Skip to Content

DLG

Galeconsello marzo 2020

Refrán 3

“ En marzo, saca a vella o refaixo”

Benvidos/-as a marzo! Dentro de moi pouco chega a primavera, e con ela engalánanse os prados e as árbores. Ademais, din que o sangue se altera e os namorados multiplícanse, será verdade? “Nin marzo con flores nin moza sen amores” di o noso refraneiro popular.

Pero o refrán que eliximos para estrear este mes di que en marzo a velliña saca o refaixo. O refaixo é unha peza de roupa interior de abrigo, que se poñía por debaixo da saia e tiña a mesma forma que esta. Servía para abrigar as pernas.

Pois chegado marzo, esperemos que o tempo nos permita facer como a vella, e o sol e a calor comecen a acompañarnos.

 

Feliz mes.

 





Autor da banda deseñada: Luís Caparrós

Fonte: http://culturagalega.gal/bd/extra_detalle.php?id=40

O SAN VALENTÍN GALEGO

Saúdos a todos e todas!

Parece que esta semana os corazóns están de celebración. Achégase San Valentín e o recendo do amor enche o aire.

Pero o certo é que en Galicia temos o noso propio San Valentín, e este xa se celebrou. A que non o sabiades?

Pois si, o día 2 de febreiro, xusto na metade do inverno e cando nos estamos a preparar para a chegada da primavera, di a tradición galega que é o día que casan os paxariños. A relixión católica converteuna no día da Candeloria. Así versa o noso refraneiro:

“Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra; cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”.

“A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”

 

Que viva o agarimo galego!

 

 

RECINOVA ENTROIDO 2020: OS VOLANTES

Galeconsello febreiro 2020

Refrán 2

 “NO MES DE FEBREIRO, SETE CAPAS E UN SOMBREIRO”

O refrán deste mes tamén ten que ver co tempo, máis en concreto coa climatoloxía. É verdade que durante febreiro podemos ver algún día de sol, e incluso notar algo de calor, xa que nos aproximamos á primavera (lembramos que o equinoccio é o día 21 de marzo).

 

Porén, este refrán recórdanos que, a pesar disto, non debemos esquecer que seguimos no inverno e, polo tanto, debemos arrouparnos ben.

 

CONCURSO: CREA A MASCOTA DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN!

Saúdos!

Dende o equipo de dinamización da lingua galega do Recimil queremos pedir un gran favor ao noso alumnado. A nosa mascota "Chinchirigal" non ten forma nin corpo. Podédesnos axudar?

Gústalle ler moreas de libros, fala galego, non entende outra lingua, baila muiñeiras e toca a gaita e a pandeireta. Aínda por riba énchese de caldiño polo inverno, e ten o azucre polas nubes de papar orellas de entroido.

Que serás serás Chinchirigal?

Un obxecto, un animal, ou unha persoa real?

 

O que vós vos imaxinedes! Sede orixinais, haberá premio para o gañador ou gañadora e o seu debuxo acompañaranos durante o curso.

 

 

Formato DIN A4 a cor. Data límite de entrega o 27 de marzo.

Galeconsello xaneiro 2020

Refrán 1

 

“O VINTE E UN DE XANEIRO, UNHA HORA POR ENTEIRO”

 

O noso primeiro refrán alude ao crecemento das horas de sol nos días a partir deste mes. Recordamos que, segundo a tradición popular, dende o 13 de decembro (santa Lucía), as noites fanse cada vez máis curtas e os días máis longos: “dende a santa Lucía mingua a noite e medra o día”.

Así que, xa sabedes. A gozar do noso astro.

 

O REFRANEIRO DO RECIMIL

 

Neste curso, e mes a mes, pretendemos crear un refraneiro compilando algúns dos ditos e refráns populares da nosa terra. Como xa sabedes, un refrán é un texto breve que nos permite coñecer o mundo xa que contén a experiencia de vida dun pobo e mostra unha parte moi importante do noso pasado a través da cultura oral. Estes textos transmitíanse de xeración en xeración ao longo de moitos anos. Recordade que, hai un tempo, a meirande parte da poboación non sabía ler. Por iso eran tan importantes os refráns e os diferentes textos de transmisión oral.

O equipo de dinamización da lingua galega do noso cole non está disposto a deixar que estes pequenos tesouros desaparezan. Fagamos que os nosos nenos e nenas teñan o privilexio de adquirir coñecementos do pasado histórico e cultural de Galicia dende as aulas e dende as súas casas.

Un cordial saúdo.

EDLG.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut