Skip to Content

Gañadores no concurso galego de Robótica

Parabéns ao noso alumnado de 1º do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións, tras obteren o 1º premio no "X Obradoiro e concurso galego de Robótica. A maxia da Robótica", na categoría de Bacharelato-FP.

Esta actividade -promovida por Igaciencia e desenvolvida en colaboración co servizo municipal de Educación do concello da Coruña- celebrouse ao longo desta semana no IES Ramón Menéndez Pidal e nel participaron máis de 1200 alumnos e alumnas dunha trintena de centros de toda Galicia. O obxectivo deste obradoiro de programación e robótica é conseguir que o alumnado participante adquira os conceptos computacionais básicos para comunicarse e saber como darlle ordes a un robot, e xestionar múltiples aspectos da vida cotiá, cunha aprendizaxe colaborativa que combina creatividade con pensamento algorítmico. Os premios aos gañadores entregáronse este venres 29 de novembro ás 17.00 horas no salón de actos deste centro coruñés. 

 

 

Noraboa ao equipo  gañador formado por Gabriel, Aarón, Ismael, Pedro Hermida e Pedro Rodríguez; aos seus profesores, Ricardo Santos e José Carlos García; e, como non, a tod@s os participantes na edición deste ano!

Resolta a convocatoria de bolsas Erasmus+ para Ciclos de FP

Resolta a convocatoria de bolsas de mobilidades para a realización da FCT por parte do alumnado de ciclos medios e ciclos superiores de FP.

Language Planning

Esta mañá acudimos co noso alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato ao Auditorio do concello de Nigrán para presenciar a peza Language Planning. Este espectáculo de Os Quinquilláns Teatro -en colaboración coa editorial Galaxia- mestura relatos de Made in Galiza, de Sechu Sende, con textos de Nuñez Singala, notas de humor retranqueiro e apuntamentos sociolingüísticos, para facernos reflexionar sobre a problemática diglósica que aínda sofre a nosa terra.

A partir dun leve fío argumental -a existencia, desde hai séculos, dun plan a grande escala conducente a roubarnos as palabras e a que deixemos de usar o galego-, esta montaxe teatral obríganos a tomar conciencia sobre os factores que poden incidir na desaparición da lingua, como a perda de falantes, a ruptura xeracional, a perviviencia dos prexuízos... Como podemos evitalo? Falando o galego sempre e en todos os ámbitos e, sobre todo, sentíndonos orgullosos de termos unha lingua de noso tan fermosa.

Matrícula 2º e 4º ESA

O prazo para matricularse en 2º e 4º da Educación Secundaria de Adultos será do 8 ao 17 de xaneiro de 2020.

En loita contra a violencia de xénero

Co gallo do Día Internacional contra a violencia de xénero, o noso centro vén desenvolvendo estes días diferentes actividades encamiñadas a sensibilizar o alumnado e conciencialo sobre a necesidade de erradicar os malos tratos que sofren as mulleres acotío.

Deste xeito, a semana pasada asistimos á perfomance de María Vallina, Anástrofe, co apoio do concello de Nigrán e da Deputación, e participamos no vídeo do Club Baloncesto Nigrán "Un balón por cada vítima". Elaboramos, así mesmo, un gran mural co título "Os nomes silenciados" en homenaxe ás máis de cincuenta mulleres asasinadas e aos seus fillos e fillas, tamén vítimas da violencia machista. Ademais, elaboramos e colocamos cartelería en cada recuncho do centro, e reflexionamos xuntos nas aulas.

Nos recreos da semana do 25-N leremos textos literarios dentro da campaña "Palabras que son berros" e proxectaremos audiovisuais co fin de seguir reivindicando o papel da muller na sociedade e a súa loita contra as inxustizas.

Con todo, o noso labor a prol das mulleres non rematará no mes de novembro, senón que desde o Equipo de Igualdade seguiremos deseñando iniciativas para visualizar unha lacra social que, por desgraza, vai en aumento, e asemade educando para que a nosa xuventude non mire cara a outro lado nos casos de violencia contra as mulleres...

Syndicate content


by Dr. Radut