Skip to Content

Novas

VIAXE A BARCELONA

O alumnado de 4º da ESO estivo en Barcelona do 11 ao 14 de abril de 2024 co motivo da súa viaxe de fin de etapa.

Visitaron os barrios de Gràcia, Gótico, La Barceloneta, El Raval...; viron a Sagrada Familia, o acuario, o zoo, o Parque Güell; e fixeron unha ruta polas obras máis emblemáticas de Gaudí.

 

ADMISIÓN ALUMNADO CURSO 2024-2025

TODO O ALUMNADO QUE SOLICITOU PRAZA NO NOSO CENTRO PARA O CURSO 2024/2025

ESTÁ ADMITIDO.

 

ENCONTRO INTERXERACIONAL

O luns 15 de abril visitamos a Residencia "Nosa señora do Socorro" de Arnoia para unha xornada de convivencia cos nosos maiores. O alumnado de primaria e ESO cantaron unhas cancións tradicionais animando aos usuarios da residencia e organizaron distintos xogos (de mesa, de lanzamento, de retos...) que tiveron moi boa acollida.

Quedamos moi agradecidos/as, especialmente co persoal da residencia que se implicaron no desenvolvemento de todas as actividades.

 

 

Ademais, tivemos a oportunidade de gozar das vistas dende o mirador e de xantar e xogar no centro social de Arnoia para rematar esta xornada.

DESCUBRIDE AS ACTIVIDADES DO NOSO CLUB DE CIENCIAS

Ao longo do curso, o noso alumnado participa activamente nas sesións mensuais do noso Club de ciencias Antonia Ferrín Moreiras. Podedes ver todos os experimentos que realizan os nosos futuros pequenos científicos e científicas no blog accesible desde esta mesma imaxe:

 

A NOSA DIVERSIDADE

Ao longo dos meses de abril e maio de 2024, todo o alumnado do centro participará no ciclo de charlas organizado polo Departamento de Orientación baixo o título "A nosa diversidade". César e Cristina, da cooperativa "Leirar na leira" de Pontedeva, animarán estes talleres desde Infantil ata 4º da ESO.

Diversidade corporal e familiar, autoconcepto, identidade, bo trato, educación afectivo-sexual son algúns dos temas que se van debatir nas aulas.

DÍA DO AUTISMO

O martes 2 de abril celebramos no centro o Día Mundial de Concienciación sobre Autismo. Este ano o lema é : "Autismo preto de ti".

Elaboramos un mural para conmemorar este día con fotos do noso alumnado e con frases significativas que nos axudan a comprender mellor as persoas con autismo. Deste xeito queremos expresar o noso compromiso para avanzar cara á un futuro máis xusto para as persoas con TEA e as súas familias.

CONVIVINDO COA DIVERSIDADE

O mércores 13 de marzo a asociación Aixiña xunto con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) invitáronnos ás súas instalacións. Alí, tivemos a sorte de escoitar o relato de Camila, Lalo, José Manuel e Carlos que nos explicaron os retos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade. Ademais, José Manuel (deportista paralímpico en Londres e Brasil) xunto con Elena ensináronnos o xogo do Boccia, un deporte moi difícil e que eles practican á perfección. 

Todo o alumnado de Padrenda participou activamente nas distintas actividades propostas e volveron encantados por esa experiencia única!

 

TEATRO EN OURENSE

O martes 12 de marzo de 2024 os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria asistiron a unha obra de teatro no auditorio de Ourense. A compañía "Os náufragos" interpretou Hugo que obtivo o Premio María Casares ao mellor espectáculo para público infantil e familiar no 2022.

Esta obra aborda o tema do trastorno autista na infancia dende a empatía, a sensibilidade e a beleza de ser diferentes.

Despois da sesión teatral, houbo tempo de pasear polo casco vello de Ourense e descubrir a catedral e as Burgas.

Un día cheo de cultura e diversión!

 

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O venres 8 de marzo de 2024 o alumnado rendeu homenaxe a unha chea de mulleres importantes nas súas vidas a través destas pegadas expostas no vestíbulo do centro. 

 

XOGOS POPULARES NO COLE

O martes 5 de marzo de 2024, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria participaron nunha xornada de xogos populares organizada pola asociación XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en idade Escolar).

O responsable da actividade, Lito, ensinoulles distintos xogos tradicionais da nosa provincia como por exemplo: a porca (ou pino), o chourizo envelenado, o submarino e o cazador

Foi unha mañá moi entretida onde a rapazada coñeceu un pouco máis das tradicións da súa contorna.

Distribuir contido


by Dr. Radut