Skip to Content

DLG

Galeconsello xuño 2020

REFRÁN 6

Se San Xoán chora, a silveira non dá moras.

Con esta última entrada despedimos o curso, desexándovos a todos e todas un feliz verán e moita saúde ata o curso que vén.

O refrán deste mes explícanos que a choiva de xuño prexudica a algúns froitos como, por exemplo, as moras ou as uvas dos viñedos.

Por outra banda, temos que falar da popular festa de San Xoán e o seu significado na nosa cultura. Festexamos a noite de San Xoán para celebrar o solsticio de verán. Dise que a finalidade das lumaradas é darlle máis forza ao sol xa que a partir de aí os días vanse facendo cada vez máis curtos. Pero aquí, na nosa terra, sabemos que nesa noite podemos comunicarnos co mundo do máis alá, e é o mellor momento para espantar aos malos espíritos, xa que “no San Xoán, meigas e bruxas fuxirán”.

Algúns ritos para practicar esa noite son:

- Saltar a fogueira nove veces para escorrentar aos malos espíritos.

- Elaborar o ramo de San Xoán con herbas como fiúncho, fento, romeu ou herba luísa.

- Meter esas herbas en auga de sete fontes distintas e deixala toda a noite para lavar a cara con ela ao día seguinte.

Así que non vos esquezades  de acender a vosa cacharela o día 23 ás 12 da noite, sáltala con precaución, bailar ao son de gaitas e pandeiretas e, por suposto, comer unhas sardiñas cun anaco de pan ou cachelos.

RECINOVA LETRAS GALEGA 2020: RICARDO CARBALLO CALERO

LETRAS GALEGAS 2020

HOMENAXE A RICARDO CARBALLO CALERO

Ricardo Carballo Calero, ou Carvalho Calero, naceu no ano 1910 en Ferrol, e morreu en Santiago de Compostela no 1990. Realizou os seus estudos universitarios en Santiago onde se licenciou en Dereito e en Filosofía e Letras.

Entre outras cousas, ingresou na Real Academia Galega no ano 1958, foi mestre, e profesor na Universidade de Santiago de Compostela converténdose no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas.

Ricardo Carballo Calero foi un notable poeta, dramaturgo, narrador e ensaísta, e publicou unha morea de obras.

 

 

Como veciño de Ferrol, na nosa cidade consérvanse anacos da súa vida, e levan o seu nome rúas e edificios importantes. A súa casa atópase na rúa San Francisco no barrio de Ferrol Vello.


Queredes coñecer máis sobre a súa vida? O equipo de DLG elaborou unha presentación de google na que tamén se inclúen enlaces a videos e actividades interactivas elaboradas noutros centros. Premede na seguinte ligazón:

Unha viaxe pola vida de Ricardo Carballo Calero

(Unha vez aberto o documento premer en "Iniciar Presentación")

Máis recursos na aula virtual.

Galeconsello maio 2020

REFRÁN 5

"Marzo ventoso e abril chuvioso, sacan a maio florido e fermoso"

Xa estamos no mes de maio, mes das flores e da primavera. Este refrán popular explícanos que, se no mes de marzo fixo vento e abril foi un mes no que choveu moito, en maio os campos están máis coloridos que nunca. Nós, por sorte, xa podemos velos, aínda que só sexa unha hora ao día.

 

 

MAIOS NOS BALCÓNS

O equipo de Dinamización da Lingua Galega está moi agradecido ao alumnado e ás súas familias polas imaxes enviadas dos traballos elaborados, que nos permiten non esquecer esta Festa dos Maios.

Todas as fotos recibidas están publicadas na galería, no álbum Maios nos balcóns (incluído na categoría Act. Complementarias 19/20).

E Fran, o noso profe de música, compuxo unha preciosa canción que queremos compartir con toda a comunidade educativa do CEIP Recimil por medio do seguinte vídeo.

 

NO RECIMIL CELEBRAMOS OS MAIOS!

Saúdos familias.

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro e, a pesares da situación actual, resistímonos a perder unha celebración tan nosa como é a Festa dos Maios. Por iso, convidámovos a festexalo con nós, imos encher de primavera as nosas fiestras!

O vindeiro domingo 3 decoraremos as nosas xanelas ou balcóns cos nosos maios. Para iso, a próxima semana podedes elaborar un maio utilizando os materiais que teñades na casa. Se queredes, enviade unha fotografía do resultado ao correo electrónico colerecimil@gmail.com que subiremos á páxina web do cole. Por suposto, podedes saír vós tamén!

Deixámosvos algúns enlaces web que vos poden servir de axuda. Que mellor xeito de celebrar que facendo cousas en familia!

Apertas.

 

- Vídeo flores de papel 1

- Vídeo flores de papel 2

- Vídeo flores de papel 3

 

 

 

Galeconsello abril 2020

Refrán 4

"Se queres saber cando é abril, a anduriña viracho dicir"

Comezamos o mes de abril e, aínda que as cousas non están saíndo como esperabamos, temos que ser positivos e pensar que cada día que pase significa un día menos de encerro. Máis cedo que tarde estaremos todos xuntos paseando polas rúas, xa o veredes.

O refrán deste mes achéganos á nosa fauna, é dicir, a un animaliño moi coñecido por todos nós: a anduriña ou andoriña, os dous nomes son correctos.

O equinoccio de primavera tivo lugar o pasado 20 de marzo. É a partires de abril cando as nosas amigas regresan dunha longa viaxe anunciándonos a chegada da estación das flores.

Que de onde voltan? Pois nin máis nin menos que do continente africano! Para quen non o sabiades, as anduriñas son aves migratorias, o que quere dicir que, cando chega o inverno, e para protexerse do frío e poder alimentarse, viaxan a lugares máis cálidos e cunha morea de bichiños para comer.

Inician a viaxe nos meses de setembro e outubro, e non chegan aquí ata agora! 

Debemos estar ben ledos, en pouco tempo verémoas voar e fabricar os seus preciosos e laboriosos niños. Benvidas!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut