Skip to Content

QUIROGA- COUREL- RIBEIRA SACRA

QUIROGA- COUREL- RIBEIRA SACRA

  Os días 5 e 6 de abril de 2018, os alumnos de 2º curso de bacharelato, das materias de Xeografía, Ciencias da Terra e Bioloxía, participamos no Proxecto Terra, en actividades levadas a cabo na provincia de Lugo, en Quiroga, no Courel e tamén na Ribeira Sacra.

O primeiro día, nada máis chegar, visitamos o Museo Xeolóxico de Quiroga, onde vimos e nos explicaron a historia e formación das rochas e minerais da comarca, así como a evolución das distintas formas de vida ao longo dun período de máis de 650 millóns de anos. Rematando, na última sala, cos sistemas de explotación do ouro, ferro, lousa e antimon

 A continuación, antes do xantar, nos levaron ao Museo Etnográfico, que estaba mesmo xunto ao Albergue. Alí nos falou unha muller do lagar, das albarizas, do viño, as castañas e o mel, os produtos da zona e como se traballaron sempre. Vimos un muíño de aceite, un tear, unha carpintería, fragua, a lareira e os poucos utensilios que tiñan daquela nas casas; curioso como facían para ver sen luz eléctrica. Tamén estaban as maquetas da película “O apóstolo".

 Comimos na praza, diante do albergue, e xa saímos cara a Folgoso do Courel -ou Caurel, coma alí dín-. Ao baixar do bus, xa apareceu a neve; entón non pensamos que habería tanta. Xogamos con ela e nos tiramos bolas, mentras o guía nos dicía que se nos conxelarían as mans, que aínda quedaba moito camiño. O roteiro, de varias horas, remataba na lagoa de Lucenza, a onde non chegamos; pois foi un traxecto duro e agotador, con neve ata os xeonllos. Case todos caímos algunha vez. Hai rexistro fotográfico! Cambiamos pois de plan, e, chegado un punto, voltamos cara abaixo. Iso sí, a paisaxe era espectacular! O guía nos foi ensinando os restos de circos glaciais, moreas, soutos de castiñeiros e onde crecerían as orquídeas salvaxes. Ao final, nunha pequeña vila, vimos a casa de Uxío Novoneyra, nos sentamos no banco das tertulias; e terminamos falando cunha señora que nos fixo comprender a soidade dos poucos que alí viven. E xa collimos o bus para cear e durmir no Albergue de Quiroga.

 O segundo día, paramos no Mirador de Campodola. O guía nos falou da importancia deste pregamento deitado de Campodola- Leixazós, de como e cando se formou, da antigüidade das cuarcitas e lousas; e que está pendente da declaración de “Xeoparque” pola UNESCO. Tamén nos explicou que hai unha zona calcaria, de dolinas derruídas, onde a vexetación, moi abundante, creceu por todas partes; e alí fomos. Ao Val das Mouras. Digno dunha curtametraxe de duendes e fadas. Camiñamos entre a natureza, subimos, baixamos e nos metimos por entre as pedras, todo cheo dun musgo tan espeso coma nunca víramos. Inesquecible!

 Xantamos xa no Albergue e, pola tarde, ao catamarán de Doade, no río Sil, na Ribeira Sacra. Lástima que choveu, e poucos nos animamos a ir arriba. Dentro, non se escoitaba nada co ruído e tampouco se vía moito cos cristais empañados. Iso sí, asistimos ao concerto dunha Coral de Cantabria, que viaxaban con nós. E así, con música, rematou a viaxe.



page | by Dr. Radut