o profesor técnico de cociña, Sindo Martínez, acudiron a esta iniciativa.

Ambos os docentes teñen pensado pór en práctica en canto volvan todo o aprendido nas cociñas do IES de Foz.

               

                       

Premios para as mellores tarxetas do Nadal

Os premiados no 'Concurso de tarxetas para felicitar o ano novo 2024', promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Foz, recibiron os premios nun acto na biblioteca do centro.

Xiana Rei, gañadora do primeiro premio, xunto a Manuela Quinto, Guillermo Lestegás e Fernando León Cosme, estes con tres mencións especiais, recibiron o seu obsequio da man de membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

               

O corte de xamón de castañas, toda unha arte

O alumnado de Hostalería do IES de Foz gozou das habilidades de Manuel Novas como cortador de xamón. Este especialista, que traballa na empresa Coren, deu unha charla ao alumnado sobre a técnica e a mellor maneira de realizar este complicado labor.

                

Distribuir contido


by Dr. Radut