Semana de cine en Galego

O día 5 de decembro, o IES do Camiño iniciou a  Semana de Cine en Galego. Este evento anúnciase desde hai semanas nos corredores do centro a través duns magníficos carteis creados polo alumnado de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato.

Ademais, elaboráronse uns trípticos que se lle serán entregados a cada alumno/a á entrada da sala de proxección e que conteñen información relativa á sinopse, datos técnicos, crítica de especialistas e espectadores, etc. No folleto hai tamén un espazo en branco para que cada escolar faga a súa propia valoración do filme.  

A primeira película que se proxectou é O monstro mariño, unha cinta de animación do estadounidense Chris Willians. Nela, uns épicos cazadores de monstros mariños sucan os mares na busca dos mesmos. Mais unha polisoa intrépida virá cuestionar a dicotomía bos/malos…, e moitas otras cousas. 

Continuando coas proxeccións cinematográficas da Semana de Cine en Galego, o alumnado de 3º, 4º ESO e 1º FP Básica viu o mércores Vilamor, unha película na que o seu director (Ignacio Vilar) recrea a historia da comuna hippie que se estableceu na zona da Fonsagrada nos anos 70 (xusto cando remata a ditadura). Un filme moi axeitado para reflexionar sobre cuestións plenamente actuais como o abandono do rural, a preocupación polo medio ambiente, o fenómeno okupa, o compromiso social, etc.

Despois da proxección, haberá, como sempre, cinefórum na clase de Lingua Galega.

Para rematar a Semana de Cine en Galego deste ano, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu o venres 9 á proxección de Elisa e Marcela, un filme de 2019, dirixido pola premiada Isabel Coixet.

 Aínda que transcorreron 121 anos desde que estas dúas mestras decidiron vivir o seu amor dun xeito libre (con dolorosas consecuencias para ambas), os insultos, discriminacións e agresións ao colectivo LGTBI están moi vivos na sociedade actual. De aí a necesidade de lembrar a aquelas que loitaron no seu día por un mundo inclusivo, polo pensamento libre e a xustiza igualitaria

Tamén despois de ver esta cinta haberá cinefórum na clase de Lingua para facer unha reflexión colectiva sobre a mesma.

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Semana de cine en Galego