Skip to Content

Historia

HISTORIA DO CENTRO E DA ZONA

O CENTRO

O noso centro ten unha historia relativamente recente. Naceu no curso 1980-81 como Colexio de Educación Xeral Básica (EXB).

Nos primeiros anos, a oferta educativa limitábase a etapa de Primaria e os alumnos de Preescolar (actual Infantil) estaban escolarizados nas escolas unitarias da comarca.No curso 1983-84 engádese este nivel educativa.

No curso 1997-98 o centro transfórmase no actual CPI coa incorporación dos estudos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO). Constitúe o único centro educativo do concello, e a súa oferta educativa abarca os ciclos de ensinanza Infantil, Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria. 

 

A LOCALIDADE

 

PREHISTORIA E HISTORIA ANTIGA

Hai indicios de asentamentos megalíticos con túmulos sepulcrais en torno ao río Miño (3000-2000 a.C.).

Hai asimesmo restos da explotación de estaño en época prerromana e de catro castros: dous deles sitúanse entre Ponte Barxas e Desteriz, próximos á confluencia dos ríos Miño e Barxas; o terceiro na Serra do Castelo, preto de Gorgua; e o cuarto no lugar de Os Castros (A Torre), nas proximidades do río Deva. Os castros, recintos fortificados da Idade do Ferro, estiveron habitados polos coelerni, tribu protohistórica con centro en Coeliobriga (Castromao, en Celanova).

En Crespos apareceu unha lápida romana adicada a Xúpiter, e en Fonteiriña unha ara, tamén con epígrafes, que testemuña o culto ás divinidades do panteón romano.

 

IDADE MEDIA

Desteriz e Esmoriz son topónimos derivados da época sueva. Hai en Padrenda outras aldeas de orixe medieval, tales como As Vendas e Vilar. No século XI, o mosteiro de Celanova tivo aquí importantes tenencias.

No século XII, Padrenda sufriu as consecuencias das contendas bélicas entre Galicia e Portugal coa independencia deste último, e dende entón vivirá nun enclave fronteirizo con quilómetros de "raia seca" (cumios de O Leboreiro-Pena Rubia ao sur) e e "raia húmida" (río Barxas cara ao oeste). Debido a estas pugnas, fortificouse o Alcázar de Milmanda que afianzou o seu poderío nesta demarcación.

No século XIII, a abadesa do mosteiro bieito de Ramirás -que mercara herdanzas en Padrenda no século XII- preitexou con Celanova, facendo valer os seus dereitos sobre as posesións de Grixó, A Torre (na marca de "A Chantría") e de Melgaço, os campesiños das cales pagaban polo uso de "aguas e carreiras e intradas e saydas", tamén polas casas ("domos et chousam") e por "cortiñas e árboles, eira, nabal".

Neste século abundan os foros perpetuos, dada a prosperidade económica, pero no século XIV escasean debido ás epidemias (Peste Negra), crises políticas, revoltas e conflitos bélicos.

Os veciños de San Pedro de A Torre, vasalos de Ramirás, propuñan a abadesa a un xuíz ordinario anual (de San Pedro a San Pedro). Ademais O Condado pertenceu aos cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén (Hospitalarios) que tiñan unha comunidade en San Munio da Veiga (A Bola) preocupada pola construción de hospitais (caso de Portela, en Verea).

 

IDADE MODERNA

Nos séculos da Idade Moderna, Padrenda pertencía á xurisdicción de Milmanda -do marquesado de Malpica- castelo que recuperou a súa misión de fortín fronteirizo durante as guerras hispano-portuguesas dos séculos XVII e XVIII. Padrenda sufriu antes que Milmanda -tomada polos lusos en 1701 durante a guerra de Sucesión ó trono español- as incursións e os ataques dos portugueses. Ademáis, a posterior prohibición do comercio e comunicación con Portugal agravou a xa delicada economía desta zona, baseada nos novais (millo e pataca), a vide -que gozou de gran difusión e comercialización nos séculos XVIII, XIX e comezos do XX- e a gandería. A pesares desto, o camiño de Ponte Barxas a Sao Gregorio e Melgaço foi moi transitado, e o contrabando, favorecido pola extensa e accesible fronteira, reportou cuantiosos beneficios. No século XVIII a freguesía de A Torre seguía baixo autoridade de Ramirás.

 

IDADE CONTEMPORÁNEA

A principios do século XIX distinguimos dous concellos: A Torre e Desteriz, do partido xudicial de Bande (onde continúa actualmente o municipio, a pesar de non ter límite con el).

Dende 1836, e xa unificado, o concello aparece indistintamente cos nomes de Padrenda ou Milmanda, posiblemente porque agora todas as súas parroquias son competencia de Milmanda, agás Monterredondo.

Xa no século XX, Padrenda -ou Milmanda- concentra a súa poboación nos vales norteños dos ríos Miño, Barxas e Deva, con numerosos socalcos, sendo Ponte Barxas o núcleo máis destacable grazas aos servizos que xerou a súa alfándega.

Tamén crease a parroquia de Gorgua -vinculada a Celanova e Bande- que reagrupa cinco aldeas, antes de A Torre.

A emigración foi moi forte e proporcionou cuantiosas remesas, algo que tamén sucedeu co contrabando de gando, café, plátanos, etc. É importante o desenvolvemento gandeiro e forestal, a explotación de granito e a producción eléctrica do embalse de A Frieira (que envía enerxía a Portugal, Baixo Miño e Vigo).

 

Ligazóns de interese:

www.padrenda.org

 

Distribuir contido


by Dr. Radut