Novidades no inicio de curso sobre a aplicación PROENS e a formación sobre deseño curricular

Mar, 12/09/2023 - 10:30

Neste curso 2023/24 complétase a implantación das ensinanzas LOMLOE nas etapas de primaria, secundaria e bacharelato coa entrada dos novos currículos nos cursos pares.

O profesorado, para cumprir coa función de planificar as ensinanzas que ten encomendadas, seguirá a contar coa aplicación de programacións Proens como ferramenta de axuda neste labor, así como cunha serie de documentos para orientar o seu traballo de planificación do curso académico.

Nas programacións didácticas dos cursos impares, este curso a aplicación Proens permitirá recuperar as programacións elaboradas no curso anterior no propio centro ou elaboradas pola/o docente noutro centro, o que facilitará o deseño das programacións no caso de que a docente ou o docente soamente desexe introducir pequenas modificacións ou axustes de cara ao curso 2023/24. Tamén permitirá partir dun modelo baleiro ou empregar a programación que a modo de exemplo orienta sobre os diferentes apartados que conformar a programación didáctica.

Nas programacións didácticas das novas materias dos cursos pares, para facilitar o labor docente a aplicación Proens contará con programacións exemplo de axuda.

Tamén, na liña de axudar e orientar ao colectivo de docentes a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicou recentemente O manual de axuda para a elaboración das programacións didácticas, manual con explicacións e exemplos para axudar e guiar na planificación do proceso de ensino e aprendizaxe.

Nova versión de Proens

A aplicación Proens segue a mellorar e configurar novas funcionalidades de cara a facilitar a elaboración da documentación que ao longo do curso debe xestionar o profesorado coa finalidade de recoller as evidencias e as decisións en torno ao proceso educativo do alumnado.

Nos vindeiros días a aplicación Proens actualizarase á unha nova versión, incorporando melloras e algunhas novidades, entre as que se destacan a nova funcionalidade de elaboración das adaptacións curriculares individualizadas, permitindo reducir, suprimir ou modificar os criterios de avaliación e os contidos na programación didáctica en cada unha das áreas ou materias.

Esta nova versión tamén permitirá elaborar programacións didácticas do bacharelato no réxime de adultos a partir dos correspondentes currículos e elaborar programacións de ámbitos e de materias de forma independente nun mesmo nivel educativo da ESO no caso de que nalgún grupo se solicitara a creación de ámbitos con varias materias, e que debe contar cunha programación diferente do dito ámbito.

Completarase o apartado 10. Anexo coa información do currículo das áreas/materia para que o profesorado poida consultar dun xeito cómodo a introdución, os obxectivos e a súa descrición, e as liñas de actuación.

Outras melloras que presentará esta versión é a incorporación dunha caixa de texto libre na pantalla 2. Obxectivos e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias para xustificar, de ser o caso, a ampliación de relación dos obxectivos coas competencias clave e na pantalla 7.2. Actividades complementarias permitirá a vinculación da actividade cos trimestres.

Formación do profesorado

Co obxectivo de que o profesorado coñeza os novos currículos e os principais cambios e novidades introducidos pola normativa nas diferentes etapas educativas, a Rede de formación de profesorado propón diferentes accións na procura dun itinerario formativo enmarcado nas competencias relacionadas co deseño curricular.

Así, o próximo 30 de setembro realizarase unha Xornada de Aproximación aos novos currículos, de 8 horas de duración, co obxectivo de contextualizar o currículo a partir do novo modelo de currículo galego e de reflexionar e analizar os cambios introducidos pola LOMLOE. Prazo de inscrición aberto ata o 15 de setembro.

Os cursos de formación en rede Planificación do proceso de ensino e aprendizaxe a través de PROENS. Educación infantil e primaria e Planificación do proceso de ensino e aprendizaxe a través de PROENS. Educación secundaria, cunha duración de 40 horas cada un, permitirán que arredor de 2000 docentes coñezan e integren a aplicación Proens na planificación do proceso de ensino e aprendizaxe das súas áreas e materias aprendendo o seu manexo e experimentando coas diferentes funcionalidades. Estes cursos supoñen unha formación complementaria ao curso Elaboración de programacións coa aplicación PROENS ofertado no plan de formación 2022/23 ao estar centrado non so no manexo da propia aplicación senón tamén na abordaxe dos contido dos diferentes apartados que conforman a programación, o seguimento e outras opcións que ofrece a aplicación. Prazo de inscrición aberto ata o 15 de setembro.

Documentos de interese

A páxina principal da aplicación Proens presenta documentos de interese de cara ao emprego da aplicación Proens. Tamén informa das novidades e das diferentes actualizacións que se van acometendo.

Neste inicio de curso, os centros poden atopar nesa páxina principal os seguintes documentos:

  • Configuración Xade para acceso á aplicación Proens. Documento dirixido aos equipos directivos que recolle a explicación de como configurar XADE para que o profesorado poida acceder ás áreas/materias das que debe elaborar a programación na aplicación Proens.

  • O novo currículo galego e aplicación Proens . Información sobre o modelo de currículo galego explicando os elementos curriculares que conforman cada área, materia ou ámbito e as diferentes funcionalidades de Proens indicando o manexo da aplicación.