Xornadas de Formación no Grao de Educación infantil e primaria

Universidade da Coruña (UDC) e Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) colaboran na posta en práctica das Xornadas de Formación no Grao de Educación Infantil e Primaria que se levarán a cabo entro o 2 de novembro e o 19 de decembro.
Sáb, 31/10/2020 - 20:33
Formación do Grao de Infantil e Primaria
Formación do Grao de Infantil e Primaria

Un curso mais, o CFR de A Coruña colabora coa UDC na posta en marcha das Xornadas de Formación no Grao de Educación Infantil e Primaria enmarcadas no Plan de Practicum deste Grao.

Estas xornadas levaranse a cabo entre o 2 de novembro e o 19 de decembro. Serán en formato online por mor do especial contexto derivado do COVID19 no que se enmarca este curso.

A constitución de espazos estables de intercambio e colaborativos entre a administración educativa e as universidades representan, especialmente neste momento de cambio, unha boa forma de establecer unha canle para o debate, o diálogo e o reforzo da coherencia do sistema educativo e enfocalo a acadar os necesarios consensos e coñecementos.

En definitiva, faise necesario que a formación inicial e permanente do profesorado busquen achegarse o máis posible desde unha perspectiva compartida e rigorosa da profesión docente, de xeito que se dote ao sistema educativo galego de ferramentas e recursos que permitan aos profesionais da docencia, actuais e futuros, acadar o máximo desenvolvemento. E no contexto que estamos a vivir son precisamente as competencias profesionais docentes, e entre elas as dixitais, unhas das máis necesarias.

Estas xornadas supoñen unha contorna privilexiada para a colaboración entre os profesionais docentes universitarios galegos e a rede de formación permanente do profesorado, no que compartir e enriquecerse mutuamente.