Título node Learning object

Programación polo 20 aniversario do pasamento de Camilo José Cela
Ven, 18/02/2022 - 09:35
Camilo José Cela

A Xunta conmemora o 20 aniversario do pasamento de Cela con accións diversas e participativas arredor da súa figura e do seu legado

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, abriu o pasado 17 de xaneiro, cabodano de Camilo José Cela, a programación conmemorativa da Xunta polo 20 aniversario do falecemento do Premio Nobel de Literatura galego, cunha ofrenda floral no cemiterio de Santa María de Adina, en Padrón. O acto supuxo a primeira das numerosas accións divulgativas da figura e do legado do escritor que terán lugar ao longo de 2022.

A programación, á que se referiu como “completa, diversa e participativa, que abrangue as catro provincias galegas e inclúe accións e acordos con institucións de fóra de Galicia”. Tamén salientou o labor da Fundación Cela como “axente dinamizador do panorama cultural galego e nacional”, e como referente na xestión do seu legado.

Haberá catro proxectos expositivos centrados na figura de Cela. O primeiro deles será Cela poliédrico, unha mostra itinerante que percorrerá de marzo a outubro as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. A través dela afondarase nas diferentes facetas do autor, ademais de incluír aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria. O segundo ten como obxectivo a celebración dos 80 anos da publicación de La familia de Pascual Duarte, a primeira grande obra de Cela. Será en outubro no Museo Camilo José Cela de Padrón, co legado que alí se conserva.

As outras dúas exposicións son colaboracións. Unha delas céntrase na figura de Cela como senador e, especial, na súa participación na redacción da Constitución española. Realizarase conxuntamente coa Delegación do Goberno da Rioxa. E en maio a Fundación Camilo José Cela participará na mostra 

Primeras ediciones y libros antiguos, organizada no Museo da Ciudat Casa Polo, en Castellón, co préstamo das primeiras edicións de La familia de Pascual Duarte, La colmena e Viaje a la Alcarria.

Ás exposicións súmanse diferentes actividades desde o ámbito académico que se celebrarán en Madrid e Cataluña. Deste xeito, Barcelona acollerá en maio o seminario Camilo José Cela. Palabra e imagen, organizado pola Universidade de Barcelona en colaboración coa Fundación Camilo José Cela. Dará continuidade ao encontro desenvolvido o pasado ano no marco da exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea Carles Fontseré e Camilo José Cela. Nueva York amarga. Ademais, en outono, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España celebrarase unha xornada académica co gallo dos 80 anos da publicación de La Familia de Pascual Duarte. Celebrarase na sede da Biblioteca Nacional, en Madrid.

         O 11 de maio, aniversario do nacemento do escritor, haberá unha lectura pública da novela A rosa, na que narra a súa infancia en Galicia. O acto terá lugar no marco do Letreseo, a semana das letras no Museo Camilo José Cela. Este título protagonizará tamén unha ficción sonora en colaboración con Radio Nacional de España.

Tamén en 2022 verá a luz o primeiro número da revista dixital Cuadernos de Iria Flavia da man da Fundación Camilo José Cela. Incluirá artigos sobre efemérides ou pezas do Nobel, textos inéditos de autores noveis, achegas de investigadores, escritores ou xornalistas e unha sección dedicada ás artes visuais. A Fundación organizará tamén visitas e obradoiros para escolares, así como material didáctico.

Ademais, a Xunta iniciará este ano o proceso de rehabilitación e musealización da locomotora coñecida como Sarita, peza principal do Museo do Ferrocarril que forma parte do Museo Camilo José Cela, co obxectivo de integrala na museografía exterior deste espazo. O proxecto de restauración inclúe a súa posta a punto, a construción dunha cuberta para protexela, a colocación de ramplas para o acceso á sala de máquinas e a protección das pezas interiores.

Máis información

www.fundacioncela.gal