Skip to Content

Festa da Candeloria

Achégase febreiro, o mes do entroido, da benvida á primavera e, como non, do amor; así que, como todos os anos, celebraremos a nosa festa da Candeloria, a voda dos paxariños!
“O meu corazón che mando
cunha chave para o abrir,
nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir”
 
Fagamos un pouco de historia... O 2 de febreiro é o verdadeiro día do AMOR, a Candeloria. Na cultura popular galega, a tradición simboliza nese día a festa do amor e do apareamento en todo o reino animal, terminan as xaneiras e seica os paxariños casan. Antano os mozos deixaban unha notiña de amor na soleira da súa namorada e as mozas bordaban un paniño con coplas que se ofrecían ao seu amor. Este costume aínda se conserva no norte de Portugal nos “lenços dos namorados”. Ademais, na Candeloria tamén se lle dá a benvida á primavera, como reflicten os nosos refráns:

Día da Candelora, inverno fóra. Se chove ou venta, aínda entra.

Que a Candeloria chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar.

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega "O Chafarís" queremos recuperar os vellos e belos costumes, así que a caixa da Candeloria do vestíbulo agardará con devezo as vosas achegas desde o 2 ao 12 de febreiro. Escribe cantas mensxes de amor queiras, en catro versos seguindo o modelo das nosas coplas populares, e indicando o teu nome e curso. Haberá premios para as mellores coplas; anímate e participa!



book | by Dr. Radut