PROXECTO: NO PATIO DE XOGOS, DIVERTÍMONOS TOD@S!

Aquí podedes ver unha videomontaxe sobre o cambio que vén de acontecer no patio escolar, no tempo de RECREO. Os primeiros vinte días o patio ofertou un total de 24 XOGOS DE BENVIDA.

Neste mes de outubro comeza a segunda proposta: XOGOS TRADICIONAIS. Como preludio do Samagostín que chegará no remate deste mes.

 

 Pero.... POR QUÉ UNHA NOVA PROPOSTA DOS RECREOS????Sorprendido

O novo curso trouxo cambios na organización e oferta do PATIO ESCOLAR, o lugar máis prezado polo noso alumnado, onde se sae gozar dun tempo de merenda e lecer.

Partimos dun dos lemas das Cidades Educadoras referíndose á importancia da educación informal: “Educar para o tempo libre, tamén é educar”. Os patios escolares deben contribuir a iso, sendo o máis interactivos posibles. Sendo o máis racionais no seu aproveitamento, o máis coeducativos no tocante a xénero, o máis inclusivos, e o máis integradores e acolledores.

 Na sociedade actual os noso fillos e fillas descoñecen a variedade e a orixe do mundo lúdico. Fáltanlles vivenzas que lles posibiliten ser quen de elexir. Niso tamén temos a nosa responsabilidade o mundo adulto.

O proxecto dálle a palabra ao alumnado. Leva por título:

“No PATIO DE XOGO, divertímonos tod@s”

Outro PATIO é POSIBLE!

Trátase de dinamizar o patio escolar cunha oferta lúdica ampla e variada. Oferta que muda cada vinte días, ou mensualmente, amosando diferentes xogos  nun número amplo que permita ao alumnado atopar o seu oco, vivenciar e aprender novas propostas e respectar a quen xoga “diferente”. Un proxecto inclusivo e colaborativo. Que se avalía, e se corrixen as súas eivas. Que pretende mellorar día a día.

Os usuarios (nenas e nenos) teñen moito que dicir e aportar para o deseño final do seu tempo de lecer no Colexio Balaídos. Eles e vós, as familias, podedes achegar suxerencias e inquedanzas, tamén colaboracións.  

Este proxecto está coordinado por unha Comisión de Profesorado (2 mestres da Area de E. Física, 3 representantes dos niveis de E. Primaria e 1 de E.Infantil). A avaliación e seguimento do proxecto agardamos que permita, no remate de curso, tomar decisións para un cambio racional e permanente (quizais definitivo), co que iso implique para a organización do PATIO deste centro escolar.

Sempre tendo en mente aos grandes beneficiarios/as: o alumnado.

E a grande meta: a convivencia e o goce.

Back to top