Skip to Content

Benvida

XORNADA DE CONVIVENCIA EN INFANTIL

O pasado mércores 12 de xuño de 2024, recibimos aos cativos da casa niño "Raíces e Brotes" de Xinzo de Deva.

Os nenos e nenas do cole acolleron con grande entusiasmo aos seus futuros compañeiros e compartiron xogos e actividades na clase de Infantil, na biblioteca dos Mouchiños, na aula de psicomotricidade e no patio. Ata o 11 de setembro para o próximo reencontro!


 

PIRAGÜISMO EN MUÍÑOS

O venres 7 de xuño de 2024, os rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria viaxaron ata o encoro das Conchas no municipio de Muíños para participar nunha xornada de deporte escolar organizada por XOGADE.

Alí, xuntáronse con outros nenos e nenas de coles da contorna e realizaron estas dúas actividades por equipos: unha carreira Gladiador onde tiveron que superar varios obstáculos e un paseo en piraguas polo encoro! Acabaron cun ben merecido baño despois de tanto esforzo!

PROXECTO VOLUNTARIADO MIÚDO

O luns 3 de xuño de 2024, tivemos a visita de Ramón, traballador social da Consellería de Política Social e Xuventude, que organizou un obradoiro para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria.

Os nenos e nenas participaron en varios xogos cooperativos que pretendían mesturar diversión, valores do voluntariado e da solidariedade e recordar todas as actividades en relación co proxecta de "Voluntariado miúdo: móvete" que se realizaron ao longo deste curso. Ao final da actividade, recibiron un diploma pola súa xenerosa participación nas accións solidarias realizadas dende o centro.


MENÚ DE XUÑO DE 2024

UN DÍA POLA RIBEIRA SACRA

O venres 31 de maio de 2024, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria estivo de excursión na Ribeira Sacra.

A xornada empezou coa visita do mosteiro de San Pedro de Rocas. Despois dunha pequena ruta de sendeirismo polo Camiño Real, o grupo dirixiuse ata o mosteiro de San Estevo de Ribas do Sil e acabou descubrindo o canón do Sil desde un catamarán.

Un día moi completo cheo de sorpresas e de diversión!

 

DÍA DAS LETRAS: XINCANA E XOGO DE ESCAPE DE LUÍSA VILLALTA

Este ano celebramos as Letras cunha xincana e con varios xogos de escape sobre a vida e a obra da autora homenaxeada, e escritora, música e profesora Luísa Villalta.

O alumnado de Primaria fixo unha xincana percorrendo o centro, na procura da información agochada sobre a escritora coruñesa. Mentres, o alumnado de Secundaria realizou varios xogos de escape en liña onde aprenderon unha chea de datos relevantes sobre Luísa Villalta.

Sobre estas liñas tedes unha imaxe dos intrépidos investigadores de 5º e 6º, tomada cando ían percorrendo o centro na procura da información agochada sobre a autora homenaxeada neste Día das Letras 2024.

O alumnado da ESO celebra maio co proxecto "Poesía Xeolocalizada"

O alumnado da ESO celebrou o Maio con Poesía Xeolocalizada, un proxecto desenvolvido dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o Departamento de Lingua Galega.

Durante o mes de maio fomos compartindo no blog Padrenda Fala (blog do EDLG), diversos poemas xeolocalizados nos concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada ou Crecente... A rapazada da ESO tomou unha fotografía nun lugar concreto, o seu favorito, e acompañouna dun texto poético propio, relacionado con ese lugar. 

Finalmente, compartiu connosco as coordenadas deste poema e desta imaxe, para que poidamos visitar este lugar tan especial cando desexemos, e compartir o que para elas e eles significa.

Eis unha mostra do traballo da rapazada:

Se queredes botarlle unha ollada aos poemas, podedes velos entrando no blog Padrenda Fala neste enlace, ou no banner da dereita desta web, facendo clic no de "Equipos de Dinamización da Lingua Galega".

Benvidas e benvidos á poesía xeolocalizada!

 

DÍA DAS FAMILIAS

O pasado mércores, 15 de maio de 2024, celebramos o Día das Familias co noso alumnado de Infantil e Primaria.

Os cativos e as cativas prepararon unhas saborosas madalenas caseiras que levaron para a casa nunha bolsa decorada con agarimo por eles/as mesmos/as.

VISITA Á GRANXA-ESCOLA KIRIKO

O pasado martes, 28 de maio de 2024, o alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria gozou dunha xornada en contacto coa natureza na granxa-escola Kiriko en Fornelos de Montes.

Algunhas das actividades da axenda da visita incluían: coidar e alimentar os animais da granxa, visitar a incubadora, muxir a vaca Olivia, etc

Pasárono en grande!

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut