NOVAS
ESTAMOS DENTRO!
Comezamos un novo curso e queremos darvos a benvida a todos e a todas.
Esperamos que este curso veña cargado de proxectos emocionantes.
Hoxe saíu a resolución do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
ELAS SEMPRE LEVAN O 8
Hoxe o alumnado de 2º de ESO desprazouse a Casa da Cultura de Pontedeume para participar nun videoforum sobre a igualdade e o deporte.
Baixo o título “Elas sempre levan o 8”, Joshua Dopico López (Concelleiro de deportes), Óscar Losada Castro (director de las revistas deportivas “O Dez” e “Zona Press”) e Carlos Castro Pinhão (director da revista de fútbol feminino) analizaron, xunto ao alumnado do noso IES, a discriminación e a desigualdade que sufriron e seguen padecendo as mulleres no mundo do deporte.
O ALUMNADO DE 1º DE BACHARELATO INFÓRMASE SOBRE A ENERXÍA NUCLEAR
Coa escaseza cada vez maior de reservas de combustibles fósiles, estanse a formular unha serie de alternativas para satisfacer a cada vez máis importante demanda de enerxía por parte do ser humano. Unha das posibilidades é a utilización de enerxía nuclear, unha enerxía que non ten moi boa aceptación por parte da opinión pública. Nesta charla divulgativa expuxéronse as principais vantaxes e problemas da utilización deste tipo de enerxía co fin de que o alumnado teña unha idea global e poida opinar por si mesmo se é ou non unha aposta segura.
O ALUMNADO DE 4º DE ESO FÓRMASE EN GASTRONOMÍA MOLECULAR
O obxectivo principal da charla foi amosar unha cociña coma un laboratorio de investigación, con explicación sobre as principais transformacións químicas que teñen lugar nunha cociña de maneira sinxela.
Cando cociñamos os alimentos, estes (reactivos químicos) sofren cambios físicos (cambios de estado, color, peso) e cambios químicos (cambios de composición) debido aos diferentes procesos aos que están sometidos: pelado, cortado ou cocción entre outros.
21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA
No IES Breamo celebramos o día da poesía lendo un manifesto de Fran Alonso en todas as aulas: este manifesto pon en valor este xénero literario desde un punto de vista que se achega aos adolescentes.
Ademais, en colaboración co Concello de Pontedeume e acompañados doutros centros do noso pobo, o alumnado de 1ESO participou no recital de poesía e sementou os seus poemas.
VICTORIA ANA RODRÍGUEZ BELLÓN DO IES BREAMO PREMIADA NO XVIII CONCURSO LITERARIO RITA SUÁREZ AMADO.
A edición número dezaoito do citado concurso literario organizado polo IES Eusebio da Garda premiou a once alumnos e alumnas de diferentes centros educativos.
Victoria que se sinte inspirada para escribir por outras mulleres (sobre todo as da narrativa inglesa contemporánea) presentouse ao certame coa súa obra A Fuga, que trata dunha muller, Eva, que aparece nunha habitación pintando un retrato vangardista por encargo. Tras decatarse de que a súa infancia está vertida no lenzo en forma de trauma, descubre que a pintura serve de vía de escape, “a fuga” dos seus pensamentos nunha realidade supramental que supera todas as emocións que podería conter dentro de si.
Victoria, estudante 2º de BAC e que ten pensado cursar os estudos universitarios de comunicación audiovisual, coméntanos que nestes momentos aproveita o seu “hobbie”, a escritura, como unha “fuga” persoal neste curso tan intenso.
VISITA DA ESCRITORA ANDREA MACEIRAS
A escritora Andrea Maceiras estivo hoxe co alumnado de 4ºESO do IES Breamo, para falar dos deus libros, que leron os alumnos e alumnas previamente: Que me pare o corazón se te esquezo e O que sei do silencio.
Foi un encontro gratificante, posto que a historia que se propuxo para ler foi máis alá das páxinas, para brindarlle ao alumnado a oportunidade non só de responder dúbidas, senón tamén de coñecer máis aspectos que os propiamente escritos no libro.
SOPORTE VITAL BÁSICO (SVB)
O Concello de Pontedeume en colaboración co Centro de Saúde desenvolveu no noso IES un taller de soporte vital básico para o alumnado de 4º de ESO.
O obxectivo centrouse en identificar se unha persoa está en situación de parada cardiorrespiratoria e, se así fose, realizar manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP).
PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO DE 1º E 2º DE ESO NA OLIMPIADA DO COLEXIO DE ENXEÑEIROS DE CAMINOS
Á chegada á Escola de Camiños, Canles e Portos, había unha recepción no salón de actos aos 14 equipos participantes de centros de toda Galicia. Tras unha explicación por parte de Victor Barrientos, organizador e Xefe de Estudos da escola, os nosos dous equipos ("As Fragas" e "Eume") realizaron a primeira das probas consistente na construción dunha presa de materiais soltos con 1 quilo de arxila, 2 quilos de area e 2 quilos de grava miúda. Dispoñían dun máximo de 5 minutos para construíla con dous condicionantes, unha altura mínima e que filtrase a menor cantidade de auga posible. O equipo Eume, realizou unha gran proba aforrando moito material e cunha mínima filtración que o colocou nos postos dianteiros.
A continuación, repartíronse os equipos nas probas restantes entre as que había que construír a ponte de Leonardo Da Vinci con listóns de madeira, a resolución dun quebracabezas con seis imaxes de obras civís, a repartición de colectores entre cinco cidades mediante un camión teledirixido e a resolución dun xogo de simulación por computador de construción de pontes con diferentes materiais, onde os nosos dous equipos ocuparon as posicións máis altas da clasificación da proba.
Unha vez feito o reconto de puntos por parte da organización, o equipo "As Fragas" obtivo o segundo posto na Olimpíada. Pero o máis importante foi a convivencia con estudantes doutros centros e gozar dunha mañá onde puxeron en práctica o aprendido estas semanas, demostrando a súa capacidade de aprendizaxe, colaboración e compromiso co equipo.
Parabéns!
VISITA AO IES BREAMO DE XULIA LAGO
Hoxe tivemos a sorte de ter con nós a Xulia Lago. Esta ilustradora recibiu o Premio Castelao polo seu libro Nós Seis: nel, recrea a infancia da súa avoa, que tamén estivo con nós na biblioteca do IES Breamo, relatándonos como viviu a época franquista nun internado, como foi deixar Ferrol e tamén deixándonos unha bonita reflexión das dúas xeracións que se entrelazan no libro: avoa e neta.
"CONSUMO CERO"
Clases sen fume para os alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO.
Estamos a desenvolver un programa, organizado polo Servizo Galego de Saúde en colaboración coa Consellería de Educación (Plan Proxecta), de prevención do consumo do tabaco onde o alumnado e profesorado debe manter o compromiso de non fumar. Este programa trata de reforzar a confianza nun mesmo e nos demais, ao tempo que utiliza charlas e probas de “cooximetría” por parte de equipos sanitarios do SERGAS e diferentes concursos como incentivo.
O programa tamén dá a posibilidade de participar ás persoas do entorno familiar e así trasladar os beneficios de non facelo e de insistir na importancia dos "hábitos de vida saudables".
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »