VI Xornada dos Clubs de Lectura 2013
O venres 31 de maio celebramos na EGAP, en Santiago de Compostela, a VI Xornada dos Clubs de Lectura na que se darán cita os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura de centros de ensino público de Galicia. Esta é unha actividade integrada no programa HORA DE LER para o fomento da lectura en centros de ensino, dentro do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Unha actividade aberta e voluntaria, realizada fóra de horario escolar, dirixida ás persoas que queren ler e compartir as súas impresións e opinións.
Os clubs de lectura son unha das fórmulas de fomento da lectura que máis contribúe á consolidación do hábito lector e á adquisición de competencia lectora, moi relacionada co éxito académico.
Un espazo onde os papeis se difuminan: o alumnado e o profesorado, nais e pais, persoal non docente nos clubs con participación de adultos, todos somos persoas que len, opinan e comparten.