AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR, FONDO SOLIDARIO E BANCO DE LIBROS DA ANPA

No DOG de hoxe 21 de maio de 2018 publícase a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2018/2019.

No curso 2018/2019 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. En 1º e 2º de educación primaria haberá as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado en toda a Educación Primaria.

Os requisitos e termos da convocatoria poden consultarse no taboleiro de anuncios da entrada do colexio, na web do centro e no portal da Consellería: http://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros   

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 22 de xuño de 2018, inclusive. As solicitudes presentaranse no centro onde vaian cursar estudios os alumnos no vindeiro curso 2018-2019 e será única para todos os fillos admitidos no mesmo centro.

No caso das axudas para a adquisición de libros de texto, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes para 1º e 2º cursos de Educación Primaria:

-Renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400,00 euros: 170 euros

-Renda per cápita familiar superior a 5.400 ata 9.000,00 euros: 90 euros

Para os efectos de renda terse en conta o exercicio fiscal do ano 2016 e para as circunstancias familiares a alegar serán a composición familiar a 31 de decembro de 2016.

No caso das axudas para a compra de material escolar destinado a alumnado matriculado en Educación Primaria, o umbral é a renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

Fondo público solidario. Será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros de texto.

A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro adquirirá os libros complementarios necesarios.

Banco de libros da Asociación de Nais e Pais. Para o alumnado que vaia cursar 3º e 5º de primaria o vindeiro curso, a ANPA conta con libros suficientes no seu Banco de libros. Ademais para aquelas familias que non se lles conceda libros a través do Fondo solidario en 4º e 6º cursos de Primaria (por superar os límites de renda) tamén hai libros da ANPA neses cursos que seguramente sexan suficientes. En breve a ANPA remitirá unha circular para explicar como acollerse ao Banco de libros.

Orde de convocatoria.

Solicitude: Anexo I e II.