Título node Learning object
O programa ‘Educar en Xustiza’, promovido polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Gabinete de Comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), está dirixido ao alumnado de 3º/4º de ESO e Bacharelato dos centros educativos públicos, privados e concertados galegos. Asistirá a xuízos nos órganos xudiciais da comunidade e terá a oportunidade de debater sobre os casos cos xuíces/xuízas que presiden cada sesión. O obxectivo desta iniciativa é achegar a xustiza á mocidade para que coñeza o seu funcionamento, con especial incidencia en aspectos que lle poidan afectar de xeito directo:
-
A violencia de xénero, delitos que teñen que ver co uso das redes sociais, o acoso escolar, o sexting ou outros relacionados co consumo de drogas.
-
A xurisdición de menores (dereitos que lles asisten e o sistema de imposición de penas), así como os seus dereitos e obrigas a partir da Lei Orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor.
Os centros interesados deben dirixir a súa solicitude ao correo electrónico comunicacion.tsxg@xunta.gal, indicando os seguintes datos:
-
Nome do centro.
-
Número de alumnos/as que farán a visita e curso (é preciso que elixan un só curso poden ser varias clases do mesmo-).
-
Nome e cargo da persoa de contacto que acompañará ao alumnado na visita.
-
Enderezo electrónico e teléfono da persoa de contacto.
-
Localidade de preferencia para realizar a visita (escoller un dos 45 partidos xudiciais de Galicia).
-
Mes de preferencia para realizar a visita.
Funcionamento do programa
Os centros educativos cubrirán o formulario anterior e enviarano ao correo electrónico comunicacion.tsxg@xunta.gal. Posteriormente, persoal do Gabinete de Comunicación do TSXG poñerase en contacto cos profesores responsables da actividade para organizar a visita: hora de chegada, hora de comezo dos xuízos, entrevista cos xuíces/zas, normas dentro dos xulgados, etc.
Atoparán máis información sobre o programa na páxina web do Consello Xeral do Poder Xudicial